A PERLA, J. STEINBECK

O libro elixido para o grupo dos máis novos de Balbordo foi: A perla de J. Steinbeck.
É un texto breve e duro, que incita á reflexión cando remata a lectura.
Falamos do argumento, do que non entenderan no final da historia, da violencia, da crueldade, da miseria, do comportamento dalgúns personaxes...
Moi acertada e sinteticamente indicou na reunión Sabela que do texto se poderían extraer varias ensinanzas; penso que a principal é a de que a felicidade non se atopa ás veces nas cousas que pensamos a van proporcionar (no caso do libro conseguir unha perfecta perla que supostamente sacará ós protagonistas da miseria) porque a avaricia e a deshumanización poden tamén coa maior das ilusións.
A perla pode que simbolice os soños irrealizables, os desexos, as promesas... o que de súpeto é arrebatado pola fatalidade.

DIVINA PROVIDENCIA,TONG CUONG Valérie

Valérie Tong Cuong introduce (como preludio da súa novela) esta cita de Séneca, De la providencia:
"Soportémoslo, pues, todo con valor, porque las cosas no suceden por casualidad, como creemos, sino a su debido tiempo".
É un libro optimista, entretido e que penso deixa unha agradable sensación de confianza nos sentimentos humanos e nos cambios. Cheo de detalles entrelazados, e íntimos, da vida dos catro personaxes da historia que acaban cruzándose nalgún momento por acontecementos imprevisibles que darán xiros moi inesperados ás súas vidas. O xogo de encadenamentos, azar, casualidades... (no marco dunha gran cidade na que o anónimato e a invisibilidade tería que ser a característica máis relevante dos habitantes) centra a temática de cada historia.
Marylou, Albert, Tom e Prudence (personaxes que pasaron na súa existencia por situacións complexas) vense alterados cando a coincidencia, a sorte ou a casualidade intervén ó chou nun día da súa anónima vida.
Un libro que nos gustou en Balbordo.

Chegamos hoxe á Biblioteca no Recreo para falar do libro de A. Fernández Paz e rematamos fixando como lectura virtual, para o próximo mes, o libro que Lois (un dos máis antigos membros de Balbordo) está publicando no seu blog... Unha agradable elección do alumnado, que comentarei ó final.
Respecto a O centro do labirinto non nos levou a moitos comentarios (nin apaixoados!) aínda que a grande dose de fantasía do texto, a temática que aborda, as características dalgúns persoaxes, ás similitudes con algunha situación de actualidade... pensei que lles ían "enganchar", pero non foi así! Algo se falou de David, do movemento de resistencia, de Brenda e os seus pais, da relación do rapaz e a rapaza... aínda que non estaban hoxe moi comunicativos!!!!
Cando fixamos a lectura virtual de maio, Lois López Valdés ofreceuse a que lle criticásemos a súa novela (á que podedes acceder cun enlace ó seu blog picando a imaxe que vai a continuación). Sabe que en Balbordo somos moi moi críticos cando nos poñemos a falar das obras dos outros así que xa o avisamos para que estivese preparado para escoitarnos a todos.
Supoño que é un gran orgullo que contemos neste grupo cun futuro escritor e que considere que pode atreverse a soportar as nosas críticas, preguntas... e que admita suxestións para poñerlle un fin a esas páxinas que con tanta ilusión está escribindo.
Realmente, considero que esta vai ser para todos nós (autor-lector e lectores dun club de lectura) unha moi boa experiencia!! Boa e crítica lectura do texto deste gran autor de 3º ESO:



En Bibliocabe podedes ver o mural do Día do Libro. Este é o vídeo que fixo PARAMIO para resumir a inolvidable experiencia da nosa "conquista da Torre" o 23 de abril:

Outro Álbum Ilustrado en BalbordoBis

En BalbordoBis este mes ollaremos o Álbum Ilustrado de Suzy Lee: Espejo.
O slide corresponde á páxina oficial de Suzy Lee e tan só reproduce as primeiras páxinas da obra o resto continuaremos véndoo no libro...




E, por casualidade, despois da reunión, caeu nas miñas mans este fantástico libro de Hervé Tullet da editorial Kókinos: Juego de espejos. Un libro para soñar, en negros e grises, no que hai 1000 miradas para disfrutar... e para meterse nun espello. Tamén o ollaremos en BalbordoBis




LECTURAS ABRIL



CASA DE BONECAS, IBSEN

Con Casa de bonecas de Ibsen rematamos hoxe en Balbordo a nosa pequena homenaxe ó teatro (o día Internacional do Teatro foi o 27 de marzo), no contexto das actividades que tamén fixemos na Biblioteca (exposición de teatrillos, teatro de sombras...).
Foi unha lectura que deu moito que falar, que provocou animados comentarios sobre as convencións, o lugar da muller na sociedade da época, a hipocrisía, as relacións familiares... e, especialmente, o carácter dos protagonistas da historia, fundamentalmente de Nora.
Destacaría a forza de Nora, esa muller pouco convencional que constrúe a súa vida sobre renuncias que acaban por derrubar o mundo de bonecas e de disfraces no que habita.
Helmer, o prestamista, o Dr. Rank e a Sra Linde non se materializaron en ningún escenario nin os ollamos actuando, porén démoslles vida hoxe cos nosos reproches, defensas, discusións e reflexións na Biblioteca.
Podedes facer lectura virtual da obra neste enlace.

Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds