24/06/09

BALBORDO, CURSO 2008/09



18/06/09

Fin de curso

Xa pasou un curso no que, dende outubro, nos xuntamos durante nove meses para compartir moitas das sensacións que figuran neste marcapáxinas.
O pasado martes os pais, persoal non docente e profesores xantamos xuntos e a continuación lemos algún breve texto: Serafín elixiu un fragmento de Teresa Moure do ensaio As palabras das fillas de Eva; Mª Xesús seleccionou un texto de Los hijos de la medianoche de Salman Rushdie; Pilar recitou tres preciosos poemas de Carmen Martín Gaite e eu lin o relato "Carrusel aéreo" de J. Mª Merino do libro La glorieta de los fugitivos.
E hoxe, xoves, recta final de curso, cos apuros das últimas repescas e a ausencia xustificada de varios dos alumnos de Balbordo, trece de vós viñéstedes á última reunión na que lemos o conto de terror de Lovecraft: De la oscuridad que algún xa "visitara" antes virtualmente. Tamén tivemos ocasión de comentar brevemente algún aspecto do texto e incluso de falar dunha obra que se lle asemella algo: Frankenstein, que Paulo perfectamente sintetizou.
Anunciareivos no blog esa proposta da que falamos para agosto. Boas vacacións e boas lecturas. Pode que algún de nós atope este verán ese libro que lle fará pensar inmediatamente: seguro, seguro que pode dar moito que falar nalgunha reunión de BALBORDO... Agardo que nos pase a moitos!

7/06/09

XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA

O venres 5, os coordinadores de moitos clubs de lectura de Galicia xuntámonos nunha intensa xornada na que reflexionamos sobre os hábitos de lectura, coñecemos a experiencia de compañeiros ou algunha iniciativa doutra comunidade sobre a tarea de incentivar a lectura. Tamén tivemos a oportunidade de escoitar o punto de vista dunha escritora que relatou as súas impresións sobre a asistencia a reunións de clubs nos que se fala dos seus escritos. A xornada, perfectamente organizada, rematou cun sorriso grazas á intervención dun contacontos.
Cando penso no que supón participar nun club de lectura e ter a oportunidade de compartir bos momentos con alumnos, profesores, pais e persoal non docente (no caso de Balbordo) o primeiro que me suxire é: un modo extraordinario de ter outro pretexto para falar de libros.

3/06/09

LECTURAS XUÑO


Como moitos alumnos me dixéstedes estes días que buscase algún relato de terror ou misterio, leremos virtualmente e comentaremos no recreo do xoves 19 "De la oscuridad" de Lovecraft.


Alumnos: XOVES 19 na Biblioteca ás 11:10.
PROFES, PAIS E P.A.S. MARTES 19 ás 14:30 comida literaria.

23/05/09

O CLUB DA CALCETA, MARÍA REIMÓNDEZ

O pasado martes, na Biblioteca, os maiores de Balbordo "calcetamos" con María Reimóndez. Ningún levaba agullas nin la pero coas nosas palabras fomos enganchando puntos, soltando puntos, tecendo durante máis dunha hora a nosa visión deste libro; unimos a nosa calceta coa da autora e coa das sete mulleres presentes nesa historia. No espacio íntimo da Biblioteca e do Club, en certo modo similar ó da calceta, compartindo en voz alta os nosos pensamentos sobre o libro fomos enredando e mesturando as problemáticas individuais de cada personaxe coa súa experiencia colectiva nun club de calceta. María comentou que non se explicaría ese libro sen ter en conta a súa concienciación sobre a necesidade de buscar solucións nunha loita colectiva. Neste sentido, podedes ver que foi fundadora da ONG Implicadas/os no desenvolvemento.


Falamos da adaptación da novela ó teatro e tamén da estrea, ó día seguinte, da versión cinematográfica do texto. Quizais as vivencias e pensamentos das seis mulleres protagonistas do Club da calceta foron as que máis centraron a nosa conversa. Especialmente mencionamos a Fernanda, Luz ou a Tía Davinia; comentamos temas como a prostitución, a discapacidade, a discriminación ou a violencia, ás veces invisible, á que se ven sometidas moitas mulleres diariamente. Salientamos o feito de que ó compartir palabras e problemas as mulleres poden mellorar a súa situación se se apoian conxuntamente.


Este libro, que M. Reimóndez adicou "A todas as mulleres que, ante tanta violencia, non reaccionan con violencia", fai reflexionar sobre as dificultades de lograr a igualdade entre homes e mulleres pero co optimismo da autora tamén defende que pequenas accións poden levar a grandes cambios.


Queremos agradecerlle a María a oportunidade de "facer puntos" con ela no noso Club e desexámoslle moita sorte na nova etapa que vai comezar.

11/05/09

USHA, MARÍA REIMÓNDEZ

Os rapaces de Balbordo contaron este mes cunha visita moi especial: María Reimóndez, autora do libro elixido para maio.
Con ela comentaron as súas impresións sobre a protagonista de Usha, a relación coa súa nai, os distintos comportamentos sociais e da vida cotián da India... falaron dese lugar e tamén formularon inquietudes:

Un preguntou pola alusión á serpe coa que comeza a historia, a outro interesoulle si era habitual na India algunha situación concreta de violencia que se narraba no texto; outro quixo saber de que zoa de Galicia sería Usha e tamén houbo quen lle pediu á nosa invitada que contase si as dúas amigas ían conseguir ou non o seu soño. Como adoita pasar nas nosas reunións, unha vez máis comprobamos que os personaxes, aínda que saídos da imaxinación, adquiren vida propia na mente de cada lector!! Por iso, a curiosidade por saber mais desa historia que non remata (como esas que tanto lle gustaban a Usha cando as escoitaba da súa nai) tamén nos fixo rir e imaxinar o martes.
Creo que con Usha (obra que, en palabras dos rapaces, se resume en "amizade" ou "a convivencia do distinto") María transmíte que é posible o entendemento entre culturas moi distintas, as aportacións mutuas sen imposicións duns ós outros... que é posible, e necesario, obter unha visión da vida máis complexa e rica cando se abandonan pensamentos restrinxidos; tamén penso que afonda na idea de que é preciso comprender que o diferente ó que un coñece non é menos importante do que un posee.

Usha é moi nova pero tén o privilexio de experimentar vivencias non comúns en nenos da súa idade; entrelaza a súa historia da India e Galicia resumindo como a amizade, a confianza e a aprendizaxe de vivir asimilando como normal o distinto é un achegamento á convivencia diaria.

Novela xuvenil excepcíonal é esta creación dalguén tan comprometido como María Reimóndez, que onte abriu camiños de reflexión a estes rapaces para os que a India agora será un pouco menos descoñecida. Estou segura de que entre estes grandes lectores varios van querer saber máis. Realmente foi unha reunión que todos quereriamos repetir!

3/05/09

BALBORDO MAIO



ALUMNOS:VENRES 24 NA BIBLIOTECA ÁS 13:25.
PROFES, PAIS E P.A.S. MARTES 19 ÁS 16:00 NA BIBLIOTECA.

2/05/09

EL SEÑOR PIP, LLOYD JONES

Este é un deses libros que algunha vez hai que ler, ou reler, por varias razóns:

Porque nel a oralidade, a literatura e a lectura se presentan como unha necesidade á que se chegará seguramente si alguén ou algo consigue fascinarnos ou, simplemente, espertar a nosa curiosidade.
Porque nel irrumpe o medo e a violencia dun xeito tan sobrecolledor que non admitirá a indiferencia dos lectores.
Porque o ambiente que recrea entrelaza a realidade do que se describe co non vivido ou "cos silencios" da vida de moitos personaxes da historia.
Porque os protagonistas son tan complexos e profundos que resulta difícil non reparar na súa forza.
Porque nesta novela se abordan numerosos temas (resaltamos este aspecto na nosa reunión) que poden ser obxecto de reflexión: a educación, a familia, a lectura, a covardía, a crueldade, a infancia-adolescencia, a supervivencia...
Esta lectura de Lloyd Jones conmoveume porque me fixo trasladar a un mundo de evocacións e melancolía; a un mundo no que algo aínda pode ser salvado co poder da palabra e da imaxinación.

26/04/09

O SON DAS PALABRAS NO SOUTO

Para celebrar o día do libro, o Club de lectura "Pintor de Castinande" da Biblioteca pública de Sober convidou ós maiores de Balbordo a unha xornada de lectura compartida, na que tamén participou a Biblioteca pública do Saviñao.
Máis de 40 persoas visitamos o
Centro Oleiro de Gundivós onde nos fixeron unha demostración dese oficio de artesáns do que é exemplo esta zoa de Sober.
Logo, no impresionante Souto do Tellada escoitamos a recitación de diversos textos mentres disfrutabamos dese incomparable marco natural.
A visita á igrexa románica de Lobios foi acompañada dun recital co que nos agasallou o grupo de Sober "
O Trícole", do que tamén foi fundador o noso Director Verao.
A xornada rematou no Santuario de Cadeiras, onde houbo un xantar e logo visitamos algún
miradoiro.
Temos que agradecerlles ós integrantes do Club de lectura, e especialmente a Julia -a Bibliotecaria-, a ilusión que puxeron nese día, a emotividade que xuntos compartimos e a idea desa experiencia que esperamos se volva repetir. Moitas grazas!

video

24/04/09

O PRINCIPIÑO, de Saint-Exupéry

Neste
ano Internacional da Astronomía quixemos aproveitar a ocasión en Balbordo para reflexionar sobre un libro que aparentemente é infantil pero que, como a maioría das cousas que parecen sinxelas, ofrece unha gran ensinanza para todos:
"non se ve ben
senón co corazón.
O esencial é invisible ós ollos"
Comentamos algunhas das ilustracións orixinais (utiliceinas da Fundación Germán Sánchez Ruipérez) realizadas por Saint-Exupéry para esta obra. Os rapaces leron algúns pasaxes do libro e referíronse ós encontros do principiño nos distintos asteroides cos personaxes que ía descubrindo na súa viaxe: o rei, o borracho, o farero, o astrónomo...
Aínda que lerades o libro hai moito, seguro que todos recordaredes un cordeiro, unha flor única, un zorro ou o baobab (ese baobab do que María comentou que simbolizaba que algunhas cousas hai que arrincalas antes de que medren demasiado e non logremos librarnos delas). Este pequeno libro (do que vos queda un enlace virtual por si queredes reler o texto) é de fácil lectura aínda que teredes que lelo moi atentamente, non cos ollos senón co corazón .

29/03/09

DÍA LIBRO INFANTIL

Porque de cando en vez nos gusta recordar que fomos nenos

Porque, estes días, queremos que vexades a Biblioteca con outros ollos

Porque pensamos que vos imos espertar algunha imaxe de cando disfrutabades vendo os libros, escoitando historias, imaxinando moitos mundos que aínda nunca coñecerades

Porque sabemos que seredes capaces de sentirvos por un rato coma nenos

Por moitas razóns máis queremos que veñades á Biblioteca a semana do 30 de marzo ó 3 de abril. Seguro que tan pronto como atravesedes a porta da estación disfrutaredes da viaxe que vos propoñemos


LECTURAS ABRIL



ALUMNOS:VENRES 24 NA BIBLIOTECA ÁS 11:10.
PROFES, PAIS E P.A.S. MARTES 28 ÁS 16:00 E ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA.

28/03/09

COMER PARA LER!

Nunha reunión do Club, Serafín (do grupo de pais de Balbordo) comentou que no Parador había menú de degustación (pola celebración do 80 Aniversario dos Paradores) e regalaban un libro. Como somos un Club de lectura non iamos deixar pasar a ocasión de facernos cun libro máis, aínda que de cociña! E alí fomos o pasado martes.

26/03/09

EL SECRETO DE IF, de Alonso A./ J. Pelegrín

Os autores da obra proposta para este mes son os mesmos da coñecida serie La llave del tiempo que tanto prestamos na nosa biblioteca. No Secreto de If, unha torre invisible na que un xove está privado dende o seu nacemento da liberdade, seres máxicos, unha princesa, un mago, un dragón, unha viaxe moi perigosa, claves secretas para desvelar un misterio, unha voda que desencadena os acontecementos da historia... son algúns dos elementos deste texto de literatura fantástica.

O libro, premio El Barco de Vapor 2008, permitiunus falar de soños, loitas, lealtade, afán de superación, características dos personaxes, búsqueda da verdade e maxia... Aínda que, por momentos, foi un pouco difícil concentrarse porque as palabras soltas que había na mesa da Biblioteca para elaborar poemas con motivo do Día da Poesía eran moi tentadoras para probar que podía saír facendo combinacións!

De todos modos, a imaxinación e a intriga como compoñentes esenciais do libro fixéronnos viaxar cos protagonistas ata un reino moi moi lonxano: o que cada un de nós inventou unha vez pechamos a última páxina da historia.

13/03/09

"LAS RATAS DEL CEMENTERIO" de H. Kuttner en BalbordoBis

Onte tivemos a segunda sesión en BalbordoBis. Como os rapaces comentaron que lles gustaban as historias de terror, escoitamos na Biblioteca o relato "Las ratas del cementerio" cos efectos que prepararon Paramio e Xurxo; a voz do audio é do profesor de Bioloxía Tomás.

A continuación fomos comentando o que viñamos de escoitar, trátase dun relato de terror que utilizamos aló por novembro cando durmimos na Biblioteca. Agora podedes escoitalo. Poñédevos cómodos, apagade as luces e tan só atendede...


12/03/09

UNA LECTORA NADA COMÚN, ALAN BENNETT

Alan Bennett aborda o descubrimento do subxugante poder da lectura e as súas consecuencias por medio dunha historia na que a protagonista é unha lectora que cambia progresivamente o seu comportamento, e a súa visión do mundo, como consecuencia do hábito lector. Podería ser unha lectora calquera pero non o é, trátase da raíña de Inglaterra que casualmente (descubre unha biblioteca ambulante) accede ó pracer da lectura e con ela tamén ó incitante poder de observar mellor o mundo e os sentimentos dos outros.
Os novos hábitos desta muller terán consecuencias a nivel político; neste ámbito ás veces con aguda ironía, outras cunha directa crítica, tamén se presentan os ambientes de protocolo, as convencións, a superficialidade...
Desto tratamos os dous grupos de maiores na reunión do día 10 e tamén nos permitimos compartir as nosas reflexións sobre a figura real da que parte o relato ou a comparación co comportamento da monarquía en España. Tamén falamos de recordos das nosas primeiras lecturas, desas que foron eleccións "afortunadas" que non nos fixeron "abandonar a lectura para sempre". Reproduzo, nese sentido, a cita da páx. 17 na que se comenta o primeiro libro que toma en préstamo a raíña:
"... resultó ser una elección afortunada y, a su manera, memorable. Si su Majestad hubiera escogido otro tostón (...)
lectora novata como era, habría podido abandonar la lectura para siempre y no habría aquí historia que contar. Habría pensado que los libros dan trabajo
".
Son moitas as reflexións que pode suscitar esta lectura sobre os libros e o hábito lector. Penso que é un texto moi ameno; pecharedes o libro cun sorriso.

5/03/09

ANIVERSARIO DOS BLOGS

O 6 de marzo estamos de aniversario. Hai un ano publicamos por primeira vez o noso blog Bibliocabe; pronto chegaron Balbordo, Pistas de lectura, Montaxe e Tic Tiza. Canto podemos lembrar deste ano grazas ós blogs! Cantos bos momentos! Grazas a todos os que algunha vez vos perdedes polas nosas páxinas...

25/02/09

LECTURAS MARZO



ALUMNOS:MARTES 24 NA BIBLIOTECA ÁS 11:10.
PROFES, PAIS E P.A.S. MARTES 10 ÁS 16:00 E ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA.

24/02/09

Unha nova experiencia: BalbordoBis

O xoves pasado iniciamos en Balbordo unha nova experiencia, realizada en conxunto co Departamento de Orientación do centro. Un grupo de rapaces de apoio acudiron á Biblioteca para escoitar e ver o que María Reboredo lles tiña preparado: nunha caixa escondíase un escenario (elaborado por ela mesma) que ilustraba o poema de Rubén Darío que lles ía recitar: "Margarita, está linda la mar...". María deulles detalles sobre a elaboración do seu traballo e dos materiais que usou, tamén lles explicou o motivo de elixir ese poema: sempre llo contaba súa nai, que (á súa vez) tamén llo escoitara ó seu pai.
A continuación, os rapaces resumiron o poema, comentaron o que entenderan e volveron a escoitar a recitación, acompañada pola "caixa máxica", coa que nos deleitou de novo María.

Podedes consultar en Bibliocabe o testimonio sonoro.

22/02/09

TRISTES ARMAS, de Marina Mayoral

Tristes armas, de Marina Mayoral é unha novela de sentimentos, unha historia desas que non poden deixar indiferente a ninguén. Penso que ós rapaces de Balbordo tampouco os deixou impasibles, sinxelamente porque foron varios os que comezaron a narrar acontecementos da vida dos seus familiares que lles recordaban algunha das esceas tratadas no libro.
Os rapaces comentaron moitos aspectos da novela e deixáronme sorprendida coa grande cantidade de minuciosos detalles nos que se fixaron: a angustia provocada pola situación de guerra exposta no libro, o valor da amizade desinteresada (que sobrepasa fronteiras de ideoloxías) e que recibe, inesperadamente, unha recompensa nun futuro inmediato; a dor do exilio representado na figura de Harmonía e Rosa, dúas irmás que deben marchar a Rusia como consecuencia da Guerra civil; a incomunicación obrigada, a censura, a loita por sobrevivir diariamente, a necesidade de tomar decisións e de medrar, os amores en silencio ou a forza dos recordos foron algúns dos temas que comentamos.
Como vos dixen na reunión, déixovos para que vexades un vídeo de youtube no que algúns "nenos de Rusia" recordan o que viviron. Se cadra algún deles podería ser Rosa ou Harmonía?

Entradas antiguas

Blogger Template by Blogcrowds