Mostrando entradas con la etiqueta Aventuras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Aventuras. Mostrar todas las entradas

E seguindo este mes de abril con libros "disparatados"... Alicia no país das marabillas de L. Carroll non podía faltar para o grupo 1 dos rapaces maiores.
Penso que é un libro de múltiples suxestións e lecturas
, que incita a soñar e a medrar sen abandoar a inxenuidade e a capacidade infantil de crer nos imposibles.


Falamos do texto, dos personaxes, das distintas aventuras... e vimos varios libros Pop-up que lles encantaron e nos serviron de base para ir recordando aspectos da historia.
A continuación déixovos algunha imaxe dos momentos que vivimos esta mañá con Alicia no país das marabillas

SIR GADABOUT, M. BEARDSLEY NO GRUPO 2

Este divertido libro de Martyn Beardsley (con ilustracións de Tony Ross) foi o comentado no grupo 2 de rapaces pequenos de Balbordo.
Insensatas aventuras protagonizadas por un cabaleiro que debe rescatar á raíña Ginebra cando ela desaparece raptada por dúas bruxas malvadas. Nas súas andanzas acompáñao un gato moi especial e un escudeiro: Herbert.
Ambientado nunha Idade Media chea de anacronismos, que provocan a risa do lector, e disparatada (posto que hai alusións a inventos técnicos e circunstancias da vida da actualidade) hai continuas alusións a personaxes xa coñecidos polos rapaces por outras lecturas ou os seus coñecementos como o Rei Arturo e os cabaleiros da táboa redonda.
Un libro que lles resultou divertido, con ilustracións que tamén fan máis amena a lectura.

Comezamos a primeira reunión do curso, con varias ausencias, no grupo 2. Pola mesa circulaban os pasaportes e algún que outro libro do texto de P. Pullman elixido para comezar o curso.
O primeiro comentario foi que lles gustara.
Moito falamos da confianza que os pais depositan (ou non) nos fillos, das aventuras que pasa Lila para conseguir o que buscaba, do seu carácter, do valor da amizade, das costumes expostas no texto...
É un libro curto, sinxelo e moi fácil de ler. Penso que agocha moitos temas interesantes que xurden cando un comeza a medrar e quere tomar as súas propias decisións. A curta aventura que vive a protagonista permítelle descubrir que algunhas cousas non se logran sen contar coa axuda dos outros e que hai que loitar polo que un desexa.

Un libro moi entretido.

Teño pensado moito sobre o motivo polo que os rapaces son entusiastas devoradores de literatura fantástica e de aventuras. Supoño que significa unha grande evasión hacia mundos que recordan ós contos e levan a ambientes totalmente descoñecidos. Esto sucede no libro El Secreto de If; foi unha lectura que lles arrincou encarecidos comentarios. Algúns destes foron: a voda noutro reino que desencadena os acontecementos da historia, varias probas, unha perigosa viaxe, unha torre invisible na que un mozo está privado de liberdade dende que naceu, seres máxicos, unha princesa, un mago, un terrible dragón, claves secretas para desvelar un misterio...

As distintas características dos personaxes (de gran lealdade, valentes, loitadores, sacrificados...) tamén foron motivo de conversa. Uns momentos moi agradables os que compartimos falando do Secreto de If.

Os autores da obra proposta para este mes son os mesmos da coñecida serie La llave del tiempo que tanto prestamos na nosa biblioteca. No Secreto de If, unha torre invisible na que un xove está privado dende o seu nacemento da liberdade, seres máxicos, unha princesa, un mago, un dragón, unha viaxe moi perigosa, claves secretas para desvelar un misterio, unha voda que desencadena os acontecementos da historia... son algúns dos elementos deste texto de literatura fantástica.

O libro, premio El Barco de Vapor 2008, permitiunus falar de soños, loitas, lealtade, afán de superación, características dos personaxes, búsqueda da verdade e maxia... Aínda que, por momentos, foi un pouco difícil concentrarse porque as palabras soltas que había na mesa da Biblioteca para elaborar poemas con motivo do Día da Poesía eran moi tentadoras para probar que podía saír facendo combinacións!

De todos modos, a imaxinación e a intriga como compoñentes esenciais do libro fixéronnos viaxar cos protagonistas ata un reino moi moi lonxano: o que cada un de nós inventou unha vez pechamos a última páxina da historia.

R.L.STEVENSON, A ILLA DO TESOURO

Cando pensei en seleccionar este clásico de aventuras para o grupo de rapaces do Club busquei o exemplar da Illa do tesouro no que lin o libro na miña adolescencia; tiña as follas amarelas polo paso do tempo, as marcas nalgunha páxina que hai anos debín de reler, o olor tan característico dos libros vellos que encerran tantas historias de cada un de nós… Empezaron a circular ante os meus ollos palabras que xa tiña esquecidas: J. Silver, a mota negra, Perro negro, capitán Stevenson, Jim, pousada do Almirante Bembow, capitán Flint, Ben Gunn… e de súpeto recordei algunhas sensacións e imaxes do momento mesmo no que esta lectura de hai tantos anos chegou ás miñas mans. Si o libro aínda provocaba esa forza para mín supuxen que, a pesar de non ser un texto actual, podería agradarlles a eles. Polo que me dixeron na reunión a obra gustoulles moito. Só unha alumna me comentou un día polo pasillo que lle resultara moi difícil lelo porque se lle esquecía o que pasaba ¡quen sabe si nun segundo intento! e outra díxome que non lle gustara porque era un libro moi vello...
A reunión do xoves na Biblioteca foi un pouco atípica e o Recreo non deu para moito! O día antes estiveramos en Santiago e había moito que contar! Joel e Sandra, que nos representaron a todos moi ben, aínda andaban algo nerviosos! Vimos na pantalla a historia sintetizada nos 60 cromos (vídeo que podedes ver na entrada "Cromos da Illa do tesouro"), sabían ordenar perfectamente os 9 que lles entregara había días… Do libro, falaron de Jim, do tesouro, do capitán Silver, de piratas e de aventuras. Penso que no "ambiente de piratería" que vivimos estes días no centro, A illa do tesouro é a mellor mostra de que un bo libro de aventuras sempre pode estar de actualidade.
A continuación podedes ver a historia resumida en 60 cromos. (Si picades na imaxe apreciarédelos con detalle)


X. MIRANDA, MORNING STAR

Onte, os dous grupos de pais, profesores e persoal non docente do Club contamos coa presenza de X. Miranda (grazas á colaboración do Departamento de Normalización Lingüística).
A actividade de Balbordo enmarcouse no contexto de propostas para o mes de abril, mes dos libros. Entre elas hai que destacar a exposición que abarca diferentes aspectos da piratería. Miranda tratou cos alumnos o tema dos piratas na literatura e, a continuación, uníuse ó noso Club para charlar de Morning Star. Neste texto está presente (indirectamente pero como elemento importante desta historia de aventuras) o último pirata galego: Benito Soto.
O entusiasmo pola literatura que transmite Miranda cando fala e os seus dotes de comunicador fixeron da longa reunión un agradable encontro do que nos quedará un grato recordo.
Contestando ás numerosas preguntas, compartíu connosco unha reflexión sobre o minucioso proceso de elaboración das súas novelas, consideracións sobre a riqueza do léxico galego e o modo en que se reflicte na súa obra... Tamén falamos das peculiaridades dos bandoleiros que aparecen neste texto, eses homes e mulleres silenciados pola "gran historia" e esquecidos ás veces na propia memoria do pobo de Galicia. Foi admirable a amenidade coa que nos comentou os diferentes tipos de armas que utilizaban na época ou a mención á investigación que supón, por exemplo, "vestir adecuadamente" ós personaxes da súa novela.
A posibilidade de que Morning Star fose levada ó cine, e as dificultades coas que ese proxecto se atopou, fíxonos reflexionar sobre as trabas coas que talvez se atopa a literatura galega para trascender fronteiras.
Desta novela de aventuras (homenaxe tamén á Illa do tesouro) destacaría a amenidade coa que asistimos a unha busca: a dun tesouro que, como todo xogo, implica riscos, aventuras e dificultades. Nese camiño, os protagonistas percorren moitos ambientes da xeografía galega do Século XIX e crúzanse con grande variedade de personaxes. Cambian interiormente e fanse "outros" deixando atrás (ou recuperando) o pasado.
Na obra están presentes a aventura, o amor, as gavelas, os piratas, a crueldade, a morte, a amizade, a tenrura... Penso que as palabras de Miranda no Apéndice do libro ilustran a esencia do texto: "Pretendín neste libro rescatar dos arquivos non a nosa Historia senón, polo contrario, a nosa aventura, pois xulgo que o século XIX galego ben vale uns relatos e que é hora de reivindicar a nosa memoria, e todas as historias están aínda por contar" (Morning Star, Ed. Xerais, 1998, p. 268).
Grazas Miranda por aceptar esta charla autor/ lector, que poucas veces temos a oportunidade de disfrutar os que somos amantes da Literatura.

Entradas antiguas Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds