LECTURAS MAIO

Como comentamos na última reunión, as lecturas deste mes farémolas consultando obras en bibliotecas virtuais.
O autor elixido para os máis novos é E. A. Poe, do que podedes ler o conto de terror: "El gato negro". O grupo de profesores, pais e persoal non docente lerán tres contos de Katherine Mansfield: "A lección de canto", "A vida de Ma Parker" e "Felicidade"


Unha boa guía de recursos en liña para consultar bibliotecas virtuais galegas podes vela neste enlace. Tamén é moi útil este para acceder a distintas Bibliotecas Dixitais públicas.

R.L.STEVENSON, A ILLA DO TESOURO

Cando pensei en seleccionar este clásico de aventuras para o grupo de rapaces do Club busquei o exemplar da Illa do tesouro no que lin o libro na miña adolescencia; tiña as follas amarelas polo paso do tempo, as marcas nalgunha páxina que hai anos debín de reler, o olor tan característico dos libros vellos que encerran tantas historias de cada un de nós… Empezaron a circular ante os meus ollos palabras que xa tiña esquecidas: J. Silver, a mota negra, Perro negro, capitán Stevenson, Jim, pousada do Almirante Bembow, capitán Flint, Ben Gunn… e de súpeto recordei algunhas sensacións e imaxes do momento mesmo no que esta lectura de hai tantos anos chegou ás miñas mans. Si o libro aínda provocaba esa forza para mín supuxen que, a pesar de non ser un texto actual, podería agradarlles a eles. Polo que me dixeron na reunión a obra gustoulles moito. Só unha alumna me comentou un día polo pasillo que lle resultara moi difícil lelo porque se lle esquecía o que pasaba ¡quen sabe si nun segundo intento! e outra díxome que non lle gustara porque era un libro moi vello...
A reunión do xoves na Biblioteca foi un pouco atípica e o Recreo non deu para moito! O día antes estiveramos en Santiago e había moito que contar! Joel e Sandra, que nos representaron a todos moi ben, aínda andaban algo nerviosos! Vimos na pantalla a historia sintetizada nos 60 cromos (vídeo que podedes ver na entrada "Cromos da Illa do tesouro"), sabían ordenar perfectamente os 9 que lles entregara había días… Do libro, falaron de Jim, do tesouro, do capitán Silver, de piratas e de aventuras. Penso que no "ambiente de piratería" que vivimos estes días no centro, A illa do tesouro é a mellor mostra de que un bo libro de aventuras sempre pode estar de actualidade.
A continuación podedes ver a historia resumida en 60 cromos. (Si picades na imaxe apreciarédelos con detalle)


"Falamos de libros co Presidente"

O 23 de abril pola tarde un grupo de rapaces do Club Balbordo representou ós Clubes de lectura de secundaria de Galicia no acto: "Falamos de libros co presidente", que contou coa presenza do Presidente da Xunta, a Conselleira de Educación e a Directora Xeral de Ordenación e Innovación educativa. Os centros presentes foron: CEP Marcos da Portela (Pontevedra), CEIP de Pazos (Ferrol), CEIP de Présaras (Vilasantar), CEIP de Sigüeiro (Oroso), CEIP Humberto Juanes (Nigrán)e CEIP Pepe de Xan Baña (Sta. Comba). Tamén estiveron presentes, con videoconferencia, o CEIP A Ponte (Lugo) e CEIP Amaro Refojo (Verín).

Os rapaces comentaron algunha das súas lecturas; no caso do noso centro, Joel de 1º de Eso elixiu A illa do tesouro. Sandra, de 2º de Eso explicou que era un Club de lectura e sintetizou as actividades que nel se facían. Foi un acto moi emotivo no que se respiraba a sedución que para moitos alumnos supón a lectura. Os rapaces alí presentes só representaban unha pequena parte dos grandes lectores que hai en moitos centros; a súa ilusión só foi unha mostra da que día a día observamos en moitos dos que alí non estaban pero que tamén len.

Podedes consultar na páxina de Bibliotecas Escolares un enlace da noticia emitida pola tvg e un vídeo da Axencia galega de noticias. Temos que agradecerlles a Pilar e Cristina a súa continua dedicación dende a Asesoría de B.E. Grazas ós sete que sen dubidalo aceptaron vir a Santiago e, por suposto, a todos os membros de Balbordo, sen a vosa ilusión o Club non existiría.
Este vídeo (feito a partir das fotos que Paramio nos fixo) resume algúns momentos da segunda parte do día deste intenso 23 de abril.


video

X. MIRANDA, MORNING STAR

Onte, os dous grupos de pais, profesores e persoal non docente do Club contamos coa presenza de X. Miranda (grazas á colaboración do Departamento de Normalización Lingüística).
A actividade de Balbordo enmarcouse no contexto de propostas para o mes de abril, mes dos libros. Entre elas hai que destacar a exposición que abarca diferentes aspectos da piratería. Miranda tratou cos alumnos o tema dos piratas na literatura e, a continuación, uníuse ó noso Club para charlar de Morning Star. Neste texto está presente (indirectamente pero como elemento importante desta historia de aventuras) o último pirata galego: Benito Soto.
O entusiasmo pola literatura que transmite Miranda cando fala e os seus dotes de comunicador fixeron da longa reunión un agradable encontro do que nos quedará un grato recordo.
Contestando ás numerosas preguntas, compartíu connosco unha reflexión sobre o minucioso proceso de elaboración das súas novelas, consideracións sobre a riqueza do léxico galego e o modo en que se reflicte na súa obra... Tamén falamos das peculiaridades dos bandoleiros que aparecen neste texto, eses homes e mulleres silenciados pola "gran historia" e esquecidos ás veces na propia memoria do pobo de Galicia. Foi admirable a amenidade coa que nos comentou os diferentes tipos de armas que utilizaban na época ou a mención á investigación que supón, por exemplo, "vestir adecuadamente" ós personaxes da súa novela.
A posibilidade de que Morning Star fose levada ó cine, e as dificultades coas que ese proxecto se atopou, fíxonos reflexionar sobre as trabas coas que talvez se atopa a literatura galega para trascender fronteiras.
Desta novela de aventuras (homenaxe tamén á Illa do tesouro) destacaría a amenidade coa que asistimos a unha busca: a dun tesouro que, como todo xogo, implica riscos, aventuras e dificultades. Nese camiño, os protagonistas percorren moitos ambientes da xeografía galega do Século XIX e crúzanse con grande variedade de personaxes. Cambian interiormente e fanse "outros" deixando atrás (ou recuperando) o pasado.
Na obra están presentes a aventura, o amor, as gavelas, os piratas, a crueldade, a morte, a amizade, a tenrura... Penso que as palabras de Miranda no Apéndice do libro ilustran a esencia do texto: "Pretendín neste libro rescatar dos arquivos non a nosa Historia senón, polo contrario, a nosa aventura, pois xulgo que o século XIX galego ben vale uns relatos e que é hora de reivindicar a nosa memoria, e todas as historias están aínda por contar" (Morning Star, Ed. Xerais, 1998, p. 268).
Grazas Miranda por aceptar esta charla autor/ lector, que poucas veces temos a oportunidade de disfrutar os que somos amantes da Literatura.

PIRATERÍA

Cromos A Illa do tesouro

Nestes nove cromos antigos (Canadá, anos 50) resúmense moitos episodios importantes da obra que estás a ler. Observarás que están mesturados. O día da reunión do Club procura traelos recortados e ordenados seguindo a orde da historia; asocia cada imaxe ó texto que lle corresponda (está en francés e inglés!)



21/4/08

A continuación podedes "ler en imaxes" o libro do que falaremos dentro de tres días (picade na frecha):

video

LECTURAS ABRIL

As lecturas propostas para abril son: A illa do tesouro (R. L. Stevenson) e Morning Star (X. Miranda)

Entradas más recientes Entradas antiguas Página principal

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds