SMARA, Paula Carballeira

Hoxe no recreo, na Biblioteca, acercámonos un pouco ó Sáhara. O novo grupo de alumnos do Club que vedes na foto (e tamén varios profes que quixeron asistir á reunión) escoitamos ó noso compañeiro Carlos Parada que preparou unha presentación sobre o Sáhara e a súa experiencia directa alí, cando estivo no 2004. Atentamente, moi atentamente, os rapaces fixáronse no que nos contaba desa cultura tan distinta á nosa, a vida diaria alí, miraban fixamente as fotos, as persoas que aparecían na pantalla e non sei si a algún lle espertou a curiosidade de saber máis dese pobo que loita con esperanza. Seguro que estes días repararán máis nas noticias de actualidade! No blog dunha amiga (Gracia) podedes ver un vídeo de hai máis dun ano no que tamén reflexiona sobre a situación deste lugar do mundo.
Logo dos comentarios de Carlos, charlamos algo deste libro de Paula Carballeira. Creo que é un texto que se le doadamente, porque recorda esas historias contadas polos avós das que sempre aprendemos algo novo cando as escoitamos outra vez... Ademais, as magníficas ilustracións de Carole Hénaff fannos deter en moitas páxinas e trasladarnos a un mundo moi distinto ó noso: ó deserto. Son debuxos de gran colorido e forza visual que atrapan a imaxinación (polo menos a miña!!) e me fan desexar coñecer eses lugares, olores e noites estreladas...
Espero que os rapaces fagan algún comentario... Eu podo dicir que me fascinaron as ilustracións. E, do texto, o modo en que a avoa Ubago fala da morte, describe os ouveos dos cans e rememora antes dese momento historias máxicas. Mentres lía fun quen de imaxinar a un neno desexoso por coñecer o final de cada historia contada, case nervioso cando o conto se interrumpía! Tamén me fixo pensar nas lembranzas dese rapaz que chega a outra cultura, neno ó que ó seu pai "non lle gustaban os contos, prefería falarme de paisaxes, das xentes, do grande que era o mundo" (p. 7) pero que decide levalo ao deserto, lugar onde si lle contarán historias (posiblemente dunha tradición moi distinta á da nosa cultura persoal pero en definitiva soños que lle farán voar e ter outra visión da vida).
Grazas a Carlos por poñerlle rostro a un lugar onde se ambientaba a historia deste mes.

2 comentarios:

A mi me gusto mucho eescuchar lo que nos contaron

10 de diciembre de 2009, 19:02  

Linlle o libro ó meu fillo Antón (6anos) e quere poñer que lle gustou o debuxo do león e o dos 19 ollos!

10 de diciembre de 2009, 20:29  

Entrada más reciente Entrada antigua Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds