O ESCONXURADOR, X. Manuel Marcos

O venres 13, os adultos de Balbordo compartimos case dúas horas de amenísima charla con X. Manuel Marcos, que se achegou ata o noso Club e nos fixo disfrutar con moitos detalles da xestación dun dos seus libros: O esconxurador.
É un texto que atrapa e nos achega a unha terra familiar e máxica. Dous personaxes principais (o pai-esconxurador- e a súa filla -dotada de poderes especiais) percorren camiños, resolven diversas probas que outras persoas (ou a propia vida) plantexan e nos ofrecen a oportunidade de ler pequenas historias, entrelazadas perfectamente no fío argumental, das que tamén pai e filla son protagonistas e que teñen resonancias da oralidade, da forza das narracións que despertan medos, misterios e imaxinación: "As campás mergulladas", "As nove doncelas", "O trasgo dos sequeiros","A moura da encrucillada"...
Con Xesús charlamos sobre o argumento do libro, a persoa na que se inspirou para construir o personaxe de Rentar (Filomena Arias, "a meiga de Torbeo"), das probas que os protagonistas se atopan no seu camiño, das tradicións, da cronoloxía da historia, da existencia ou non da chamada literatura fantástica... En fin, que foi un verdadeiro pracer ter a oportunidade de reflexionar sobre a obra na presenza do seu autor.
Moitas grazas, Xesús. Leremos O bebedor de Rakia, publicado recentemente.

2 comentarios:

Antes de nada darlle as grazas a Xesús Manuel Marcos por haber asistido a reunión do Clube de Lectura e compartir con nos as inquedanzas que lle levaron a escribir esta novela.

Máis de dúas horas estivemos reunidos escoitando todas as súas explicacións, moitas das cales a min sorprendéronme gratamente. Cando lin o libro pensaba que practicamente todo o que se contaba eran cousas fantásticas que nada tiñan que ver coa realidade, pero resulta que moitos dos feitos e dos contos do libro teñen unha orixe moi curiosa, en “lendas” que o autor escoitou cando era cativo na zona do Courel.

Coma sempre, discutimos e discutimos; aínda que esta vez Xurxo estivo máis calado do que en él é habitual. A pregunta que queda no ar pode ser se Rentar é feliz coa vida que lle tocou vivir ou se algún día decidirá deixar o pai e ir a ver que hai no mundo da nai… ¿Haberá segunda parte?.

Menuda reunión máis entretenida……¡¡¡Mi PADRE!!!...

17 de mayo de 2011, 11:49  

Por alusións, véxome na obriga de sair á palestra en defensa do meu "silencio" na reunión. Se lembrades no libro, Xurxiño era un cativo que pasaba as horas chorando e que so atopou consolo, na moura que o amamantou...logo creceu forte e san pero sempre lle quedou aquelo de gardar silencio cando atopa un tesouro e balbordo é un tesouro. Graciñas " primoxénito" por compartir connosco esa tarde e por explicarnos todo aquelo que viaxa dentro de ti e te fai crear.Unha aperta para todos.

19 de mayo de 2011, 17:15  

Entrada más reciente Entrada antigua Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds