Comezamos a primeira reunión do curso, con varias ausencias, no grupo 2. Pola mesa circulaban os pasaportes e algún que outro libro do texto de P. Pullman elixido para comezar o curso.
O primeiro comentario foi que lles gustara.
Moito falamos da confianza que os pais depositan (ou non) nos fillos, das aventuras que pasa Lila para conseguir o que buscaba, do seu carácter, do valor da amizade, das costumes expostas no texto...
É un libro curto, sinxelo e moi fácil de ler. Penso que agocha moitos temas interesantes que xurden cando un comeza a medrar e quere tomar as súas propias decisións. A curta aventura que vive a protagonista permítelle descubrir que algunhas cousas non se logran sen contar coa axuda dos outros e que hai que loitar polo que un desexa.

Un libro moi entretido.

24 de Outubro, domingo, Día das Bibliotecas Escolares.
Recordas o que pasou no noso centro outros anos para celebrar esta data? A NoiteBiblio I e A NoiteBiblio II ?
Xa estamos preparando a NoiteBiblio III, que trasladaremos ó día 2 de Novembro.
Que acontecerá este ano? Unha dúbida preside as portas da biblioteca. Xa estamos inquietos... Haberá sorpresas.

Unha xoia (para ler, ver e reler) editada por Bárbara Fiore este álbum de Shaun Tan, autor do maravilloso Emigrantes ou El árbol rojo.
O corto de animación baseado no seu libro, dirixido por A. Ruhemmanal, recibiu Óscar ó mellor corto de animación no 2011 La cosa perdida é un libro divertido, de espazos cheos de palabras e imaxes nas que hai que pararse; un libro que recorda os manuscritos antigos, os xeroglíficos, os recortes, as matemáticas, as instrucciones técnicas, engranaxes, os selos...
Un libro para perderse... Unha amistade entre un rapaz e un obxecto desamparado e abandonado

LECTURAS OUTUBRO

PASAPORTES PARA LER

Parece que foi onte o fin de curso e xa estamos de novo de volta!

En outubro emprendemos nova viaxe en Balbordo e aquí está o noso pasaporte, que recolleredes na Biblioteca.

Pronto teremos organizados os grupos, as lecturas, as actividades... Preguntades cando comezamos a ler, que imos ler este curso, que faremos... Só espero que con ilusión podamos compartir xuntos (os de sempre e os novos) moitos momentos grazas á lectura.

E para que empecen a voar as palabras e a vosa imaxinación déixovos este video de YouTube:


BALBORDO CURSO 2009/2010


Dende hai tres anos xa, no mes de xuño hai reunión con sorpresa. Este curso unha delas foi a TARTA-LIBRO que Susana (unha nai de Balbordo) nos trouxo para o postre. Unha deliciosa tarta moi literaria e personalizada.
Ademais, Jorge Marcos (que leva tres anos en Balbordo e o próximo ano se traslada de centro), preparou as palabras que van a continuación e unha agradable sorpresa na que todos tivemos que ler, un conxuro moi especial en galego e inglés... Moi divertido!


GRAZAS A TODOS.

E estas foron as palabras de Jorge Marcos:
"Cando se me propuxo participar activamente nesta cea pensei: por min perfecto, encántame comer, pero claro, a invitación tiña trampa. Eu que son de cándida naturaza, notaba que ela, a muller de longa melena e que sempre anda a correr, me quería decir algo e non se atrevía, ata que, armándose de valor me di: tes que facer comentarios no blog!! Ui, esto non era, pensa en algo para facer nesta noite.
E xa me vedes a min preparando este discurso que nin pretendo que sexa sermón, nin estamos nun monte( referencia inevitable…)
Mirade, na miña infancia, como na de case todos, ser o segundo de varios irmáns nunca trae nada bo e se, por riba, o primeiro che sae listo case sempre é de noite, pois todos os focos apuntan sempre hacia él. Encima a él dáballe por ler, que farda moito convertíndote nun ser moito mais interesante, se cabe. A min o que me gustaba era xogar ao fútbol e adentrarme o mais pronto posible no misterioso mundo femenino, non fora ser que me pasara o sol pola porta.. tiña eu, 14 anos.
Que te manden para o Seminario a esa idade é para pensar se realmente os teus pais queren para ti o mellor, ou, simplemente, sacarte de en medio, pero co tempo entendín o acertado daquela decisión..
Alá coñecín ao meu tutor que, paradoxas do destino, sempre me levaba a un despacho cheo de libros e me comentaba o último que lera…e pensaba, o día que me atreva a abrir un que non sexa de lectura obrigada nos estudios, fago festa!!!!!
Ler parecíame aburrido, lento e mais ben, inútil.
Encima cando unha vez ao mes ia á casa, aparecía o lumbreras/literato, é dicir, o primoxénito, non deixándome dormir xa que me lia os seus bocetos de futuras novelas mundialmente famosas; a min sinceramente o único que me gustaba era cando nelas se falaba dalgún persoaxe que coñecía.
Mais cando me fixen maior de idade e observei que o meu éxito co xénero femenino era, cando menos, bastante discreto, ao contrario do Cervantes familiar, empecei a ler e un mundo novo se abriu en min. Foi cando tiven por compañeiro a Xerardo Quintiá que me leu moitos dos seus poemas e comentamos lecturas do mais variado… de fútbol non falabamos xa que él se nega a comentar algo que conteña un balón por medio..
E descubrín, entón, que un libro é un depósito de momentos felices, un sitio onde a vida é xusta, un refuxio. A emoción é refuxio, a memoria, tamén. E iso é un libro, emoción e refuxio. Sempre me gustou mirar para aquelas persoas que gastan o seu tempo cun libro entre as mans, mais non penso xa no libro, senón no recordo que ese libro deixa en nós.
Acaso ese refuxio que supón un libro, non se converte nos peores días, no recordo de tempos felices? E é que cando lemos, nunca estamos sos.
Pero, por qué ler, ao fin e ao cabo? Porque nos fai libres, libres para saber que a nosa vida é nosa, para saber que ao noso redor hai persoas que non tiveron unha existencia doada, para saber que esa nosa sorte non nos fai mellares; nin complexos nin orgullo, instrucción para porse na pel do outro. Se ler non nos aporta nada para a vida cotiá, serve de pouco. Tiven profesores que leron moreas de libros, pero estaban aillados do mundanal ruido; eran sabios, mais agora penso que sabio é aquel que o que le lle serve para trasfomar a realidade. Por iso, toda biblioteca é antes un taller que un almacén, mais viña que adega. Pero queridos amigos, non creo que todo libro teña que ser leido; eu tamén desprecio os libros xa que ante eles hai que ser exixentes,lelos sen concesións,criticalos sen piedade, será así como den froito e o den en abundanza…sóavos a frase?...

O clube de lectura dende que botou a andar deu froito abundante. Fermoso é nestes tempos xuntarse coa excusa de ler un libro, pero o que alá xurdeu, foi mais que simples comentarios de textos. En cada reunión, admirabamos a capacidade de cadaquén para saber mirar o mundo dese libro dende o seu modo de pensar, ideas encontradas, persoas encontradas, páxinas que se revelan a nós de xeito dispar.. pero qué gratificante é conversar, ler en compañía, disfrutar dos outros, desos xestos que nos fan familiares…ler une, o clube une.. Fomos invitados a bailes, tivemos un quinto fillo, cruzamos fronteiras de noite entre o amor e a morte, pagamos nos peaxes con letras en vez de euros. E todo, todo, por obra e gracia da divina providencia.
Pero, por qué ler? Sigo a preguntarme e preguntarvos; porque nos fai mais humanos, mais libres, compasivos e ás veces , mais felices e por moito que me pese recoñecelo, teño que agradecer ao primoxénito do meu clan e a todos vos, especialmente a Bea e Mariluz, ausente, os momentos compartidos á beira dun libro.
Temos o epílogo por escribir…esa será a nosa tarefa,compartida".





En BalbordoBis remataremos o curso o mércores 16 falando, vendo e escoitando parte deste libro do que fixeron un vídeo de animación os seus autores!

Pero antes dese día no que nos reuniremos, pensa: E ti que soños tés?



Tamén pode verse a presentación en ISSUU neste blog dos autores do libro.

J. Cortázar é un dos escritores que me levaron (hai moitos anos xa) a fantasear coa literatura, a poñerlle imaxes a realidades inexistentes ás que me acercou coas súas palabras e a súa tremenda forza imaxinativa. Cada relectura dos seus relatos me descubre algo novo no que non reparara. Por iso elixín algún relato corto de Cortázar para lermos, o grupo de alumnos maiores de Balbordo, no parque do lado do instituto na última reunión do curso.
Estas son algunhas imaxes dos momentos que compartimos no Parque, no que houbo tempo para ler, recomendar lecturas e coñecer un novo autor do que nunca oíran falar.


Comezamos coas poucas liñas de Página asesina:
"En un pueblo de Escocia venden libros con una página en blanco perdida en algún lugar del volumen. Si un lector desemboca en esa página al dar las tres de la tarde, muere".
E tamén lemos:







O seguinte debuxo (unha parte dos tres que fixeran) elaborárono, hai varios anos, dúas alumnas de 3ºESO (Uxía e Mar) da súa interpretación de "Continuidad de los parques" (Final de Juego). Foi outro dos relatos que lemos.

Tamén podedes escoitar algunha das historia de Cortázar, coa súa inconfundible voz "Continuidad de los parques" (Final del juego)

Continuamos en Balbordo o noso lema deste ano do Día do libro: "en Monforte Lemos" e agora (na última reunión) concretamos máis: "Lemos no Cabe "(o noso Río e tamén o noso Instituto).




Fomos, pois, dende o Río Cabe (o noso Instituto) ata o Río Cabe (o que pasa por Monforte) a ler este álbum ilustrado e falar das recomendacións dos rapaces (mellor dito, foron as rapazas as únicas que recomendaron!) para o verán!
Este Álbum de
Laetitia Bourget e Emmanuelle Houdart é un libro con ilustracións dun espectacular colorido e con palabras que non teñen desperdicio!

Como os rapaces me pediron que para a última reunión lésemos algo divertido, pareceume que este conto (moi, moi recomendable e divertido) podería ser unha lectura adecuada...
Cando os namorados baixan da súa nube (príncipe e princesa feitos o un para o outro) que sucede na convivencia diaria?
Estas son algunhas das preguntas plantexadas:
"¿Cómo eligieron el color del palacio sin discutir?"(...)
"¿Cómo podía el príncipe seguir siendo azul si roncaba en la noche?" (...)
"¿Y cuando a la princesa se le escapaba un ruidoso aroma a pesar de todos los esfuerzos por contenerlo?" (...)
"¿Y cuando él no advertía que ella se había puesto guapa sólo para él?" (...)
Estas e moitas outras cuestións, que quedan abertas nos contos, teñen unha hipotética resposta na última páxina. Foi o texto que lemos e miraron.
Logo tamén houbo lectura e risas e poucas ganas de volver ó outro "Río" coa calor que ía!!!

LECTURAS XUÑO



ALUMNOS GRUPO 1 MARTES 8 lectura sorpresa no Parque ás 9:35
ALUMNOS GRUPO 2: XOVES 3 "Lemos no Río Cabe; no Río Cabe Lemos" ás 11:15.


PROFES,PAIS E P.A.S. VENRES 11 ás 21:30 Cea e sorpresa

Esperabamos a visita de Xaquín López (reporteiro da tve) para poder escoitar a súa experiencia, relatada no libro, pero teremos que aprazar dito encontro para máis adiante...

Despois de ver o vídeo que vai a continuación, falamos en Balbordo, nos grupos de pais e profesores, das nosas impresións sobre este duro libro: tráfico de nenos, corrupción, miseria, diferentes modos de vida e costumes, posibles solucións...
É a primeira vez que non temos como lectura unha obra literaria polo que o tono das nosas reflexións foi moi distinto ó que adoitamos a cotío... Interesante experiencia. Moi diferente ás lecturas virtuais propostas para os alumnos no mesmo mes: literatura fantástica e de ciencia ficción.
Reproduzo unha entrevista que lle fixo Ana Guantes a Xaquín López, na "Ventana" da Ser, e o seguinte vídeo de youtube dunha entrevista de Teledonisti. O periodista explica algúns interesantes aspectos abordados neste texto:



LECTURAS VIRTUAIS NO GRUPO 2

As lecturas virtuais de maio no GRUPO 2, dos máis novos, foron obras de ciencia ficción:
Unha historia de Bradbury: La Sabana
Outra de J
Verne: Un expreso del futuro

Ós rapaces non lles gustou o breve texto de J. Verne, só comentaron que lles parecera aburrido... Deixo entón outro enlace a páxinas nas que poderán ler virtualmente outras historias deste importante autor (algún xa lera: A volta ó mundo en oitenta días) para ver si hai máis sorte esta vez!

O conto de Bradbury da Sabana encantoulles. Explicaron minuciosamente o que ocurría na habitación desa casa na que os nenos poden manipular a realidade, contan con todo tipo de modernidades... O que máis lles sorprendeu foi o final do texto, que algún non entendera ben.

Tamén se referiron ó que elixirían para a súa habitación no caso da hipotética posibilidade de que nun futuro houbese unha realidade semellante á que aí se plantexa.
Deixo tamén outro enlace virtual a varias obras máis deste autor que acaban de descubrir e que, penso, lles sorprendeu.

CIERRA LOS OJOS, en BalbordoBis

Este Álbum da editorial Thule foi ilustrado por Claudia Ranucci sobre un sinxelo texto de Victoria Pérez Escrivá.
É unha incitación a ver o mundo doutro xeito, non só cos ollos senón con todos os sentidos.
A conversa entre dous irmáns (un deles invidente) leva a reflexionar sobre as diferenzas, sobre as variadas formas de ver a realidade que nos rodea; tamén incita a pensar sobre o respeto e a comprensión.
"-Papá es alto y lleva sombrero."

"-¡Qué va!, papá es un beso que pica

y huele a pipa -dice alzando los brazos."

Un fantástico álbum que veremos nunha presentación (que nos preparou Paramio) para falar de cada ilustración en BalbordoBis.
Pecha os ollos e toca as letras, en veludo, antes de comezar o libro...

Hoxe, na Biblio, entre os agobios típicos de fin de curso, falamos da novela que está a rematar Lois (o noso escritor de 3ºB ESO, que pertence a Balbordo dende o 2007). Falounos de cando empezou a escribila, de como pensaba os capítulos, de canto tempo hai que ten na cabeza a historia...
Preguntáronlle, por exemplo, si tiña moita influencia de Tolkien; algún lle recordou que xa lle reprochara que tivese matado algún personaxe, tamén lle sinalaron algún que outro fallo... Outros viñan cos "deberes sin facer" e non lles dera tempo a ler o texto.
Xa nos anunciou que haberá segunda parte.
Un pracer podar contar en Balbordo con un gran lector que iniciou moi pronto a súa andaina literaria.
Moi boa sorte!

LECTURAS MAIO




No GRUPO 2, dos máis novos, lerán:

Unha historia de Bradbury: La Sabana
Outra de Julio Verne: Un expreso del futuro

A PERLA, J. STEINBECK

O libro elixido para o grupo dos máis novos de Balbordo foi: A perla de J. Steinbeck.
É un texto breve e duro, que incita á reflexión cando remata a lectura.
Falamos do argumento, do que non entenderan no final da historia, da violencia, da crueldade, da miseria, do comportamento dalgúns personaxes...
Moi acertada e sinteticamente indicou na reunión Sabela que do texto se poderían extraer varias ensinanzas; penso que a principal é a de que a felicidade non se atopa ás veces nas cousas que pensamos a van proporcionar (no caso do libro conseguir unha perfecta perla que supostamente sacará ós protagonistas da miseria) porque a avaricia e a deshumanización poden tamén coa maior das ilusións.
A perla pode que simbolice os soños irrealizables, os desexos, as promesas... o que de súpeto é arrebatado pola fatalidade.

DIVINA PROVIDENCIA,TONG CUONG Valérie

Valérie Tong Cuong introduce (como preludio da súa novela) esta cita de Séneca, De la providencia:
"Soportémoslo, pues, todo con valor, porque las cosas no suceden por casualidad, como creemos, sino a su debido tiempo".
É un libro optimista, entretido e que penso deixa unha agradable sensación de confianza nos sentimentos humanos e nos cambios. Cheo de detalles entrelazados, e íntimos, da vida dos catro personaxes da historia que acaban cruzándose nalgún momento por acontecementos imprevisibles que darán xiros moi inesperados ás súas vidas. O xogo de encadenamentos, azar, casualidades... (no marco dunha gran cidade na que o anónimato e a invisibilidade tería que ser a característica máis relevante dos habitantes) centra a temática de cada historia.
Marylou, Albert, Tom e Prudence (personaxes que pasaron na súa existencia por situacións complexas) vense alterados cando a coincidencia, a sorte ou a casualidade intervén ó chou nun día da súa anónima vida.
Un libro que nos gustou en Balbordo.

Chegamos hoxe á Biblioteca no Recreo para falar do libro de A. Fernández Paz e rematamos fixando como lectura virtual, para o próximo mes, o libro que Lois (un dos máis antigos membros de Balbordo) está publicando no seu blog... Unha agradable elección do alumnado, que comentarei ó final.
Respecto a O centro do labirinto non nos levou a moitos comentarios (nin apaixoados!) aínda que a grande dose de fantasía do texto, a temática que aborda, as características dalgúns persoaxes, ás similitudes con algunha situación de actualidade... pensei que lles ían "enganchar", pero non foi así! Algo se falou de David, do movemento de resistencia, de Brenda e os seus pais, da relación do rapaz e a rapaza... aínda que non estaban hoxe moi comunicativos!!!!
Cando fixamos a lectura virtual de maio, Lois López Valdés ofreceuse a que lle criticásemos a súa novela (á que podedes acceder cun enlace ó seu blog picando a imaxe que vai a continuación). Sabe que en Balbordo somos moi moi críticos cando nos poñemos a falar das obras dos outros así que xa o avisamos para que estivese preparado para escoitarnos a todos.
Supoño que é un gran orgullo que contemos neste grupo cun futuro escritor e que considere que pode atreverse a soportar as nosas críticas, preguntas... e que admita suxestións para poñerlle un fin a esas páxinas que con tanta ilusión está escribindo.
Realmente, considero que esta vai ser para todos nós (autor-lector e lectores dun club de lectura) unha moi boa experiencia!! Boa e crítica lectura do texto deste gran autor de 3º ESO:



En Bibliocabe podedes ver o mural do Día do Libro. Este é o vídeo que fixo PARAMIO para resumir a inolvidable experiencia da nosa "conquista da Torre" o 23 de abril:

Outro Álbum Ilustrado en BalbordoBis

En BalbordoBis este mes ollaremos o Álbum Ilustrado de Suzy Lee: Espejo.
O slide corresponde á páxina oficial de Suzy Lee e tan só reproduce as primeiras páxinas da obra o resto continuaremos véndoo no libro...




E, por casualidade, despois da reunión, caeu nas miñas mans este fantástico libro de Hervé Tullet da editorial Kókinos: Juego de espejos. Un libro para soñar, en negros e grises, no que hai 1000 miradas para disfrutar... e para meterse nun espello. Tamén o ollaremos en BalbordoBis




LECTURAS ABRIL



CASA DE BONECAS, IBSEN

Con Casa de bonecas de Ibsen rematamos hoxe en Balbordo a nosa pequena homenaxe ó teatro (o día Internacional do Teatro foi o 27 de marzo), no contexto das actividades que tamén fixemos na Biblioteca (exposición de teatrillos, teatro de sombras...).
Foi unha lectura que deu moito que falar, que provocou animados comentarios sobre as convencións, o lugar da muller na sociedade da época, a hipocrisía, as relacións familiares... e, especialmente, o carácter dos protagonistas da historia, fundamentalmente de Nora.
Destacaría a forza de Nora, esa muller pouco convencional que constrúe a súa vida sobre renuncias que acaban por derrubar o mundo de bonecas e de disfraces no que habita.
Helmer, o prestamista, o Dr. Rank e a Sra Linde non se materializaron en ningún escenario nin os ollamos actuando, porén démoslles vida hoxe cos nosos reproches, defensas, discusións e reflexións na Biblioteca.
Podedes facer lectura virtual da obra neste enlace.

DÍA INTERNACIONAL DO TEATRO

E continuamos con teatro... esta vez cunha comedia de Roberto Salgueiro ambientada no século XVIII en Italia.
As opinións sobre a obra estiveron moi divididas no grupo dos máis novos: uns comentaron que se divertiran e outros que non lles gustara nada porque lle sobraban as explicacións (referíanse ás acotacións)... Son de 1ºESO polo que aproveitamos para comentar para que serven esas anotacións nuns textos que teñen como finalidade ser representados nun escenario.
Falamos do argumento do texto, dos personaxes e das situacións que viven os dous protagonistas desta historia. Tamén observaron os rapaces os anacronismos presentes na obra, que teñen como fin darlle comicidade, por exemplo: a aparición dun microondas ou a bebida ("Chosca-Cola").
Tivemos tempo de ler o comezo do texto e recitar con boa entonación unha parte. No que coincidiron foi en dicir que o momento que máis lles agradara fora o poema das pp. 30-31 (que tamén recitou unha alumna).
Procuraremos asistir á representación teatral!

Neste mes adicado ó teatro, a obra elixida para o grupo dos rapaces maiores foi "El planeta de los culos" de J. Cedena. Un texto breve que provocou moitas risas cando viron o título, que correu de man en man (non só entre Balbordo) e que leron en alto hoxe nunha atípica reunión na que non quixeron falar da obra! Só dicían que lles gustara moito! 8 dos 12 rapaces recitaron parte dun texto divertido, transgresor e moi fresco.
Culón, Culillo, Culín, Culote, Culito, Culorín e Culorillo foron hoxe os protagonistas de Balbordo. Este sainete arrinca gargalladas, roza o grotesco e o esperpéntico.
Creo que van ler o resto de sainetes da obra.
Lectura "medicinal": No curan los males pero se te olvidan. Medicamento moi recomendable.

LECTURAS MARZO



Este conto, escrito e narrado aquí por José Saramago, permitiranos pensar en BalbordoBis cantos modos distintos temos de contar unha historia, de interpretar unhas imaxes que observaremos neste corto de animación.
Recórdavos algo que xa vimos en El árbol rojo? Pensades que teñen algo en común ou son moi diferentes?


ERROS E TÁNATOS, Gonzalo Navaza

O pasado martes, na Biblioteca, tivemos a sorte de que Gonzalo Navaza compartise as súas palabras cos dous grupos de Balbordo e o privilexio de que nos fixese entender moito mellor Erros e Tánatos.
Seguramente, cando decidamos relelo (pola súa amenidade e sinxeleza é un texto para volver a disfrutar) recordaremos moitos dos detalles que esa tarde coñecemos. É un texto do que xa se fixeron moitas edicións e que foi moi difundido tamén ó ser publicado na Biblioteca 120.
Navaza referiuse á súa profesión de escritor, acercounos ás súas obras e proxectos e explicou a importancia do conto como xénero narrativo ás veces non valorado na súa xusta medida. Dun modo moi ameno, permitiunos coñecer a historia do texto, as sensacións que tivo pouco despois de escribilo e antes da súa pubicación; os estímulos ou as situacións que aproveitou para construir as historias... Comentou como algúns personaxes xurdiron de situacións concretas ou anécdotas que logo convertiu en literatura; opinou sobre os seus relatos e a resolución ofrecida en cada historia; referiuse ás técnicas narrativas, ó humor e á morte presente na maioría das historias... Foron obxecto de conversa varios relatos e personaxes do libro que, aquela tarde, flotaron na Biblioteca entre a mirada do seu creador e de varios lectores que atentamente se acercaran previamente ó texto.
Podedes consultar algunhas Críticas sobre o libro nestes cadernos de Xerais.
Temos que agradecerlle a Gonzalo a súa extraordinaria amabilidade, cercanía e capacidade de comunicar que a literatura, a boa literatura, pode proporcionar ó lector o pracer de ler. Agardamos telo de novo en Balbordo para disfrutar doutra proposta e das súas palabras. Moitas Grazas por non deixar o texto esquecido nun caixón e por ser tan xeneroso ó compartir un pouco do proceso creador!
Grazas tamén a Mª Xesús Vila que dende Normalización Lingüística fixo posible a visita de Navaza.

Teño pensado moito sobre o motivo polo que os rapaces son entusiastas devoradores de literatura fantástica e de aventuras. Supoño que significa unha grande evasión hacia mundos que recordan ós contos e levan a ambientes totalmente descoñecidos. Esto sucede no libro El Secreto de If; foi unha lectura que lles arrincou encarecidos comentarios. Algúns destes foron: a voda noutro reino que desencadena os acontecementos da historia, varias probas, unha perigosa viaxe, unha torre invisible na que un mozo está privado de liberdade dende que naceu, seres máxicos, unha princesa, un mago, un terrible dragón, claves secretas para desvelar un misterio...

As distintas características dos personaxes (de gran lealdade, valentes, loitadores, sacrificados...) tamén foron motivo de conversa. Uns momentos moi agradables os que compartimos falando do Secreto de If.

LA NIETA DEL SEÑOR LINH, P. CLAUDEL

Na reunión de hoxe comentamos este libro de P. Claudel no que se fala de soidade, tenrura, amizade e silencios...

É unha novela difícil de sintetizar sen condicionar a lectura e a interpretación do que se acerque a este libro. Por iso, só comentarei que é un texto sinxelo, de sentimentos profundos. Destaco a soidade do Sr. Linh, que se ve repentinamente acompañado por outra alma sensible -o seu amigo Bark- e ambos comparten recordos e amizade simplemente pola forza da proximidade, posto que as fronteiras dun distinto idioma suporían a imposibilidade de calquera conexión...

Nos comentarios dos rapaces saíron palabras como: tristeza (impregna moitas páxinas da historia); cidade inhóspita frente á aldea da que procede o protagonista; exilio e desarraigo; loucura e insoportable dor que leva a determinados comportamentos do anciá que a algúns lles sorprenderon.

Como indiquei hai un ano, cando falamos deste libro no grupo de maiores, non podo deixar de recomendalo encarecidamente.

LECTURAS FEBREIRO


ALUMNOS GRUPO 1: MARTES 23 na Biblioteca ás 11:10.



ALUMNOS GRUPO 2: XOVES 25 na Biblioteca ás 11:10.


PROFES,PAIS E P.A.S. MARTES 2 ás 16:00 VISITA DO AUTOR na Biblioteca.

Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds