Dende hai tres anos xa, no mes de xuño hai reunión con sorpresa. Este curso unha delas foi a TARTA-LIBRO que Susana (unha nai de Balbordo) nos trouxo para o postre. Unha deliciosa tarta moi literaria e personalizada.
Ademais, Jorge Marcos (que leva tres anos en Balbordo e o próximo ano se traslada de centro), preparou as palabras que van a continuación e unha agradable sorpresa na que todos tivemos que ler, un conxuro moi especial en galego e inglés... Moi divertido!


GRAZAS A TODOS.

E estas foron as palabras de Jorge Marcos:
"Cando se me propuxo participar activamente nesta cea pensei: por min perfecto, encántame comer, pero claro, a invitación tiña trampa. Eu que son de cándida naturaza, notaba que ela, a muller de longa melena e que sempre anda a correr, me quería decir algo e non se atrevía, ata que, armándose de valor me di: tes que facer comentarios no blog!! Ui, esto non era, pensa en algo para facer nesta noite.
E xa me vedes a min preparando este discurso que nin pretendo que sexa sermón, nin estamos nun monte( referencia inevitable…)
Mirade, na miña infancia, como na de case todos, ser o segundo de varios irmáns nunca trae nada bo e se, por riba, o primeiro che sae listo case sempre é de noite, pois todos os focos apuntan sempre hacia él. Encima a él dáballe por ler, que farda moito convertíndote nun ser moito mais interesante, se cabe. A min o que me gustaba era xogar ao fútbol e adentrarme o mais pronto posible no misterioso mundo femenino, non fora ser que me pasara o sol pola porta.. tiña eu, 14 anos.
Que te manden para o Seminario a esa idade é para pensar se realmente os teus pais queren para ti o mellor, ou, simplemente, sacarte de en medio, pero co tempo entendín o acertado daquela decisión..
Alá coñecín ao meu tutor que, paradoxas do destino, sempre me levaba a un despacho cheo de libros e me comentaba o último que lera…e pensaba, o día que me atreva a abrir un que non sexa de lectura obrigada nos estudios, fago festa!!!!!
Ler parecíame aburrido, lento e mais ben, inútil.
Encima cando unha vez ao mes ia á casa, aparecía o lumbreras/literato, é dicir, o primoxénito, non deixándome dormir xa que me lia os seus bocetos de futuras novelas mundialmente famosas; a min sinceramente o único que me gustaba era cando nelas se falaba dalgún persoaxe que coñecía.
Mais cando me fixen maior de idade e observei que o meu éxito co xénero femenino era, cando menos, bastante discreto, ao contrario do Cervantes familiar, empecei a ler e un mundo novo se abriu en min. Foi cando tiven por compañeiro a Xerardo Quintiá que me leu moitos dos seus poemas e comentamos lecturas do mais variado… de fútbol non falabamos xa que él se nega a comentar algo que conteña un balón por medio..
E descubrín, entón, que un libro é un depósito de momentos felices, un sitio onde a vida é xusta, un refuxio. A emoción é refuxio, a memoria, tamén. E iso é un libro, emoción e refuxio. Sempre me gustou mirar para aquelas persoas que gastan o seu tempo cun libro entre as mans, mais non penso xa no libro, senón no recordo que ese libro deixa en nós.
Acaso ese refuxio que supón un libro, non se converte nos peores días, no recordo de tempos felices? E é que cando lemos, nunca estamos sos.
Pero, por qué ler, ao fin e ao cabo? Porque nos fai libres, libres para saber que a nosa vida é nosa, para saber que ao noso redor hai persoas que non tiveron unha existencia doada, para saber que esa nosa sorte non nos fai mellares; nin complexos nin orgullo, instrucción para porse na pel do outro. Se ler non nos aporta nada para a vida cotiá, serve de pouco. Tiven profesores que leron moreas de libros, pero estaban aillados do mundanal ruido; eran sabios, mais agora penso que sabio é aquel que o que le lle serve para trasfomar a realidade. Por iso, toda biblioteca é antes un taller que un almacén, mais viña que adega. Pero queridos amigos, non creo que todo libro teña que ser leido; eu tamén desprecio os libros xa que ante eles hai que ser exixentes,lelos sen concesións,criticalos sen piedade, será así como den froito e o den en abundanza…sóavos a frase?...

O clube de lectura dende que botou a andar deu froito abundante. Fermoso é nestes tempos xuntarse coa excusa de ler un libro, pero o que alá xurdeu, foi mais que simples comentarios de textos. En cada reunión, admirabamos a capacidade de cadaquén para saber mirar o mundo dese libro dende o seu modo de pensar, ideas encontradas, persoas encontradas, páxinas que se revelan a nós de xeito dispar.. pero qué gratificante é conversar, ler en compañía, disfrutar dos outros, desos xestos que nos fan familiares…ler une, o clube une.. Fomos invitados a bailes, tivemos un quinto fillo, cruzamos fronteiras de noite entre o amor e a morte, pagamos nos peaxes con letras en vez de euros. E todo, todo, por obra e gracia da divina providencia.
Pero, por qué ler? Sigo a preguntarme e preguntarvos; porque nos fai mais humanos, mais libres, compasivos e ás veces , mais felices e por moito que me pese recoñecelo, teño que agradecer ao primoxénito do meu clan e a todos vos, especialmente a Bea e Mariluz, ausente, os momentos compartidos á beira dun libro.
Temos o epílogo por escribir…esa será a nosa tarefa,compartida".

0 comentarios:

Entrada más reciente Entrada antigua Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds