O SON DAS PALABRAS NO SOUTO

Para celebrar o día do libro, o Club de lectura "Pintor de Castinande" da Biblioteca pública de Sober convidou ós maiores de Balbordo a unha xornada de lectura compartida, na que tamén participou a Biblioteca pública do Saviñao.
Máis de 40 persoas visitamos o
Centro Oleiro de Gundivós onde nos fixeron unha demostración dese oficio de artesáns do que é exemplo esta zoa de Sober.
Logo, no impresionante Souto do Tellada escoitamos a recitación de diversos textos mentres disfrutabamos dese incomparable marco natural.
A visita á igrexa románica de Lobios foi acompañada dun recital co que nos agasallou o grupo de Sober "
O Trícole", do que tamén foi fundador o noso Director Verao.
A xornada rematou no Santuario de Cadeiras, onde houbo un xantar e logo visitamos algún
miradoiro.
Temos que agradecerlles ós integrantes do Club de lectura, e especialmente a Julia -a Bibliotecaria-, a ilusión que puxeron nese día, a emotividade que xuntos compartimos e a idea desa experiencia que esperamos se volva repetir. Moitas grazas!

O PRINCIPIÑO, de Saint-Exupéry

Neste
ano Internacional da Astronomía quixemos aproveitar a ocasión en Balbordo para reflexionar sobre un libro que aparentemente é infantil pero que, como a maioría das cousas que parecen sinxelas, ofrece unha gran ensinanza para todos:
"non se ve ben
senón co corazón.
O esencial é invisible ós ollos"
Comentamos algunhas das ilustracións orixinais (utiliceinas da Fundación Germán Sánchez Ruipérez) realizadas por Saint-Exupéry para esta obra. Os rapaces leron algúns pasaxes do libro e referíronse ós encontros do principiño nos distintos asteroides cos personaxes que ía descubrindo na súa viaxe: o rei, o borracho, o farero, o astrónomo...
Aínda que lerades o libro hai moito, seguro que todos recordaredes un cordeiro, unha flor única, un zorro ou o baobab (ese baobab do que María comentou que simbolizaba que algunhas cousas hai que arrincalas antes de que medren demasiado e non logremos librarnos delas). Este pequeno libro (do que vos queda un enlace virtual por si queredes reler o texto) é de fácil lectura aínda que teredes que lelo moi atentamente, non cos ollos senón co corazón .

DÍA LIBRO INFANTIL

Porque de cando en vez nos gusta recordar que fomos nenos

Porque, estes días, queremos que vexades a Biblioteca con outros ollos

Porque pensamos que vos imos espertar algunha imaxe de cando disfrutabades vendo os libros, escoitando historias, imaxinando moitos mundos que aínda nunca coñecerades

Porque sabemos que seredes capaces de sentirvos por un rato coma nenos

Por moitas razóns máis queremos que veñades á Biblioteca a semana do 30 de marzo ó 3 de abril. Seguro que tan pronto como atravesedes a porta da estación disfrutaredes da viaxe que vos propoñemos


LECTURAS ABRIL



ALUMNOS:VENRES 24 NA BIBLIOTECA ÁS 11:10.
PROFES, PAIS E P.A.S. MARTES 28 ÁS 16:00 E ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA.

COMER PARA LER!

Nunha reunión do Club, Serafín (do grupo de pais de Balbordo) comentou que no Parador había menú de degustación (pola celebración do 80 Aniversario dos Paradores) e regalaban un libro. Como somos un Club de lectura non iamos deixar pasar a ocasión de facernos cun libro máis, aínda que de cociña! E alí fomos o pasado martes.

Os autores da obra proposta para este mes son os mesmos da coñecida serie La llave del tiempo que tanto prestamos na nosa biblioteca. No Secreto de If, unha torre invisible na que un xove está privado dende o seu nacemento da liberdade, seres máxicos, unha princesa, un mago, un dragón, unha viaxe moi perigosa, claves secretas para desvelar un misterio, unha voda que desencadena os acontecementos da historia... son algúns dos elementos deste texto de literatura fantástica.

O libro, premio El Barco de Vapor 2008, permitiunus falar de soños, loitas, lealtade, afán de superación, características dos personaxes, búsqueda da verdade e maxia... Aínda que, por momentos, foi un pouco difícil concentrarse porque as palabras soltas que había na mesa da Biblioteca para elaborar poemas con motivo do Día da Poesía eran moi tentadoras para probar que podía saír facendo combinacións!

De todos modos, a imaxinación e a intriga como compoñentes esenciais do libro fixéronnos viaxar cos protagonistas ata un reino moi moi lonxano: o que cada un de nós inventou unha vez pechamos a última páxina da historia.

Onte tivemos a segunda sesión en BalbordoBis. Como os rapaces comentaron que lles gustaban as historias de terror, escoitamos na Biblioteca o relato "Las ratas del cementerio" cos efectos que prepararon Paramio e Xurxo; a voz do audio é do profesor de Bioloxía Tomás.

A continuación fomos comentando o que viñamos de escoitar, trátase dun relato de terror que utilizamos aló por novembro cando durmimos na Biblioteca. Agora podedes escoitalo. Poñédevos cómodos, apagade as luces e tan só atendede...




UNA LECTORA NADA COMÚN, ALAN BENNETT

Alan Bennett aborda o descubrimento do subxugante poder da lectura e as súas consecuencias por medio dunha historia na que a protagonista é unha lectora que cambia progresivamente o seu comportamento, e a súa visión do mundo, como consecuencia do hábito lector. Podería ser unha lectora calquera pero non o é, trátase da raíña de Inglaterra que casualmente (descubre unha biblioteca ambulante) accede ó pracer da lectura e con ela tamén ó incitante poder de observar mellor o mundo e os sentimentos dos outros.
Os novos hábitos desta muller terán consecuencias a nivel político; neste ámbito ás veces con aguda ironía, outras cunha directa crítica, tamén se presentan os ambientes de protocolo, as convencións, a superficialidade...
Desto tratamos os dous grupos de maiores na reunión do día 10 e tamén nos permitimos compartir as nosas reflexións sobre a figura real da que parte o relato ou a comparación co comportamento da monarquía en España. Tamén falamos de recordos das nosas primeiras lecturas, desas que foron eleccións "afortunadas" que non nos fixeron "abandonar a lectura para sempre". Reproduzo, nese sentido, a cita da páx. 17 na que se comenta o primeiro libro que toma en préstamo a raíña:
"... resultó ser una elección afortunada y, a su manera, memorable. Si su Majestad hubiera escogido otro tostón (...)
lectora novata como era, habría podido abandonar la lectura para siempre y no habría aquí historia que contar. Habría pensado que los libros dan trabajo
".
Son moitas as reflexións que pode suscitar esta lectura sobre os libros e o hábito lector. Penso que é un texto moi ameno; pecharedes o libro cun sorriso.

ANIVERSARIO DOS BLOGS

O 6 de marzo estamos de aniversario. Hai un ano publicamos por primeira vez o noso blog Bibliocabe; pronto chegaron Balbordo, Pistas de lectura, Montaxe e Tic Tiza. Canto podemos lembrar deste ano grazas ós blogs! Cantos bos momentos! Grazas a todos os que algunha vez vos perdedes polas nosas páxinas...

LECTURAS MARZO



ALUMNOS:MARTES 24 NA BIBLIOTECA ÁS 11:10.
PROFES, PAIS E P.A.S. MARTES 10 ÁS 16:00 E ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA.

Unha nova experiencia: BalbordoBis

O xoves pasado iniciamos en Balbordo unha nova experiencia, realizada en conxunto co Departamento de Orientación do centro. Un grupo de rapaces de apoio acudiron á Biblioteca para escoitar e ver o que María Reboredo lles tiña preparado: nunha caixa escondíase un escenario (elaborado por ela mesma) que ilustraba o poema de Rubén Darío que lles ía recitar: "Margarita, está linda la mar...". María deulles detalles sobre a elaboración do seu traballo e dos materiais que usou, tamén lles explicou o motivo de elixir ese poema: sempre llo contaba súa nai, que (á súa vez) tamén llo escoitara ó seu pai.
A continuación, os rapaces resumiron o poema, comentaron o que entenderan e volveron a escoitar a recitación, acompañada pola "caixa máxica", coa que nos deleitou de novo María.

Podedes consultar en Bibliocabe o testimonio sonoro.

TRISTES ARMAS, de Marina Mayoral

Tristes armas, de Marina Mayoral é unha novela de sentimentos, unha historia desas que non poden deixar indiferente a ninguén. Penso que ós rapaces de Balbordo tampouco os deixou impasibles, sinxelamente porque foron varios os que comezaron a narrar acontecementos da vida dos seus familiares que lles recordaban algunha das esceas tratadas no libro.
Os rapaces comentaron moitos aspectos da novela e deixáronme sorprendida coa grande cantidade de minuciosos detalles nos que se fixaron: a angustia provocada pola situación de guerra exposta no libro, o valor da amizade desinteresada (que sobrepasa fronteiras de ideoloxías) e que recibe, inesperadamente, unha recompensa nun futuro inmediato; a dor do exilio representado na figura de Harmonía e Rosa, dúas irmás que deben marchar a Rusia como consecuencia da Guerra civil; a incomunicación obrigada, a censura, a loita por sobrevivir diariamente, a necesidade de tomar decisións e de medrar, os amores en silencio ou a forza dos recordos foron algúns dos temas que comentamos.
Como vos dixen na reunión, déixovos para que vexades un vídeo de youtube no que algúns "nenos de Rusia" recordan o que viviron. Se cadra algún deles podería ser Rosa ou Harmonía?

A COMADRE DE BALBORDO

Este xoves Monforte encherase de comadres. Esta é a nosa, feita tamén polo profe de Ciencias Jose Luis Rodríguez, ó que lle damos as grazas. É tan espectacular coma o compadre!

CARTAS DE AMOR (2), de FRAN ALONSO



Grazas á colaboración de Normalización Lingüística do centro, o martes 10 os maiores de Balbordo tivemos a oportunidade de comentar con
Fran Alonso Cartas de amor.
Fran achegounos ó proceso creativo do libro, recordou cales foran os referentes dos que partiron varios dos seus relatos, defendeu a necesidade dunha literatura comprometida que reflicta as problemáticas que nos rodean; tamén se referiu ó protagonismo da muller nesas historias ou á utilización do molde epistolar para eses nove textos.
A charla co escritor levounos de "Sáhara, améndoa amarga" a "A guerra" ou "A carta inesperada"..., relatos sobre os que fixeron comentarios algúns dos compoñentes do Club.
Fran, escritor posto "na pel" de tantas mulleres nestes textos (en palabras doutra compoñente do club), tamén nos precisou que o destinatario inicial deses relatos é un lector xuvenil. Por iso, debo recordar o comentario deste libro o curso pasado cos membros máis novos de Balbordo; pareceu adecuado repetir a experiencia cos outros dous grupos de maiores.

Non considero que Cartas de amor deba relacionarse só coa literatura xuvenil. Atreveríame a afirmar que as evocacións que a súa lectura provoca adquiren maior intensidade no caso dun lector adulto. O compromiso con temas universais como as guerras (e os seus silencios), a prostitución infantil (o roubo da infancia, a hipocrisía e consentimento dos "países desenvolvidos"), os fracasos e as loitas que esconde a inmigración (a soidade e os medos), o desarraigo por ser consciente de vivir "de prestado" (o relato da moza saharaui) ou os conflictos persoais que deben ser resoltos para atopar o lugar que se quere ocupar no propio entorno (a homosexualidade)... posiblemente os ollos dun adulto non as capten coa sorpresa dunha ollada de adolescente pero si coa experiencia que agrava a visión de moitas desas realidades.

Destacaría en Cartas de amor a coraxe dunhas mulleres que dende tan distintos escenarios e circunstancias vitais teñen en común a esperanza, a forza de loitar e tal vez a confianza no amor ou na solidariedade en calquera das súas manifestacións.

Moitas grazas Fran pola túa cercanía e por darnos a oportunidade de preguntar eses detalles que, na intimidade da lectura, algunha vez consideramos nos gustaría comentar co autor.

O COMPADRE DE BALBORDO

Hoxe Monforte está chea de compadres. O noso compañeiro de Ciencias Jose Luis Rodríguez Gallego fixo este para Balbordo. É unha mágoa que non se perciba no blog tanta minuciosidade como hai neste excepcional traballo!!!!


VISITA DE FRAN ALONSO

LECTURAS FEBREIRO



ALUMNOS: XOVES 19 ÁS 11:10

PAIS,PROFES E P.A.S. MARTES 10 ÁS 17:00. VISÍTANOS FRAN ALONSO NA BIBLIOTECA.

Para comentar este texto colocamos varios obxectos na mesa onde nos reunimos: un caligrama de Manoel Antonio, o libro Veinte poemas de amor y una canción desesperada de Neruda, un pequeno poema que lles entreguei previamente e do que tiveron que fixarse no autor (aparece mencionado no libro o autor e o primeiro dos versos); tamén había un sobre de avión, dúas cartas, unha cinta azul e unha caixa cun obxecto -que non debemos mencionar para non adiantar o final-, que nos trouxo Paz V.

Con eses elementos empezamos a falar do libro: eran importantes no texto e permitíronnos ir comentando en que parte da historia aparecían e que significado tiñan.
Os rapaces falaron dos sentimentos da protagonista cando debe ir de veraneo á casa da súa avoa (que morreu hai pouco), da presenza que sente no cuarto do seu tío,do que alí atopa, da guerra civil, da cárcere da Illa de San Simón, dunha historia de amor imposible...
Teremos a oportunidade este mes de asistir no noso centro á CHARLA con AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ.

UN LIBRO, UN AMIGO

O día da reunión en que falamos de La nieta del Sr. Linh, os dous grupos de maiores de Balbordo intercambiamos regalos: cada un de nós tiña un libro. Estes foron os títulos:


P. Claudel logrou, con este sinxelo texto, falar de temas universais: a amizade que non require palabras, a soidade e a incomunicación, a linguaxe dos xestos e da tenrura, as ilusións, o exilio ou a nostalxia.
O Sr. Linh -desorientado nunha cidade inhóspita na que a incomunicación é a nota dominante- atopa sentido ó seu desarraigo cando a proximidade doutro home (co que as fronteiras do idioma en principio lle impedirían comunicarse) lle proporciona a posibilidade de que emerxan os seus propios recordos, de que a vida diaria sexa un pouco máis agradable... simplemente pola cercanía que ofrece unha man desinteresada amiga: a do Sr. Bark. Este ser sensible, ó que tamén lle pesan os recordos, penso que comprende perfectamente a difícil ilusión do vello: agarrarse ó seu ben máis preciado como único modo de superar unha dor posiblemente insoportable.
Este é un deses libros dos que é difícil falar sen recomendalo encarecidamente.

Un Nadal cheo de libros

Por si queredes regalar libros estes días, pinchade máis abaixo nesta guía para ver algunhas recomendacións.
Boas vacacións a todos!


LECTURAS XANEIRO



ALUMNOS: XOVES 15 ÁS 11:10

PROFES E P.A.S. MARTES 13 ÁS 16:00 NA BIBLIOTECA.

PAIS: MARTES 13 ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA

Hoxe 10 de decembro falamos na Biblioteca, na reunión dos máis novos, de Dereitos humanos.
O carteiro de Bagdad de Marcos S. Calveiro é unha lectura adecuada para pararse a pensar en que hai moitos lugares do mundo nos que a xente só ten unha preocupación primaria: sobrevivir. Do rapaz protagonista da historia coñecemos a vida cotidiá coa súa familia, a soidade que experimenta cando non pode xogar co seu amigo por razóns irracionais que non entende; sabemos do fermoso traballo do seu pai: carteiro que arrisca a súa vida para levar a esperanza (coa súa bicicleta estartalada) a persoas ansiosas de recibir noticias dos seus; sabemos tamén do ruído dos estoupidos e do medo das persoas a perder todo aquelo e aqueles que queren.
Os rapaces falaron de todo isto e de moito máis, da valentía do protagonista e das sementes de esperanza que van gardadas nun sobre desta historia.
Hoxe na Biblioteca un grupo de rapaces posiblemente sentiu nalgún momento o privilexio de vivir nun lugar no que, na nosa vida diaria, non hai que preocuparse por loitar por algún dos principais dereitos humanos.

NINGUÉN ESTÁ SÓ

21 escritores e ilustradores galegos participaron na elaboración deste libro (editado por Amnistía Internacional) que nos permitiu falar ós maiores do club de dereitos humanos. Penso que como educadores e como pais temos a obriga de abordar os temas das desigualdades sociais, a intransixencia, o racismo, a existencia de guerras e (en definitiva) o desprezo á dignidade humana. Estes relatos abren camiños para reflexionar ou profundizar sobre calquera destas cuestións e por iso foi o libro elixido.
Só me referirei a algún dos textos que máis comentamos nos dous grupos. ¡Tócavos a vós seguir facendo comentarios no blog!
Comezo polo que máis me impresionou: "A vida á valga" de Ana Expósito. Acerca ós distintos modos de sentir medo que deben pasar todos aqueles que abandonan a súa terra buscando unha vida mellor e experimentando a soidade e a loita por esquecer duras experiencias vitais.
"A memoria dos soños rotos" de A. Fernández Paz permitiu que nas nosas reunións se plantexase o tema da recuperación da memoria das vítimas da guerra civil e levounos a falar doutras novelas. Tamén comentamos a orixinalidade do relato de A. Reigosa: "Travesía en branco e negro", coa oposición entre o "primeiro" e o "segundo" mundo por medio da metáfora dos dous nadadores. O texto de F. Casalderrey "Electrocardiograma plano" pareceunos unha boa forma de plantexar como a irracionalidade da intrasixencia dunha adolescente debe desembocar na concienciación de que nun mesmo pode comezar un cambio de actitude.
Por último, o primeiro relato: "Sáhara améndoa amarga" (de F. Alonso) levounos a falar da situación do pobo saharaui, do contraste de sentimentos desa moza que vive no campamento de refuxiados e mixtura a problemática política e social coa nostalxia doutra realidade lonxana. ..
Remato coa cita do poema que encabeza a edición de Ninguén está só:

Nadie está solo
En este mismo instante
hay un hombre que sufre;
un hombre torturado
tan sólo por amar la libertad.

Ignoro dónde vive;
no sé qué lengua habla
o el color de su piel;
mucho menos su nombre;
mas justamente ahora
cuando tus ojos leen
mi pequeño poema
ese hombre existe y grita:
mientras muerde sus labios
para no denunciar
a los amigos. ¿Oyes?

Un hombre solo grita
maniatado: jadea
en algún sitio. ¿Solo?
¿No sientes como yo
el dolor de su cuerpo
repetido en el tuyo?
¿No te mana la sangre
bajo los golpes ciegos?

Nadie está solo. Ahora
en este mismo instante
también a ti y a mí
nos tienen maniatados.
José Agustín Goytisolo

Balbordo no "Telediario1" da TVE1

Balbordo na TVE1

LECTURAS DECEMBRO



ALUMNOS: MÉRCORES 10 ÁS 11:10

PROFES E P.A.S. MARTES 9 ÁS 16:00 NA BIBLIOTECA

PAIS: MARTES 9 ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA

Esta novela de Jordi Sierra debe, posiblemente, a súa existencia ó artigo que César Aira publicou en el País. Según J. Sierra, lanzouno a escribir a historia.

Elixín esta ilustración de Pep Montserrat da edición de Siruela porque penso que sintetiza a fascinación da nena por escoitar as aventuras da súa boneca e tamén resume a complicidade entre o escritor-carteiro e a rapaza. O protagonismo das cartas, como elementos extraordinarios de crear soños e comunicar sentimentos tamén está reflectido nesta fermosa ilustración. Os dous personaxes xogan: o home (Kafka retratado dun modo moi lonxano á imaxe coa que habitualmente o asociamos) a escribir fermosas historias que sacien a curiosidade da pequena; a nena, aínda que non o sabe, xoga a escoitar ansiosa como é o camiño que leva á liberdade de medrar, de vivir e de actuar con independencia.

Os grupos dos maiores compartimos impresións sobre cales son as fronteiras entre a literatura xuvenil ou para adultos (igual que sucedeu con El Baile, proporemos a lectura deste texto, en próximos meses, ós máis novos). Salientamos a tenrura do texto, comentamos o tema da liberdade, da soidade, da estraña relación (dende a nosa visión do momento actual) entre a nena e o “carteiro de bonecas”, da creación literaria, da inxenuidade da infancia... e non esquecemos tampouco a figura de Kafka recreada por J. Sierra dun modo tan poético.

Anímovos a que anotedes nos comentarios aquelas pasaxes que máis vos gustaron, aquelas que lemos en alto na reunión. Como non quedástedes moi satisfeitos co final de conto de fadas da historia, propóñovos este mes que nos comentarios do blog imaxinedes outro alternativo.

Comezo eu os comentarios coa miña proposta:

EL BAILE (2), IRENE NÉMIROVSKY

Cando en marzo os maiores do club fixemos a reunión para falar deste libro de Irene Nemyrovski rematamos a nosa charla comentando que nos interesaría coñecer a visión que os alumnos terían sobre este texto.
Antoinette, a protagonista de El Baile, ten aproximadamente a mesma idade que os rapaces de Balbordo pero todos eles coincidiron en que nunca actuaran coa frialdade que esta moza mostra en moitos momentos da historia. Ela é unha adolescente que, atrapada nunha situación que rexeita, toma as súas propias decisións e actúa firmemente, aínda que o seu comportamento provoque graves consecuencias para os que a rodean. A curta historia permitiu opinar sobre a relación da rapaza cos seus pais (especialmente coa nai) ou sobre a importanza dun falso recoñecemento social que obsesiona ós adultos retratados no texto; tamén nos fixo reflexionar sobre a ansia de medrar, sobre as inseguridades e as decisións da adolescencia.
De novo, como tantas veces, os rapaces conseguiron sorprenderme. O grupo de pais e nais esperabamos, hai varios meses, que eles xustificasen o irracional comportamento da protagonista nun momento clave do relato ou que tivesen unha “visión” moi oposta á nosa, pero non foi así.
Tal vez conveña que reflexionemos máis sobre os mesmos libros para así comprobar que as diferenzas xeracionais non teñen que ser sempre insalvables barreiras entre a madurez e a adolescencia.

LECTURAS NOVEMBRO



ALUMNOS: MARTES 18 ÁS 11:10

PROFES E P.A.S. MARTES 18 ÁS 16:00 NA BIBLIOTECA.

PAIS: MARTES 18 ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA

A historia deste mes, da escritora india Anita Nair, suxire a idea de que o tren é un lugar propicio para as confidencias e os recordos. O tren significa para Akhila, a muller protagonista desta historia, unha metáfora da viaxe interior que vai ter que percorrer para atopar o seu lugar no mundo.
Akhila inicia unha viaxe nun vagón (reservado para mulleres) e os seus recordos e frustracións entrelázanse coas situacións vitais de cinco mulleres moi diferentes entre elas. Son personaxes corrientes, da clase media da India pero os seus problemas e experiencias ben puideran ser os de todas as mulleres do mundo. Coa intimidade que aporta a conversación nun lugar pechado xurden historias de orgullo, amor e desamor, soños, dominación, sensualidade, crueldade, humillacións... aínda que creo que o que prevalece no libro é a loita interna de cada unha desas mulleres por tomar as súas propias decisións nunha sociedade (moi diferente á nosa) que non favorece a súa independencia.
Os dous grupos de maiores do club (estamos trinta anotados este ano) comentamos cada unha das historias, falamos do carácter da protagonista, da India, das viaxes, do papel do home na novela e fundamentalmente fixemos revivir cos nosos comentarios as distintas situacións vitais expostas no texto.
Espero que este curso vos animedes a deixar comentarios!

VISITA DO CLUB DE LECTURA DE SOBER

Estas son as fotos da visita que fixeron parte dos compoñentes do Club de lectura de Sober á nosa exposición sobre o tren. Esperamos vernos de novo nesa reunión-excursión conxunta que faremos alá pola primavera! Moitas grazas por vir ó noso centro e noraboa polo premio María Moliner!

BALBORDO DURME NA BIBLIOTECA


A noite do 23 ó 24 quedará no noso recordo por varias razóns: porque nunca antes durmiramos nunha biblioteca, porque nunca estiveramos compartindo unha experiencia así profesores e alumnos e porque fomos testemuña de como a Biblioteca, tan calada e durmida, soñou esa noite que estaba na hora do recreo e que profes e alumnos se volveran tolos colocando colchonetas no chan, descolocando libros para facer unha caza do tesouro e entre a total oscuridade -só rota por unha bola que cambiaba de cor- tamén soñou que uns ruídos terroríficos acompañaban unha inquietante lectura de terror e que na pantalla se proxectaba Asasinato no Orient Express. Supoño que, igual cos 22 que alí estabamos, a Biblioteca se sentiría especial. No resto do Instituto, entre a total escuridade e o silencio chegarían as risas, as voces e a frescura do recinto máis apartado do centro.

Aló por Nadal, a Paramio ocurríuselle durmir na biblioteca para conmemorar o día das Bibliotecas. Con moito segredo fomos preparando os detalles. Cando en xuño asistimos a unhas xornadas de Clubs de lectura, Blanca Calvo comentou a súa experiencia de durmir con alumnos pequenos nunha biblioteca de Salamanca. Despois da nosa sorpresa inicial, pensamos que esto só confirmaba que tamén nós poderiamos levar a cabo esa idea con éxito.
Sei de certo que tanto o día 23 coma o seguinte moitos desexaron ser de Balbordo. Sospeito que a Biblioteca desexará soñar o mesmo de novo.



Tamén podedes ver un vídeo desa noite en Bibliocabe: ¡Qué noche la de aquel día!

O DÍA DAS BIBLIOTECAS NA PRENSA

Así publicou a Voz de Galicia información sobre a nosa Noite na Biblioteca:
"Una noche en la biblioteca

«Nunca dormimos entre tanta sabiduría».
Tal fue uno de los comentarios que pudieron oírse en la biblioteca del instituto Río Cabe de Monforte durante la noche del jueves al viernes, una hora en la que este local no suele recibir visitantes. Lo que sucedió es que ayer se celebraba el Día Mundial de las Bibliotecas y la de este centro educativo lo festejó ofreciendo a los alumnos pertenecientes al club de lectura Balbordo la posibilidad de pasar una noche entre los libros. La aceptación fue masiva. A los chavales se les sirvió cena y desayuno y antes de dormir disfrutaron de diversas actividades: proyección de una película relacionada con el libro que están leyendo en el referido club, narración de un cuento de terror, juego de la caza del tesoro... Los alumnos y profesores que participaron en la experiencia quieren repetirla el año próximo. El caso es que cunda la afición a la lectura. Y parece que actividades como esta ayudan bastante más que las lecturas obligadas."

BALBORDO LE NO TREN

O xoves 9 fixemos, na estación de Monforte, a lectura do primeiro capítulo de Asasinato no Orient Express. Este vídeo resume ese momento:

PISTAS ORIENT EXPRESS

Si pinchades neste cartel poderedes ver indicacións para facer un xogo sobre o libro.

,

Aviso ós pasaxeiros:

ALUMNOS: XOVES 9 ÁS 11:30 NUN VAGÓN DA ESTACIÓN

PROFES E P.A.S. MARTES 28 ÁS 16:00 NA BIBLIOTECA.

PAIS: MARTES 28 ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA

Recompilación carteis Fix-Masseau

Neste percorrido polo Orient Express, tren mítico no que se desenrola a historia deste mes, achégovos unha recompilación que elaborei a partir de doce carteis que Fix Masseau fixo sobre dito tren.

Debuxo tren

A alumna de Bacharelato María Rodríguez Carballo, habitual colaboradora en Bibliocabe, realizou este precioso debuxo (con ceras) que engadimos a todo o material que estamos a reunir sobre o tren.

Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds