TARDES CON MARGUERITTE, de Marie-Sabine Roger

A recomendación deste libro por parte de dúas amigas "lectoras" fixo que o mercase de inmediato e, teño que recoñecer, pareceume marabilloso. Creo que tamén lles gustou ós compoñentes dos dous grupos de maiores, así o afirmaron polos comentarios minuciosos do texto. Arrincounos máis dun sorriso esta tarde de conversa...
Optimismo, frescura ou comprensión son palabras que serven para calificar este libro. O contraste entre un mozo e unha anciá que comparten conversacións e lecturas nun banco dun parque deixa, tras cada fragmento, unha sensación de tranquilidade e de calma. Tamén queda a pegada de que o afán de superación sempre é posible, aínda que ós personaxes lles rodee unha soidade que se verá colmada polo descubremento apaixoado das lecturas e do pracer de escoitar. Gustoume comprobar con este libro que preocuparse polos outros pode ser a orixe de que alguén poida cambiar para positivo a súa vida. Canto máis se dá máis se recibe, máis frores e froitos xorden...
Nesta tarde falamos de Margueritte, de lecturas, de cariño, de comprensión e de palabras; moitas palabras que xurdiron dun parque e de moitas tardes compartidas (como as nosas tardes de libros en Balbordo, na Biblioteca).

1 comentarios:

Non estou soa se teño un libro. Este non é unicamente unha ventá aberta ao mundo: en ocasións actúa como unha cheminea nas dúas direccións -chegando á nosa alma e facendo que esta reaccione exteriormente; outras veces é o relaxante que fai que esquezamos desacougos internos; e sempre, sempre é o compañeiro fiel dunha soidade que deixa de molestarme cando o abro pola primeira páxina.
"Tardes con Margueritte" é a tenrura, o sorriso, a risa chea e verdadeira, o optimismo, o triunfo da forza das palabras e do afán de superación. Recomendémolo! Pilar Saavedra

7 de marzo de 2010, 22:25  

Entrada más reciente Entrada antigua Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds