LECTURAS MARZO



ALUMNOS:MARTES 24 NA BIBLIOTECA ÁS 11:10.
PROFES, PAIS E P.A.S. MARTES 10 ÁS 16:00 E ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA.

Unha nova experiencia: BalbordoBis

O xoves pasado iniciamos en Balbordo unha nova experiencia, realizada en conxunto co Departamento de Orientación do centro. Un grupo de rapaces de apoio acudiron á Biblioteca para escoitar e ver o que María Reboredo lles tiña preparado: nunha caixa escondíase un escenario (elaborado por ela mesma) que ilustraba o poema de Rubén Darío que lles ía recitar: "Margarita, está linda la mar...". María deulles detalles sobre a elaboración do seu traballo e dos materiais que usou, tamén lles explicou o motivo de elixir ese poema: sempre llo contaba súa nai, que (á súa vez) tamén llo escoitara ó seu pai.
A continuación, os rapaces resumiron o poema, comentaron o que entenderan e volveron a escoitar a recitación, acompañada pola "caixa máxica", coa que nos deleitou de novo María.
video
Podedes consultar en Bibliocabe o testimonio sonoro.

TRISTES ARMAS, de Marina Mayoral

Tristes armas, de Marina Mayoral é unha novela de sentimentos, unha historia desas que non poden deixar indiferente a ninguén. Penso que ós rapaces de Balbordo tampouco os deixou impasibles, sinxelamente porque foron varios os que comezaron a narrar acontecementos da vida dos seus familiares que lles recordaban algunha das esceas tratadas no libro.
Os rapaces comentaron moitos aspectos da novela e deixáronme sorprendida coa grande cantidade de minuciosos detalles nos que se fixaron: a angustia provocada pola situación de guerra exposta no libro, o valor da amizade desinteresada (que sobrepasa fronteiras de ideoloxías) e que recibe, inesperadamente, unha recompensa nun futuro inmediato; a dor do exilio representado na figura de Harmonía e Rosa, dúas irmás que deben marchar a Rusia como consecuencia da Guerra civil; a incomunicación obrigada, a censura, a loita por sobrevivir diariamente, a necesidade de tomar decisións e de medrar, os amores en silencio ou a forza dos recordos foron algúns dos temas que comentamos.
Como vos dixen na reunión, déixovos para que vexades un vídeo de youtube no que algúns "nenos de Rusia" recordan o que viviron. Se cadra algún deles podería ser Rosa ou Harmonía?

A COMADRE DE BALBORDO

Este xoves Monforte encherase de comadres. Esta é a nosa, feita tamén polo profe de Ciencias Jose Luis Rodríguez, ó que lle damos as grazas. É tan espectacular coma o compadre!

CARTAS DE AMOR (2), de FRAN ALONSO



Grazas á colaboración de Normalización Lingüística do centro, o martes 10 os maiores de Balbordo tivemos a oportunidade de comentar con
Fran Alonso Cartas de amor.
Fran achegounos ó proceso creativo do libro, recordou cales foran os referentes dos que partiron varios dos seus relatos, defendeu a necesidade dunha literatura comprometida que reflicta as problemáticas que nos rodean; tamén se referiu ó protagonismo da muller nesas historias ou á utilización do molde epistolar para eses nove textos.
A charla co escritor levounos de "Sáhara, améndoa amarga" a "A guerra" ou "A carta inesperada"..., relatos sobre os que fixeron comentarios algúns dos compoñentes do Club.
Fran, escritor posto "na pel" de tantas mulleres nestes textos (en palabras doutra compoñente do club), tamén nos precisou que o destinatario inicial deses relatos é un lector xuvenil. Por iso, debo recordar o comentario deste libro o curso pasado cos membros máis novos de Balbordo; pareceu adecuado repetir a experiencia cos outros dous grupos de maiores.

Non considero que Cartas de amor deba relacionarse só coa literatura xuvenil. Atreveríame a afirmar que as evocacións que a súa lectura provoca adquiren maior intensidade no caso dun lector adulto. O compromiso con temas universais como as guerras (e os seus silencios), a prostitución infantil (o roubo da infancia, a hipocrisía e consentimento dos "países desenvolvidos"), os fracasos e as loitas que esconde a inmigración (a soidade e os medos), o desarraigo por ser consciente de vivir "de prestado" (o relato da moza saharaui) ou os conflictos persoais que deben ser resoltos para atopar o lugar que se quere ocupar no propio entorno (a homosexualidade)... posiblemente os ollos dun adulto non as capten coa sorpresa dunha ollada de adolescente pero si coa experiencia que agrava a visión de moitas desas realidades.

Destacaría en Cartas de amor a coraxe dunhas mulleres que dende tan distintos escenarios e circunstancias vitais teñen en común a esperanza, a forza de loitar e tal vez a confianza no amor ou na solidariedade en calquera das súas manifestacións.

Moitas grazas Fran pola túa cercanía e por darnos a oportunidade de preguntar eses detalles que, na intimidade da lectura, algunha vez consideramos nos gustaría comentar co autor.

O COMPADRE DE BALBORDO

Hoxe Monforte está chea de compadres. O noso compañeiro de Ciencias Jose Luis Rodríguez Gallego fixo este para Balbordo. É unha mágoa que non se perciba no blog tanta minuciosidade como hai neste excepcional traballo!!!!


VISITA DE FRAN ALONSO

Entradas más recientes Entradas antiguas Página principal

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds