USHA, M. REIMÓNDEZ


Con esta montaxe de imaxes (que realicei tomando algunhas das preciosas ilustracións que Iván Sende fixo para o libro de M. Reimóndez) comezamos a reunión no recreo co grupo 2 de rapaces, de 1º e 2º ESO. Comentamos a que partes do libro se referían e en que momento da obra se situaban.
É a segunda vez que falamos de Usha en Balbordo. Na primeira ocasión contamos coa presenza da autora no noso club.
Usha é unha obra boa para reflexionar sobre a tolerancia, o valor das outras culturas e tradicións... Un texto excelente para achegar ós rapaces á India e comentar as diferenzas coa realidade moi distinta que eles coñecen.
A vida diaria de Usha, a relación coa súa mai (muller enormemente comprometida coa problemática das mulleres), as profundas amizades que a nena acada na India ou as pequenas anécdotas son algúns dos temas interesantes desta boa historia.



SEDA, BARICCO

Moito discutimos os profes, pais e persoal non docente sobre esta breve obra de A. Baricco; texto que cando comezou a reunión non tivo moitos "adeptos" pero que a medida que nos lanzamos a comentar suscitou opinións do máis diversas e apaixoadas...
A viaxe, a versión cinematográfica da obra, o ambiente oriental do texto, a sensualidade, a relación do protagonista coa súa muller, a experiencia vivida no Xapón, o halo de misterio que rodea á historia... foron algúns dos temas tratados.
E logo, como é habitual nas nosas charlas, a comparación con outros libros lidos en Balbordo, a nosa imaxinación desbordada que tenta cubrir os silencios dos textos, a minuciosidade con que nos referimos a personaxes e comportamentos...
Unha conversa moi agradable e o gran pracer de compartir distendidamente (dende hai máis de tres anos!) as nosas distintas impresións sobre unha mesma lectura.

DIVINA PROVIDENCIA, V. Tong Cuong

O AZAR é unha parte moi importante das nosas vidas. Desto falamos hoxe no grupo 1 de rapaces de Balbordo.
Como indica V. Tong Cuong con esta cita de Séneca -De la Providencia- do preludio da súa novela :
"Soportémoslo, pues, todo con valor, porque
las cosas no suceden por casualidad, como creemos, sino a su debido tiempo".
Comentamos no recreo este texto optimista e áxil que deixa unha agradable sensación cando remata a súa lectura. A vida de moi distintos personaxes acaba cruzándose nalgún momento da historia, debido a acontecementos imprevisibles e inesperados.
O xogo de encadenamentos, azar, casualidades... (no marco dunha gran cidade na que ninguén parece coñecerse) centra a temática dunhas vidas que se atopan sen sentilo.
Marylou, Albert, Tom e Prudence, todos cambian cando a sorte ou a "providencia" interveñen nun día calquera da súa anónima existencia.




O segundo grupo de BalbordoBis comentará o venres 11 este álbum de J. Liao do que se pode ver un corto de animación en Youtube.

Primeiro veremos o vídeo (non ten ningunha palabra) e logo compararémolo co texto.
A tenrura, as cores, as sensacións enchen todas as páxinas deste magnífico Álbum.

Entradas más recientes Entradas antiguas Página principal

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds