BALBORDO XANEIRO

.




>


Qué blanca más bonita soy, de D. Verroen, tivo varios Premios de Literatura Infantil. Nembargantes, non llo lería a un neno pequeno; si parece unha lectura moi idónea para adolescentes.
Narrado dende o punto de vista dunha nena de 12 anos á que lle veñen de regalar un pequeno escravo o día do seu aniversario...
Un texto moi breve e sinxelo, crudo e directo, violento en moitísimas páxinas e extremadamente triste noutras.
Accedemos dun modo indirecto ó coñecemento do mundo da escravitude, visto desde os ollos de María, e tamén da súa familia da que ela reproduce actuacións e comportamentos.
Estremecedor.

Tristes armas, de Marina Mayoral é unha novela de sentimentos, unha historia desas que non poden deixar indiferente a ninguén.
Os rapaces comentaron moitos aspectos da novela: fundamentalmente o comportamento das nenas e da nai, a angustia provocada pola situación de guerra exposta no libro, o valor da amizade desinteresada (que sobrepasa fronteiras de ideoloxías) e que recibe, inesperadamente, unha recompensa nun futuro inmediato; a dor do exilio representado na figura de Harmonía e Rosa, dúas irmás que deben marchar a Rusia como consecuencia da Guerra civil; a incomunicación obrigada, a censura, a loita por sobrevivir diariamente, a necesidade de tomar decisións e de medrar, os amores en silencio ou a forza dos recordos foron algúns dos temas que comentamos.
Unha reunión, por outra parte, que resultou moi divertida.

O martes pasado tivemos o pracer de contar coa presenza de Antón Lopo, autor dunha magnífica biografía sobre Lois Pereiro.
Deste modo, quixemos rematar este ano as reunións dos grupos de adultos de  Balbordo cun recordo a Lois.
Antón comentounos dun modo amenísimo o proceso de elaboración da biografía, que vai tamén intimamente unida a persoas, lugares e a unha determinada época da nosa propia cidade. Todos recoñeciamos persoas, lugares, anécdotas, situacións... polo que o libro se podería calificar de "próximo".
Co biógrafo reflexionamos sobre a perspectiva que lle proporcionaron distintas persoas cercanas a Lois (a nai, a irmá, a moza, os amigos...) en boca das que se artella esta biografía que é unha polifonía de voces (entre as que tamén está a visión imaxinaria dunha conversa con Lois do propio autor) que completan e enriquecen a imaxe que nos creamos do poeta.
Penso que é un libro valente, feito con sensibilidade, orixinalidade e intelixencia; un libro que aborda a intimidade, a creación... de Pereiro con acerto. Posiblemente no caso de Lois moita da súa obra non se explicaría sen aspectos cruciais da súa vida.
Unha charla enriquecedora, distendida e suxestiva a que tivemos con Antón, monfortino tamén, ó que lle temos que agradecer a súa presenza na Biblioteca.
Deixovos un vídeo tomado de Youtube, que lle fixeron a Lois na tvg no 1989. Nel se recollen moitos dos temas que tamén abordamos na conversa.

LECTURAS DECEMBRO




OREJAS DE MARIPOSA. en BALBORDOBIS


Canto falaron hoxe os rapaces de BalbordoBis deste Álbum que lles encantou!
Mara é especial, nalgunhas cousas distinta, polo que debe reaccionar ante as ameazas que ás veces recibe dos que a rodean... Pero sabe facelo.

ESKORIA, GÓMEZ CERDÁ

No grupo dos rapaces pequenos de Balbordo comentamos esta obra de A. Gómez Cerdá. Como sucedeu con Nada, a lectura deste mes dos maiores, o texto fíxolles reflexionar sobre a violencia no ámbito escolar.
Falamos do que lles acontece a algúns dos rapaces da historia, do pesadelo diario que sofren cando se enfrontan ós abusos irracionais, ós insultos, ameazas e provocacións que poden converter unha vida completamente normal nun inferno no que, ás veces, os que o viven non son capaces de denunciar (como lles sucede ós dous rapaces que sofren a violencia dos outros nesta historia).
Un texto duro, unha temática forte (como a imaxe desagradable que dá entrada ó libro) e moitos temas para tratar.
Esa violencia agochada tamén ás veces pode ser arroupada polo silencio dos que a coñecen (sen participar nela) pero que están de costas a ela. As solucións ante situacións similares? Tamén as comentamos en Balbordo...

Maggie O`Farrell amosa nesta obra unha extrema sensibilidade e a difícil capacidade de combinar voces narrativas moi diversas e saltos temporais que poden facer algo complicada a lectura nalgunhas páxinas pero que a enriquecen considerablemente.
Penso que case todos os maiores de Balbordo nos "enganchamos" ó misterio proposto, ós impresionantes personaxes de Iris, Kitty e Esme. Falamos, falamos, alterámonos... metémonos na historia con paixón (coma case sempre!).
A novela vai provocando certo desacougo cando imos descubrindo detalles que se van dosificando sabiamente. Os pensamientos entrecortados de Kitty e Iris, os lugares evocados e o pasado, a trama que destapa segredos ocultos de familia, privacións de liberdade, sentimentos profundos e agochados... todo mesturado coa situación persoal de Iris que, de súpeto, ve alterado o seu mundo cando atopa  a unha tía avoa que reaparece para non deixar nada igual...

Creo é un libro para recomendar encarecidamente. Posiblemente non o esqueceremos en Balbordo.

NADA, JANNE TELLER

Cando me deixaron esta polémica novela de Janne Teller dicíndome que me ía impresionar, non se confundiron; inmediatamente pensei en que deberían lela os rapaces maiores de Balbordo (a maioría está agora en Bacharelato).
Non é doado sintetizar este libro sen desvelar parte do seu impacto, posto que iso é o que provoca cando avanzamos nas súas páxinas: unha forte gradación de sensacións e sentimentos que van medrando en intensidade e dureza.
Un rapaz adolescente (Pierre Anthon) deixa os estudos, sube a unha árbore e dende alí filosofa e increpa ós seus compañeiros dicíndolles que nada na vida ten sentido. Todos reaccionan intentando convencelo de que a vida está chea de significados e cavilan un plan cheo de consecuencias para todos.
Falamos de todo isto hoxe na reunión.
Impactante.
Unha profunda reflexión, unha realidade sobre a que hai que meditar... Éste é o vídeo de Seix Barral, Biblioteca Furtiva, no que a autora comenta a obra:

LECTURAS NOVEMBRO



BALBORDO OUTUBRO. REFLEXIÓN

RECORTES. DESILUSIÓN...

Sempre neste mes comecei o traballo do ensino, e de Balbordo, con ilusión, con expectativas positivas, con soños... Este ano é diferente. Seica os mestres de primaria e secundaria somos uns irresponsables, uns vagos... E seica tamén somos parvos (esto dígoo eu) por adicar moitas horas das nosas vidas -fóra do horario docente- a formarnos, a preparar as clases, a corrixir e corrixir, a tentar mellorar, a adaptarnos a continuos novos retos... con moito esforzo persoal de moitíííísimos profesores. E o que recollemos é tan só perplexidade, cando se sembra sobre nós a sombra da dúbida sobre a nosa adicación. O pior é que as críticas veñen das mans daqueles que deberían dignificar o noso traballo diario, que non é doado!

Como dicía M. Rivas nun artigo do pasado 1 de Xullo en El País.
"O que está a pasar hoxe en Galicia é algo insólito. Un despropósito que supera o impensábel nunha democracia. Nin remontándose ó país imaxinario de Sopa de ganso, o filme dos irmáns Marx, encontraríamos algo semellante relativo á educación. O de encirrar a poboación contra os mestres. Contra o profesorado. O dar pábulo e amplificar falsidades, dando a entender que os ensinantes son unha especie de estamento privilexiado, nugalláns que non dan un pau a auga, ou tratándoos como unha xunta de bois preguiceiros aos que cómpre aguilloar con medidas penitenciais. Pero, que absurdo é este dunha Administración que en lugar de afortalecer o ensino, o espazo basilar do futuro, o que fornece é o descrédito dos ensinantes?" (M. Rivas)

E pola parte que nos toca en canto a Bibliotecas, tamén dicía M. Rivas en dito artigo:
"Os centros de ensino público en Galicia veñen sufrindo unha continua poda orzamentaria, de tal maneira que grande parte das moitas actividades extras que se desenvolven son por mor do voluntarismo e esforzo non retribuido do persoal de ensinanza. As bibliotecas escolares deberían ser o corazón dos centros. Pois ben. Coñezo bibliotecas e clubs de lectura moi activos que só existen grazas aos mestres que os fan posible cun traballo nunca contabilizado." (M. Rivas)

Para rematar, co meu desencanto, continúo coas súas palabras: "O espazo do ensino é o espazo do diálogo. Da palabra. Do pensamento. O berce da liberdade. Mais construir ese espazo esixe sutileza, grandes depósitos de esperanza e unhas condicións de confianza básica. É un traballo delicadísimo. De primeira liña de risco. E de enorme paciencia." (M. Rivas).

Pois si. A paciencia é a que se está acabando! Por que imos ter que loitar tamén contra a DESILUSIÓN?

RECORTES:
De E. Sánchez Pombo ("Son los profesores") ("Que los militaricen")
Outro de Suso de Toro ("Bocadillo de profesor")
A segunda parte do artigo de Antón Losada "Los listos de Madrid"
J. Antonio Aunión: "Van a por la educación"

Vídeo Informe Semanal



BALBORDO CURSO 2010/2011

REUNIÓN DO GRUPO 1 SUSPENDIDA

A reunión no exterior e a lectura sorpresa do grupo de rapaces maiores tivo que ser suspendida.
Os contos que se ían ler eran: "El limpiabotas" (Pedro Espinosa Bravo) e "Un señor muy viejo con unas alas enormes" (G. García Márquez).

Esta coidada edición permitiunos hoxe, na lectura no exterior, achegarnos a algún dos contos de Horacio Quiroga.
Nestas historias os protagonistas son animais que viven en entornos idílicos nos que o home representa ás veces o perigo, outras a axuda e en ocasións a amizade.
Tivemos como lectura sorpresa: "La tortuga gigante" e "La abeja haragana", dous textos dos que se poden extraer importantes leccións para a vida.

Por cuarto ano xa, na última reunión do curso facemos unha comida ou cea (os profes, pais e persoal non docente) na que algún de nós le un texto sorpresa.
Este curso tocoulle a Loreto, que elixiu "El fondo del alma" de E. Pardo Bazán. A continuación lemos tamén da mesma autora "El encaje roto".
E coma sempre, falamos e falamos... e recordamos moitos dos libros que levamos lidos en Balbordo.

IV XORNADAS CLUBS DE LECTURA

O gran número de Clubs de lectura que hai nestes intres nos Institutos de Galicia merece unha reflexión especial, a de sentir que unha chea de lectores reivindican o seu espazo para ler e comentar.
Nas IV Xornadas tivemos a oportunidade, unha vez máis, de compartir experiencias e falar de libros os máis de 200 coordinadores que asistimos. Impartiron conferencias Ana Díaz Plaja e o escritor Fernando Marías.

Cantos títulos nos están agardando aínda!

LECTURAS XUÑO



Sentimento narra a vida dun creador de marionetas que decide construir unha criatura igual a él que cobrará vida propia .
Penso que lles gustará ós rapaces de BalbordoBis porque fala de sentimentos e sensacións coas que o personaxe se atopará na súa vida: medo , soidade, desprezo ou cariño...
Un precioso Álbum.

LECTURA VIRTUAL GRUPO 1

O pasado martes reunímonos, xa na recta final do curso, para comentar as lecturas ás que se podía acceder dende o blog de modo virtual. É o terceiro ano que no mes de maio eliximos esta modalidade de lectura.
Os textos deste grupo foron:
"
O terror en Red Hook" (H. P. Lovecraft) e
"
Los vecinos del principal derecha" (Jardiel Poncela)
De Lovecraft, podedes ler máis neste enlace. Destaca polos seus relatos de terror, que sempre crean unha sensación de desacougo do que falamos na reunión.
O texto, moi distinto, de Jardiel Poncela deixa unha nota de humor, un sorriso... característicos que tamén podedes ler noutros escritos deste autor.

LECTURA VIRTUAL GRUPO 2


No grupo 2, "El huésped de Drácula" foi un dos textos elixidos porque resulta bastante misterioso e permite falar dese personaxe de lenda comentando diversos aspectos que aparecen:  o ambiente de terror, o personaxe que se perde...
"Adiós cordera" de Clarín sempre me sorprende coa reacción que o alumnado mostra cando  interpreta a lectura e por iso a propuxen.
Dous textos moi distintos os comentados no grupo dos pequenos de Balbordo .

O ESCONXURADOR, X. Manuel Marcos

O venres 13, os adultos de Balbordo compartimos case dúas horas de amenísima charla con X. Manuel Marcos, que se achegou ata o noso Club e nos fixo disfrutar con moitos detalles da xestación dun dos seus libros: O esconxurador.
É un texto que atrapa e nos achega a unha terra familiar e máxica. Dous personaxes principais (o pai-esconxurador- e a súa filla -dotada de poderes especiais) percorren camiños, resolven diversas probas que outras persoas (ou a propia vida) plantexan e nos ofrecen a oportunidade de ler pequenas historias, entrelazadas perfectamente no fío argumental, das que tamén pai e filla son protagonistas e que teñen resonancias da oralidade, da forza das narracións que despertan medos, misterios e imaxinación: "As campás mergulladas", "As nove doncelas", "O trasgo dos sequeiros","A moura da encrucillada"...
Con Xesús charlamos sobre o argumento do libro, a persoa na que se inspirou para construir o personaxe de Rentar (Filomena Arias, "a meiga de Torbeo"), das probas que os protagonistas se atopan no seu camiño, das tradicións, da cronoloxía da historia, da existencia ou non da chamada literatura fantástica... En fin, que foi un verdadeiro pracer ter a oportunidade de reflexionar sobre a obra na presenza do seu autor.
Moitas grazas, Xesús. Leremos O bebedor de Rakia, publicado recentemente.

LECTURAS MAIO

As lecturas do GRUPO 2 (do Primeiro ciclo de ESO) serán:
-"Adiós cordera" (Clarín)
-"El huésped de Drácula" (Bram Stoker)
Para o GRUPO 1 (dos rapaces maiores):
"O terror en Red Hook" (H. P. Lovecraft)
"Los vecinos del principal derecha" (Jardiel Poncela)


O xoves pasado comezamos a ver, no grupo de rapaces maiores, a película baseada no libro de Alicia que lemos e na súa segunda parte.
Comentarémola




Comentamos, nun dos grupos de BalbordoBis, este Álbum Ilustrado que nos serviu para reflexionar sobre as diferentes maneiras de ver o mundo, sobre como as cores poden sentirse sen velas...

Está impreso en braille nas follas da esquerda. As súas ilustracións poden palparse ó estar en relevo.
As sensacións táctiles e a evocación do olfato fan que sexa diferente. Sabe a frores, a vento, a follas secas e a inmensidade...


E seguindo este mes de abril con libros "disparatados"... Alicia no país das marabillas de L. Carroll non podía faltar para o grupo 1 dos rapaces maiores.
Penso que é un libro de múltiples suxestións e lecturas
, que incita a soñar e a medrar sen abandoar a inxenuidade e a capacidade infantil de crer nos imposibles.


Falamos do texto, dos personaxes, das distintas aventuras... e vimos varios libros Pop-up que lles encantaron e nos serviron de base para ir recordando aspectos da historia.
A continuación déixovos algunha imaxe dos momentos que vivimos esta mañá con Alicia no país das marabillas

SIR GADABOUT, M. BEARDSLEY NO GRUPO 2

Este divertido libro de Martyn Beardsley (con ilustracións de Tony Ross) foi o comentado no grupo 2 de rapaces pequenos de Balbordo.
Insensatas aventuras protagonizadas por un cabaleiro que debe rescatar á raíña Ginebra cando ela desaparece raptada por dúas bruxas malvadas. Nas súas andanzas acompáñao un gato moi especial e un escudeiro: Herbert.
Ambientado nunha Idade Media chea de anacronismos, que provocan a risa do lector, e disparatada (posto que hai alusións a inventos técnicos e circunstancias da vida da actualidade) hai continuas alusións a personaxes xa coñecidos polos rapaces por outras lecturas ou os seus coñecementos como o Rei Arturo e os cabaleiros da táboa redonda.
Un libro que lles resultou divertido, con ilustracións que tamén fan máis amena a lectura.

LA TIENDA DE LOS SUICIDAS, Jean Teulé

Penso que non é habitual atopar un libro no que o tema da morte esté tratado con humor.
A primeira sensación que tiven cando por casualidade caeu este texto de J. Teulé nas miñas mans foi que me parecía moi teatral, como si acabase de asistir a unha representación nun escenario, e tamén extravagante, tolo, divertido e orixinal.
A familia Tuvache traballa nunha tienda familiar que se adica a vender (dende hai xeracións) todo tipo de artigos para que a xente poida suicidarse con garantías de éxito. As situacións presentadas son disparatadas e máis dunha vez penso que provocan perplexidade no lector polo modo de actuar dos personaxes (como o bico de Marilyn) e as propostas que pasan ante os nosos ollos e nos arincan algún sorriso. A chegada dun novo membro da familia ocasiona cambios no negocio da morte e tamén no modo de ver a vida da familia de comerciantes.
Na nosa reunión, dos grupos de adultos, falouse de morte, do absurdo, do final da historia e o seu significado, do comportamento dos protagonistas... e incluso se mencionou o parecido con Mihura nalgún aspecto.
É un texto estraño, irónico, con negro sentido do humor, distinto...

LECTURAS ABRIL



>


Aínda que a primeira reacción cando o mes pasado propuxemos como lectura poesía foron exclamacións de rechazo, hoxe fixemos un recital poético posto que lemos a maioría dos poemas deste libro (en principio eran os que máis nos gustaran!) e incluso varios máis en galego que non estaban neste libro (por exemplo "Moraima" de C. E. Ferreiro). A poesía non hai que lela para interpretala, hai que sentila, escoitala, sen máis... No comezo de Poesía para los que leen prosa, o antólogo recolle algunhas cancións que son verdadeiros poemas. A continuación hai unha variada escolma poética que posiblemente puidéramos calificar de poemas con anécdotas, de fácil lectura, de linguaxe coloquial e de variada temática. Por último, se inclúen outros textos que resultaron da selección feita por persoas coñecidas (escritores, músicos, políticos...) que se decantaron por un para este libro. Unha tarde moi agradable neste MES QUE ADICAMOS NO NOSO CENTRO á poesía. E aquí vos deixo un vídeo de Youtube no que Silvio Rodríguez canta un verdadeiro poema (tamén incluido nesta antoloxía de Munárriz) moi acorde no seu comezo co bosque de versos do noso centro...! (Ojalá que las hojas no te toquen el cuerpo cuando caigan...") Porque hai música que tamén é poesía. E palabras que tamén son poéticas, como lemos en BalbordoBis...

POEMAMUNDI, J.C. MARTÍN RAMOS

Penso que este libro de Martín Ramos, ilustrado por Philip Stanton é ideal para acercar a poesía ós adolescentes. Por varias razóns: porque vai acompañado de ilustracións que fan máis ameno o texto, porque son poemas sinxelos, fácilmente comprensibles e moi variados na súa temática. Hai algúns adicados a valores como a paz, nos que se alude a problemas do mundo (incluídos no apartado: "El mundo por delante") outros fan referencia a autores de literatura xuvenil (na parte "Alrededor de otros mundos") e os últimos refírense a obxectos da vida diaria ou cercanos (na sección: "El mundo en mis manos").

Son un percorrido, pois, polo mundo exterior e o interior; o máis íntimo ou o colectivo.

Premio Lazarillo, 2003.

A continuación recollo unha selección que realicei dalgunhas ilustracións referentes a varios dos poemas que lemos en voz alta o día da reunión do grupo dos rapaces máis novos; ditos poemas foron colléndoos os rapaces da caixiña que se ve na foto anterior.

CONSUMIR PREFERENTEMENTE, Raúl Vacas

Con este libro de Raúl Vacas (ilustracións de Pep Monserrat), comezamos as sesións de poesía co grupo de rapaces maiores.
Textos sorprendentes, atrevidos ou curtos forman parte dun poemario orixinal... dividido nos seguintes apartados:

I-Perecederos. II-No retornable. III-Edulcorantes, conservantes y estabilizadores autorizados. IV-Caja rápida (menos de 10 artículos). V-Degustación gratuita. VI-Últimos días (Liquidación de existencias).


Lemos en alto na reunión varios poemas que foron elixindo os rapaces: "Vademecum", "Ministerio de importación", "Contactos", "Me enamoré de ocho a once", "SMS", "Cartas", "Parte meteorológico", "Excelentísimo Ayuntamiento"...

Gabriel encargouse do seguinte (reconstruíndoo perfectamente). Anímate a intentalo!:

"Peoma"

Sal naspe son canpisal sus misellas
y zanro sol balemses de sol osoj.
Le ofri led cuerredo y sus sartrosoj
paempan al talnosgia ed ricellas.

Al cheno ah doatades sal bihellas
ed dosto sol ticosatle neosoj
y nu cotrafi ed tosllan sica rosoj
rrediscu rop le los ed sal jimellas.

Trasá danque sal dasdu y le maor,
trasá sal ripomasas led edseo,
trasá danque le mohu y le odlor

y doto le carnalva ed im crereo.
Sal naspe son canpisal us lacor,
?Gajumos a lietaJu y a moReo¿


21 DE MARZO, DÍA DA POESÍA


Este cartel que fixo Paramio serve hoxe no centro para recordar que é o Día da Poesía.


Os bosques serán, xunto cos poemas, os protagonistas no noso Instituto.


Veredes, veredes...


ESTE MES, POESÍA EN BALBORDO


Aínda que este libro non é de poesía é verdadeiramente poético!!!
Había unha vez un país no que falar era caro... para facelo era preciso mercar as palabras...
Cando Diego se enamora, está triste porque non ten palabras para explicarllo a Aura; algo distinto lle pasa a Óscar (tamén enamorado dela) que é tan rico que pode permitirse declarárselle con todos os vocábulos que desexe. Pero, ás veces, o amor só necesita un sorriso e susurros para manifestarse.
Un precioso álbum, do que falaremos en BalbordoBis o venres 18 e do que tamén veremos unha mostra no seguinte vídeo de Youtube e na presentación issuu da páxina da editorial (Sleepys):




Open publication -

BALBORDO MARZO


>

USHA, M. REIMÓNDEZ


Con esta montaxe de imaxes (que realicei tomando algunhas das preciosas ilustracións que Iván Sende fixo para o libro de M. Reimóndez) comezamos a reunión no recreo co grupo 2 de rapaces, de 1º e 2º ESO. Comentamos a que partes do libro se referían e en que momento da obra se situaban.
É a segunda vez que falamos de Usha en Balbordo. Na primeira ocasión contamos coa presenza da autora no noso club.
Usha é unha obra boa para reflexionar sobre a tolerancia, o valor das outras culturas e tradicións... Un texto excelente para achegar ós rapaces á India e comentar as diferenzas coa realidade moi distinta que eles coñecen.
A vida diaria de Usha, a relación coa súa mai (muller enormemente comprometida coa problemática das mulleres), as profundas amizades que a nena acada na India ou as pequenas anécdotas son algúns dos temas interesantes desta boa historia.



SEDA, BARICCO

Moito discutimos os profes, pais e persoal non docente sobre esta breve obra de A. Baricco; texto que cando comezou a reunión non tivo moitos "adeptos" pero que a medida que nos lanzamos a comentar suscitou opinións do máis diversas e apaixoadas...
A viaxe, a versión cinematográfica da obra, o ambiente oriental do texto, a sensualidade, a relación do protagonista coa súa muller, a experiencia vivida no Xapón, o halo de misterio que rodea á historia... foron algúns dos temas tratados.
E logo, como é habitual nas nosas charlas, a comparación con outros libros lidos en Balbordo, a nosa imaxinación desbordada que tenta cubrir os silencios dos textos, a minuciosidade con que nos referimos a personaxes e comportamentos...
Unha conversa moi agradable e o gran pracer de compartir distendidamente (dende hai máis de tres anos!) as nosas distintas impresións sobre unha mesma lectura.

DIVINA PROVIDENCIA, V. Tong Cuong

O AZAR é unha parte moi importante das nosas vidas. Desto falamos hoxe no grupo 1 de rapaces de Balbordo.
Como indica V. Tong Cuong con esta cita de Séneca -De la Providencia- do preludio da súa novela :
"Soportémoslo, pues, todo con valor, porque
las cosas no suceden por casualidad, como creemos, sino a su debido tiempo".
Comentamos no recreo este texto optimista e áxil que deixa unha agradable sensación cando remata a súa lectura. A vida de moi distintos personaxes acaba cruzándose nalgún momento da historia, debido a acontecementos imprevisibles e inesperados.
O xogo de encadenamentos, azar, casualidades... (no marco dunha gran cidade na que ninguén parece coñecerse) centra a temática dunhas vidas que se atopan sen sentilo.
Marylou, Albert, Tom e Prudence, todos cambian cando a sorte ou a "providencia" interveñen nun día calquera da súa anónima existencia.

Entradas más recientes Entradas antiguas Página principal

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds