FUME, Antón Fortes

Para continuar coa temática de Dereitos humanos en Decembro... Este libro de Antón Fortes, con ilustracións de Joanna Concejo, penso que conxuga perfectamente a sinxeleza dun texto contado dende o punto de vista dun neno coa forza visual dunhas ilustracións nas que o horror, a fame, o frío e a humillación non precisarían de palabras...
Aínda que é un tema repetidamente tratado en libros, documentais, películas (tal vez por iso algunha imaxe nos poda resultar "familiar") moitos dos maiores do club comentamos que a forza das imaxes é tremenda e o texto, en moitas páxinas, sobrecolledor.
Fomos reparando practicamente en todas as láminas e reflexionando sobre o posible significado das cores, dos borróns das páxinas, dos corpos cortados, as árbores, a música, incluso o difícil momento dos soños e dos xogos nesa situación...
Tamén coincidimos a maioría dos compoñentes dos grupos (¡con unanimidade no dos pais!) na elección dunha imaxe na que o rapaz se agarra fortemente ás costas da súa nai (esa nai que xa non lle conta historias porque está demasiado cansa).
O breve título do libro penso que condensa en dúas sílabas a nada e o cheiro a morte. A presenza das multitudes vixiadas non deixará nunca de sobrecollerme nin tampouco cando tento pensar no frío, nas miradas perdidas e a sensación de miseria que respiran os corpos escuálidos hacinados entre un terror dificilmente imaxinable. Aínda que o vise miles e miles de veces este tema sempre seguirá impresionándome.

NINGUÉN ESTÁ SÓ

Hai exactamente un ano, os dous grupos de maiores de Balbordo reflexionamos sobre Ninguén está só: 10 relatos que abordan dereitos humanos vulnerados en distintos lugares do mundo.
De novo, Carlos Parada contoulle ó outro grupo de rapaces a súa experiencia no Sáhara (esta vez relacionada co relato de F. Alonso "Sáhara, améndoa amarga") lugar co que comeza esta escolma de relatos.
A continuación, no tempo que nos quedou para falar do libro, algún preguntou o que non entendera (pronto outros respostaron!); comentaron o texto de F. Casalderrey "Electrocardiograma plano" expoñendo diversas opinións; fixáronse na orixinal disposición tipográfica de "Travesía en branco e negro" e conteilles algo do que lle escoitei a A. Reigosa sobre a orixe desta historia... Algún mostrouse interesado por nomear "Barbazul" de P. Carballeira e tamén deu tempo de falar de "Un billete de tren" de H. Villar e o significado último que para alguén pode ter acadar un modo de escapar dunha situación.
Penso que é unha lectura francamente interesante. Facede a proba os profesores e lede algunha destas historias ó alumnado, á que máis significado teña para vós, e logo que eles fagan unha reflexión... Colgarei un comentario dalgunha das impresións de alumnos meus de 3º ESO (algún de Balbordo) despois de lerlles "A vida a Valga" (de Ana Expósito), para mín sen dúbida un dos relatos máis sobrecolledores do libro.
Tamén vos recomendo que vexades en Bibliocabe un excelente vídeo que fixo Paramio sobre un poema de J. Agustín Goytisolo ("Nadie está solo") que aparece como introdución a este libro que comentamos hoxe.

SMARA, Paula Carballeira

Hoxe no recreo, na Biblioteca, acercámonos un pouco ó Sáhara. O novo grupo de alumnos do Club que vedes na foto (e tamén varios profes que quixeron asistir á reunión) escoitamos ó noso compañeiro Carlos Parada que preparou unha presentación sobre o Sáhara e a súa experiencia directa alí, cando estivo no 2004. Atentamente, moi atentamente, os rapaces fixáronse no que nos contaba desa cultura tan distinta á nosa, a vida diaria alí, miraban fixamente as fotos, as persoas que aparecían na pantalla e non sei si a algún lle espertou a curiosidade de saber máis dese pobo que loita con esperanza. Seguro que estes días repararán máis nas noticias de actualidade! No blog dunha amiga (Gracia) podedes ver un vídeo de hai máis dun ano no que tamén reflexiona sobre a situación deste lugar do mundo.
Logo dos comentarios de Carlos, charlamos algo deste libro de Paula Carballeira. Creo que é un texto que se le doadamente, porque recorda esas historias contadas polos avós das que sempre aprendemos algo novo cando as escoitamos outra vez... Ademais, as magníficas ilustracións de Carole Hénaff fannos deter en moitas páxinas e trasladarnos a un mundo moi distinto ó noso: ó deserto. Son debuxos de gran colorido e forza visual que atrapan a imaxinación (polo menos a miña!!) e me fan desexar coñecer eses lugares, olores e noites estreladas...
Espero que os rapaces fagan algún comentario... Eu podo dicir que me fascinaron as ilustracións. E, do texto, o modo en que a avoa Ubago fala da morte, describe os ouveos dos cans e rememora antes dese momento historias máxicas. Mentres lía fun quen de imaxinar a un neno desexoso por coñecer o final de cada historia contada, case nervioso cando o conto se interrumpía! Tamén me fixo pensar nas lembranzas dese rapaz que chega a outra cultura, neno ó que ó seu pai "non lle gustaban os contos, prefería falarme de paisaxes, das xentes, do grande que era o mundo" (p. 7) pero que decide levalo ao deserto, lugar onde si lle contarán historias (posiblemente dunha tradición moi distinta á da nosa cultura persoal pero en definitiva soños que lle farán voar e ter outra visión da vida).
Grazas a Carlos por poñerlle rostro a un lugar onde se ambientaba a historia deste mes.

10 DE DECEMBRO. DEREITOS HUMANOS

A escolla de lecturas de Decembro débese a este motivo:

Entradas más recientes Entradas antiguas Página principal

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds