Un Nadal cheo de libros

Por si queredes regalar libros estes días, pinchade máis abaixo nesta guía para ver algunhas recomendacións.
Boas vacacións a todos!


LECTURAS XANEIRO



ALUMNOS: XOVES 15 ÁS 11:10

PROFES E P.A.S. MARTES 13 ÁS 16:00 NA BIBLIOTECA.

PAIS: MARTES 13 ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA

Hoxe 10 de decembro falamos na Biblioteca, na reunión dos máis novos, de Dereitos humanos.
O carteiro de Bagdad de Marcos S. Calveiro é unha lectura adecuada para pararse a pensar en que hai moitos lugares do mundo nos que a xente só ten unha preocupación primaria: sobrevivir. Do rapaz protagonista da historia coñecemos a vida cotidiá coa súa familia, a soidade que experimenta cando non pode xogar co seu amigo por razóns irracionais que non entende; sabemos do fermoso traballo do seu pai: carteiro que arrisca a súa vida para levar a esperanza (coa súa bicicleta estartalada) a persoas ansiosas de recibir noticias dos seus; sabemos tamén do ruído dos estoupidos e do medo das persoas a perder todo aquelo e aqueles que queren.
Os rapaces falaron de todo isto e de moito máis, da valentía do protagonista e das sementes de esperanza que van gardadas nun sobre desta historia.
Hoxe na Biblioteca un grupo de rapaces posiblemente sentiu nalgún momento o privilexio de vivir nun lugar no que, na nosa vida diaria, non hai que preocuparse por loitar por algún dos principais dereitos humanos.

NINGUÉN ESTÁ SÓ

21 escritores e ilustradores galegos participaron na elaboración deste libro (editado por Amnistía Internacional) que nos permitiu falar ós maiores do club de dereitos humanos. Penso que como educadores e como pais temos a obriga de abordar os temas das desigualdades sociais, a intransixencia, o racismo, a existencia de guerras e (en definitiva) o desprezo á dignidade humana. Estes relatos abren camiños para reflexionar ou profundizar sobre calquera destas cuestións e por iso foi o libro elixido.
Só me referirei a algún dos textos que máis comentamos nos dous grupos. ¡Tócavos a vós seguir facendo comentarios no blog!
Comezo polo que máis me impresionou: "A vida á valga" de Ana Expósito. Acerca ós distintos modos de sentir medo que deben pasar todos aqueles que abandonan a súa terra buscando unha vida mellor e experimentando a soidade e a loita por esquecer duras experiencias vitais.
"A memoria dos soños rotos" de A. Fernández Paz permitiu que nas nosas reunións se plantexase o tema da recuperación da memoria das vítimas da guerra civil e levounos a falar doutras novelas. Tamén comentamos a orixinalidade do relato de A. Reigosa: "Travesía en branco e negro", coa oposición entre o "primeiro" e o "segundo" mundo por medio da metáfora dos dous nadadores. O texto de F. Casalderrey "Electrocardiograma plano" pareceunos unha boa forma de plantexar como a irracionalidade da intrasixencia dunha adolescente debe desembocar na concienciación de que nun mesmo pode comezar un cambio de actitude.
Por último, o primeiro relato: "Sáhara améndoa amarga" (de F. Alonso) levounos a falar da situación do pobo saharaui, do contraste de sentimentos desa moza que vive no campamento de refuxiados e mixtura a problemática política e social coa nostalxia doutra realidade lonxana. ..
Remato coa cita do poema que encabeza a edición de Ninguén está só:

Nadie está solo
En este mismo instante
hay un hombre que sufre;
un hombre torturado
tan sólo por amar la libertad.

Ignoro dónde vive;
no sé qué lengua habla
o el color de su piel;
mucho menos su nombre;
mas justamente ahora
cuando tus ojos leen
mi pequeño poema
ese hombre existe y grita:
mientras muerde sus labios
para no denunciar
a los amigos. ¿Oyes?

Un hombre solo grita
maniatado: jadea
en algún sitio. ¿Solo?
¿No sientes como yo
el dolor de su cuerpo
repetido en el tuyo?
¿No te mana la sangre
bajo los golpes ciegos?

Nadie está solo. Ahora
en este mismo instante
también a ti y a mí
nos tienen maniatados.
José Agustín Goytisolo

Balbordo no "Telediario1" da TVE1

video

Balbordo na TVE1

video

LECTURAS DECEMBRO



ALUMNOS: MÉRCORES 10 ÁS 11:10

PROFES E P.A.S. MARTES 9 ÁS 16:00 NA BIBLIOTECA

PAIS: MARTES 9 ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA

Esta novela de Jordi Sierra debe, posiblemente, a súa existencia ó artigo que César Aira publicou en el País. Según J. Sierra, lanzouno a escribir a historia.

Elixín esta ilustracn de Pep Montserrat da edición de Siruela porque penso que sintetiza a fascinación da nena por escoitar as aventuras da súa boneca e tamén resume a complicidade entre o escritor-carteiro e a rapaza. O protagonismo das cartas, como elementos extraordinarios de crear soños e comunicar sentimentos tamén está reflectido nesta fermosa ilustración. Os dous personaxes xogan: o home (Kafka retratado dun modo moi lonxano á imaxe coa que habitualmente o asociamos) a escribir fermosas historias que sacien a curiosidade da pequena; a nena, aínda que non o sabe, xoga a escoitar ansiosa como é o camiño que leva á liberdade de medrar, de vivir e de actuar con independencia.

Os grupos dos maiores compartimos impresións sobre cales son as fronteiras entre a literatura xuvenil ou para adultos (igual que sucedeu con El Baile, proporemos a lectura deste texto, en próximos meses, ós máis novos). Salientamos a tenrura do texto, comentamos o tema da liberdade, da soidade, da estraña relación (dende a nosa visión do momento actual) entre a nena e o “carteiro de bonecas”, da creación literaria, da inxenuidade da infancia... e non esquecemos tampouco a figura de Kafka recreada por J. Sierra dun modo tan poético.

Anímovos a que anotedes nos comentarios aquelas pasaxes que máis vos gustaron, aquelas que lemos en alto na reunión. Como non quedástedes moi satisfeitos co final de conto de fadas da historia, propóñovos este mes que nos comentarios do blog imaxinedes outro alternativo.

Comezo eu os comentarios coa miña proposta:

EL BAILE (2), IRENE NÉMIROVSKY

Cando en marzo os maiores do club fixemos a reunión para falar deste libro de Irene Nemyrovski rematamos a nosa charla comentando que nos interesaría coñecer a visión que os alumnos terían sobre este texto.
Antoinette, a protagonista de El Baile, ten aproximadamente a mesma idade que os rapaces de Balbordo pero todos eles coincidiron en que nunca actuaran coa frialdade que esta moza mostra en moitos momentos da historia. Ela é unha adolescente que, atrapada nunha situación que rexeita, toma as súas propias decisións e actúa firmemente, aínda que o seu comportamento provoque graves consecuencias para os que a rodean. A curta historia permitiu opinar sobre a relación da rapaza cos seus pais (especialmente coa nai) ou sobre a importanza dun falso recoñecemento social que obsesiona ós adultos retratados no texto; tamén nos fixo reflexionar sobre a ansia de medrar, sobre as inseguridades e as decisións da adolescencia.
De novo, como tantas veces, os rapaces conseguiron sorprenderme. O grupo de pais e nais esperabamos, hai varios meses, que eles xustificasen o irracional comportamento da protagonista nun momento clave do relato ou que tivesen unha “visión” moi oposta á nosa, pero non foi así.
Tal vez conveña que reflexionemos máis sobre os mesmos libros para así comprobar que as diferenzas xeracionais non teñen que ser sempre insalvables barreiras entre a madurez e a adolescencia.

LECTURAS NOVEMBRO



ALUMNOS: MARTES 18 ÁS 11:10

PROFES E P.A.S. MARTES 18 ÁS 16:00 NA BIBLIOTECA.

PAIS: MARTES 18 ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA

A historia deste mes, da escritora india Anita Nair, suxire a idea de que o tren é un lugar propicio para as confidencias e os recordos. O tren significa para Akhila, a muller protagonista desta historia, unha metáfora da viaxe interior que vai ter que percorrer para atopar o seu lugar no mundo.
Akhila inicia unha viaxe nun vagón (reservado para mulleres) e os seus recordos e frustracións entrelázanse coas situacións vitais de cinco mulleres moi diferentes entre elas. Son personaxes corrientes, da clase media da India pero os seus problemas e experiencias ben puideran ser os de todas as mulleres do mundo. Coa intimidade que aporta a conversación nun lugar pechado xurden historias de orgullo, amor e desamor, soños, dominación, sensualidade, crueldade, humillacións... aínda que creo que o que prevalece no libro é a loita interna de cada unha desas mulleres por tomar as súas propias decisións nunha sociedade (moi diferente á nosa) que non favorece a súa independencia.
Os dous grupos de maiores do club (estamos trinta anotados este ano) comentamos cada unha das historias, falamos do carácter da protagonista, da India, das viaxes, do papel do home na novela e fundamentalmente fixemos revivir cos nosos comentarios as distintas situacións vitais expostas no texto.
Espero que este curso vos animedes a deixar comentarios!

VISITA DO CLUB DE LECTURA DE SOBER

Estas son as fotos da visita que fixeron parte dos compoñentes do Club de lectura de Sober á nosa exposición sobre o tren. Esperamos vernos de novo nesa reunión-excursión conxunta que faremos alá pola primavera! Moitas grazas por vir ó noso centro e noraboa polo premio María Moliner!

BALBORDO DURME NA BIBLIOTECA


A noite do 23 ó 24 quedará no noso recordo por varias razóns: porque nunca antes durmiramos nunha biblioteca, porque nunca estiveramos compartindo unha experiencia así profesores e alumnos e porque fomos testemuña de como a Biblioteca, tan calada e durmida, soñou esa noite que estaba na hora do recreo e que profes e alumnos se volveran tolos colocando colchonetas no chan, descolocando libros para facer unha caza do tesouro e entre a total oscuridade -só rota por unha bola que cambiaba de cor- tamén soñou que uns ruídos terroríficos acompañaban unha inquietante lectura de terror e que na pantalla se proxectaba Asasinato no Orient Express. Supoño que, igual cos 22 que alí estabamos, a Biblioteca se sentiría especial. No resto do Instituto, entre a total escuridade e o silencio chegarían as risas, as voces e a frescura do recinto máis apartado do centro.

Aló por Nadal, a Paramio ocurríuselle durmir na biblioteca para conmemorar o día das Bibliotecas. Con moito segredo fomos preparando os detalles. Cando en xuño asistimos a unhas xornadas de Clubs de lectura, Blanca Calvo comentou a súa experiencia de durmir con alumnos pequenos nunha biblioteca de Salamanca. Despois da nosa sorpresa inicial, pensamos que esto só confirmaba que tamén nós poderiamos levar a cabo esa idea con éxito.
Sei de certo que tanto o día 23 coma o seguinte moitos desexaron ser de Balbordo. Sospeito que a Biblioteca desexará soñar o mesmo de novo.



Tamén podedes ver un vídeo desa noite en Bibliocabe: ¡Qué noche la de aquel día!

O DÍA DAS BIBLIOTECAS NA PRENSA

Así publicou a Voz de Galicia información sobre a nosa Noite na Biblioteca:
"Una noche en la biblioteca

«Nunca dormimos entre tanta sabiduría».
Tal fue uno de los comentarios que pudieron oírse en la biblioteca del instituto Río Cabe de Monforte durante la noche del jueves al viernes, una hora en la que este local no suele recibir visitantes. Lo que sucedió es que ayer se celebraba el Día Mundial de las Bibliotecas y la de este centro educativo lo festejó ofreciendo a los alumnos pertenecientes al club de lectura Balbordo la posibilidad de pasar una noche entre los libros. La aceptación fue masiva. A los chavales se les sirvió cena y desayuno y antes de dormir disfrutaron de diversas actividades: proyección de una película relacionada con el libro que están leyendo en el referido club, narración de un cuento de terror, juego de la caza del tesoro... Los alumnos y profesores que participaron en la experiencia quieren repetirla el año próximo. El caso es que cunda la afición a la lectura. Y parece que actividades como esta ayudan bastante más que las lecturas obligadas."

BALBORDO LE NO TREN

O xoves 9 fixemos, na estación de Monforte, a lectura do primeiro capítulo de Asasinato no Orient Express. Este vídeo resume ese momento:
video

PISTAS ORIENT EXPRESS

Si pinchades neste cartel poderedes ver indicacións para facer un xogo sobre o libro.

,

Aviso ós pasaxeiros:

ALUMNOS: XOVES 9 ÁS 11:30 NUN VAGÓN DA ESTACIÓN

PROFES E P.A.S. MARTES 28 ÁS 16:00 NA BIBLIOTECA.

PAIS: MARTES 28 ÁS 17:30 NA BIBLIOTECA

Recompilación carteis Fix-Masseau

Neste percorrido polo Orient Express, tren mítico no que se desenrola a historia deste mes, achégovos unha recompilación que elaborei a partir de doce carteis que Fix Masseau fixo sobre dito tren.

Debuxo tren

A alumna de Bacharelato María Rodríguez Carballo, habitual colaboradora en Bibliocabe, realizou este precioso debuxo (con ceras) que engadimos a todo o material que estamos a reunir sobre o tren.

Viaxe no Orient Express

Os alumnos xa estades comezando a ler Asasinato no Orient Express. Para poñervos en situación, observade estes gravados antigos do interior dos vagóns



un mapa do traxecto do tren no que se ambienta a historia


E, por último, un vídeo de Alex Décotte que vos achegará un pouco á historia do Orient Express. Como está en francés, pode que precisedes unha axuda do profesor desa lingua! Boa viaxe polo libro de A. Christie!


LECTURAS OUTUBRO


Estreamos curso. Tamén en Balbordo empezamos a organizar novos grupos (é hora de anotarse!). A maioría repite (aínda así debe apuntarse igual!); outros marcharon do centro pero van facer moitos quilómetros para compartir esta experiencia unha vez ó mes!; esperemos tamén ver novas caras... As reunións serán a última semana de outubro.
As lecturas do próximo mes son un modo de recordar a importancia do tren en Monforte, dentro dos actos do
125 Aniversario da chegada do ferrocarril á nosa cidade. A cousa non acaba aquí, haberá máis... moito máis!
AVISAREIVOS DA DATA E HORA CANDO ESTÉN FORMADOS OS GRUPOS

BALBORDO, CURSO 2007/08



Cando por Novembro empecei a preparar a creación deste Club, non podía imaxinar que fose ter tanta aceptación unha actividade que tiña por protagonista un libro. Tampouco supuxen que desde marzo tería un blog no que deixar por escrito un pouquiño das conversacións que empezaron en xaneiro...
Como vos dixen ós maiores na primeira reunión, para min é un privilexio poder falar con outros de libros e en Balbordo puiden facelo. Moitísimas grazas a todos.
O blog estará aberto a comentarios dos que formades parte do Club e tamén dos que casualmente ou de vez en cando entrades nesta páxina.
Boas vacacións!

XORNADA CLUBS DE LECTURA

Onte, celebrouse en Santiago unha xornada, organizada pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, á que asistimos os 104 coordinadores de Clubs de lectura de centros públicos de Ensino Secundaria de Galicia.

Estiveron presentes figuras representativas: Blanca Calvo e Pep Bruno. A primeira, entusiasta defensora dos Clubs de lectura, falounos das súas experiencias e actividades en diversos Clubs de Guadalajara, das posibilidades de funcionamento dun Club, de modos de animar á lectura... e ata nos contou un fermoso conto para rematar. Pep Bruno, escritor, contacontos e con experiencia en clubs de lectura con xoves pechou a sesión suxeríndonos lecturas, contándonos anécdotas e historias e facéndonos escribir.

Ademais houbo dúas mesas redondas nas que, pola mañán, estiveron catro coordinadores que contaron as súas experiencias en clubs nos que participa alumnado e profesorado. Pola tarde outros catro, entre os que estaba eu representando a Balbordo, comentamos as nosas actividades con grupos de alumnos, profesores e outros membros da comunidade escolar.
Foi unha xornada intensa na que falamos de libros, de lecturas, de pequenos e grandes lectores; na que comentamos o moito que aportades todos os que estades a participar en toda Galicia nesta experiencia de compartir lecturas e palabras.

I. ALLENDE, "Dos palabras"

Para a última sesión deste curso lin un breve conto da mesma autora elixida para a reunión dos outros grupos, I. Allende. Leva por título: “Dos palabras” e está incluído en Cuentos de Eva Luna. Foi un modo de atender á lectura en voz alta, penso que inxustamente esquecida na actualidade, e tamén de pechar sen sobrecarga de esforzo esta recta final do curso.
A maxia deste texto está na forza da protagonista (muller decidida e loitadora) que posee un oficio moi peculiar: vende palabras. Pero non son palabras calquera; tenas para todo tipo de peticións e de persoas. Cada un que fai unha compra superior a "cincuenta centavos" recibe, ademais, unha palabra secreta, individual e única.
Paréceme un precioso texto no que se palpa o poder da linguaxe, a forza dunha voz (de Belisa Crepusculario) que ten o don de comunicar, de espertar sentimentos entre os que reciben a súa peculiar mercancia. Creo que o conto evoca directamente a tradición oral, dos vellos contadores de historias. En “Dos palabras” irrumpe, como é frecuente nesta autora, a mestura do maravilloso co real (que sempre me sorprendeu como é entendido polos adolescentes) e tamén a temática amorosa (aquí as palabras poden ter poder curativo, de susurrar feitizos ou nostalxias).
Os rapaces sorriron cando lin a descripción do momento en que Belisa se acerca por primeira vez á escritura: “se limitó a inquirir el significado de las patitas de mosca dibujadas sobre el papel”; comentaron moi brevemente diversos aspectos do texto: como era a protagonista, en que consistía o seu especial oficio ou opinaron sobre o carácter do Coronel. Fixeron varias suposicións sobre cales serían as dúas palabras que lle dan título á historia e só vou indicar un exemplo do que pronunciou un dos alumnos de 1º ESO: “Estás só”. Lede o conto e pensade no profundas que poden chegar a ser algunhas reflexións.

I.ALLENDE, LOS AMANTES DEL GUGGENHEIM

A última reunión do curso fixémola os maiores do Club nun Restaurante no que, despois da comida, lin (con divertidas interrupcións): "Los amantes del Guggenheim"; conto escrito por Isabel Allende para Círculo de Lectores no 2001 e editado nun pequeno folleto.
Así comeza o texto:
"Un vigilante nocturno encontró a los amantes durmiendo en un nudo de brazos y cabellos, envueltos en la espuma de un arruinado vestido de novia, en una de las salas del Museo Guggenheim en Bilbao"

Esta é unha pequena mostra deste breve relato:
"Ahora sé cómo es la locura de amor, inspector. Yo nunca había..."

"Usted dice que nos metimos en el Guggenheim, pero yo le digo que estábamos en un lugar fantástico, no había paredes, sólo vastos espacios de luz"

"Una vez que recorrimos todas las salas y nos metimos dentro de las pinturas y nos bebimos los colores y jugamos en el laberinto y bailamos con las esculturas, entonces aterrizamos".

"La prensa, ocupada todavía con el escándalo del Vaticano, olvidó pronto a los misteriosos amantes del Guggenheim"

Paréceme un conto suxerente: unha moza que escapa precipitadamente o día da súa voda, un casual encontro, un vestido de noiva que percorre freneticamente o "66 por cento" do chan dun museo no que dous amantes fan que todo resplandeza e se deteña, onde ole tenuemente a ameixas maduras mentres fóra chove sen tregua... É un conto no que triunfa o desexo, a ansiedade dun encontro no que dous descoñecidos, que nin saben os seus nomes, senten o roce dun longo, e simbólico, vestido de gasa.

LECTURAS XUÑO

K. MANSFIELD, TRES CONTOS

A experiencia deste mes confirmou que os rapaces teñen tan asimilado o uso das novas tecnoloxías que a lectura do conto de Poe foi doada. Nos grupos dos maiores foron máis as voces que reclamaron o valor do libro, do seu olor, da páxina… e maioritariamente circularon as “fotocopias” dos textos. Penso que a lectura virtual nunca poderá sustituir á tradicional pero tamén considero que é preciso aproveitar as indudables posibilidades que nos brinda este novo modo de acercarse ó libro.

Por casualidade descubrín na rede varios contos de K. Mansfield e durante varias horas a súa lectura espertou o meu desexo de saber máis da autora e de coñecer outras das súas historias. Foi tarea moi rápida (impensable logralo cun método máis convencional), que me convertiu en certo modo nun detective de literatura na rede. ¿Cambio a experiencia pola lectura tradicional? Non son incompatibles e, por suposto, mercarei algunha obra desta escritora.

“A lección de canto” é un sinxelo conto dunha profesora que imparte unha lección de música mentres recorda aspectos que a preocupan na súa vida persoal. O ambiente das clases, a relación cos alumnos ou o comportamento da protagonista provocaron máis dun sorriso entre nós (maioría profesores). Cos escasos datos que a historia proporciona, o lector pode supoñer como é a visión da vida desa muller e a súa relación co mundo.

“A vida de Ma Parker” é á vez un conto tenro e duro. Penso que resume con gran forza a dor e a soidade que pode agochar calquera persoa que pasa desapercibida pola vida diaria; dalguén que vive sen decatarse verdadeiramente do difícil que é atopar un lugar onde chuvia e choros se mesturen cando domina a tristeza e as lembranzas se tornan insoportables.

“Felicidade” provocou un acalorado debate; as diversas interpretacións que suscitaron varias alusións deste texto fixeron que nos meteramos de cheo nesta historia . A palabra do título resume un estado de ánimo, unha sensación desbordante… que enche a vida dunha muller sobre a que fixemos recaer moitos interrogantes: que sabe do seu marido? é feliz verdadeiramente? que relación ten con Pearl, que sente por ela? Creo que a forza do texto reside en que suxire máis que di, conta outras historias non por caladas menos importantes. A última pregunta que preside o texto: "que vai pasar agora?" deixa a sensación de chegar a un punto descoñecido; ademais, a esvelta pereira en flor, o gato negro e o gris... encerran moitas posibles interpretacións. No Nº 12 desta revista podedes ler o que outros interpretaron.

Outro relato curto: "Festa no xardín" pode consultarse na mesma páxina de bibliotecas virtuais (bivir). Tamén me pareceu interesante "La casa de muñecas" e especialmente "Veneno" porque recorda enormemente ó último conto, obxecto de máis comentarios.

E. A. POE, "El gato negro"

Nas follas que entreguei antes de que empezásemos a falar (pedín palabras que lles suxerise a historia) quedaron plasmadas algunhas impresións sobre o conto e a lectura:

“cruel, aterrorizante, tenebroso, sádico, terrible, medo, sangriento, sorprendente, macabro, siniestro, espanto, morte, asqueroso, tristeza, odio, desesperación, locura, maligno…”

J.Antonio contou algún detalle da vida de E.A. Poe e charlamos sobre o estraño comportamento do protagonista desta historia. Prácticamente todos os comentarios coincidiron en indicar que lles parecera un conto moi terrorífico e sinalaron algún dos episodios máis relevantes. Logo, proxectamos un vídeo e, con rostros moi atentos, seguiron a marcha da historia. Houbo varios momentos de sobresalto pero confesaron que o texto lles provocara máis medo.
Penso que a fascinación que exerce a lectura de Poe se debe a que sabe adentrarse maxistralmente nos aspectos máis malignos da natureza humana, naqueles lugares sombríos ós que só cun estremecemento somos capaces de imaxinar en todo o seu horror e crueldade.
Invítovos a ler outras historias deste autor:
"El escarabajo de oro", (hai un enigma no conto que a varios vos vai gustar!), "El pozo y el péndulo" ou si algunha vez cae nas vosas mans (haino na Biblioteca) tamén vos inquietará "El corazón delator".
Por certo, a experiencia de lectura virtual non supuxo ningunha dificultade para vós! Foi interesante?

Vídeo "El gato negro"

Podedes ver un vídeo do relato de Poe que imos comentar. É tan terrorífico como o texto?:

Balbordo na prensa

Publicado no Progreso o venres 9 de maio.

LECTURAS MAIO

Como comentamos na última reunión, as lecturas deste mes farémolas consultando obras en bibliotecas virtuais.
O autor elixido para os máis novos é E. A. Poe, do que podedes ler o conto de terror: "El gato negro". O grupo de profesores, pais e persoal non docente lerán tres contos de Katherine Mansfield: "A lección de canto", "A vida de Ma Parker" e "Felicidade"


Unha boa guía de recursos en liña para consultar bibliotecas virtuais galegas podes vela neste enlace. Tamén é moi útil este para acceder a distintas Bibliotecas Dixitais públicas.

R.L.STEVENSON, A ILLA DO TESOURO

Cando pensei en seleccionar este clásico de aventuras para o grupo de rapaces do Club busquei o exemplar da Illa do tesouro no que lin o libro na miña adolescencia; tiña as follas amarelas polo paso do tempo, as marcas nalgunha páxina que hai anos debín de reler, o olor tan característico dos libros vellos que encerran tantas historias de cada un de nós… Empezaron a circular ante os meus ollos palabras que xa tiña esquecidas: J. Silver, a mota negra, Perro negro, capitán Stevenson, Jim, pousada do Almirante Bembow, capitán Flint, Ben Gunn… e de súpeto recordei algunhas sensacións e imaxes do momento mesmo no que esta lectura de hai tantos anos chegou ás miñas mans. Si o libro aínda provocaba esa forza para mín supuxen que, a pesar de non ser un texto actual, podería agradarlles a eles. Polo que me dixeron na reunión a obra gustoulles moito. Só unha alumna me comentou un día polo pasillo que lle resultara moi difícil lelo porque se lle esquecía o que pasaba ¡quen sabe si nun segundo intento! e outra díxome que non lle gustara porque era un libro moi vello...
A reunión do xoves na Biblioteca foi un pouco atípica e o Recreo non deu para moito! O día antes estiveramos en Santiago e había moito que contar! Joel e Sandra, que nos representaron a todos moi ben, aínda andaban algo nerviosos! Vimos na pantalla a historia sintetizada nos 60 cromos (vídeo que podedes ver na entrada "Cromos da Illa do tesouro"), sabían ordenar perfectamente os 9 que lles entregara había días… Do libro, falaron de Jim, do tesouro, do capitán Silver, de piratas e de aventuras. Penso que no "ambiente de piratería" que vivimos estes días no centro, A illa do tesouro é a mellor mostra de que un bo libro de aventuras sempre pode estar de actualidade.
A continuación podedes ver a historia resumida en 60 cromos. (Si picades na imaxe apreciarédelos con detalle)


"Falamos de libros co Presidente"

O 23 de abril pola tarde un grupo de rapaces do Club Balbordo representou ós Clubes de lectura de secundaria de Galicia no acto: "Falamos de libros co presidente", que contou coa presenza do Presidente da Xunta, a Conselleira de Educación e a Directora Xeral de Ordenación e Innovación educativa. Os centros presentes foron: CEP Marcos da Portela (Pontevedra), CEIP de Pazos (Ferrol), CEIP de Présaras (Vilasantar), CEIP de Sigüeiro (Oroso), CEIP Humberto Juanes (Nigrán)e CEIP Pepe de Xan Baña (Sta. Comba). Tamén estiveron presentes, con videoconferencia, o CEIP A Ponte (Lugo) e CEIP Amaro Refojo (Verín).

Os rapaces comentaron algunha das súas lecturas; no caso do noso centro, Joel de 1º de Eso elixiu A illa do tesouro. Sandra, de 2º de Eso explicou que era un Club de lectura e sintetizou as actividades que nel se facían. Foi un acto moi emotivo no que se respiraba a sedución que para moitos alumnos supón a lectura. Os rapaces alí presentes só representaban unha pequena parte dos grandes lectores que hai en moitos centros; a súa ilusión só foi unha mostra da que día a día observamos en moitos dos que alí non estaban pero que tamén len.

Podedes consultar na páxina de Bibliotecas Escolares un enlace da noticia emitida pola tvg e un vídeo da Axencia galega de noticias. Temos que agradecerlles a Pilar e Cristina a súa continua dedicación dende a Asesoría de B.E. Grazas ós sete que sen dubidalo aceptaron vir a Santiago e, por suposto, a todos os membros de Balbordo, sen a vosa ilusión o Club non existiría.
Este vídeo (feito a partir das fotos que Paramio nos fixo) resume algúns momentos da segunda parte do día deste intenso 23 de abril.


video

X. MIRANDA, MORNING STAR

Onte, os dous grupos de pais, profesores e persoal non docente do Club contamos coa presenza de X. Miranda (grazas á colaboración do Departamento de Normalización Lingüística).
A actividade de Balbordo enmarcouse no contexto de propostas para o mes de abril, mes dos libros. Entre elas hai que destacar a exposición que abarca diferentes aspectos da piratería. Miranda tratou cos alumnos o tema dos piratas na literatura e, a continuación, uníuse ó noso Club para charlar de Morning Star. Neste texto está presente (indirectamente pero como elemento importante desta historia de aventuras) o último pirata galego: Benito Soto.
O entusiasmo pola literatura que transmite Miranda cando fala e os seus dotes de comunicador fixeron da longa reunión un agradable encontro do que nos quedará un grato recordo.
Contestando ás numerosas preguntas, compartíu connosco unha reflexión sobre o minucioso proceso de elaboración das súas novelas, consideracións sobre a riqueza do léxico galego e o modo en que se reflicte na súa obra... Tamén falamos das peculiaridades dos bandoleiros que aparecen neste texto, eses homes e mulleres silenciados pola "gran historia" e esquecidos ás veces na propia memoria do pobo de Galicia. Foi admirable a amenidade coa que nos comentou os diferentes tipos de armas que utilizaban na época ou a mención á investigación que supón, por exemplo, "vestir adecuadamente" ós personaxes da súa novela.
A posibilidade de que Morning Star fose levada ó cine, e as dificultades coas que ese proxecto se atopou, fíxonos reflexionar sobre as trabas coas que talvez se atopa a literatura galega para trascender fronteiras.
Desta novela de aventuras (homenaxe tamén á Illa do tesouro) destacaría a amenidade coa que asistimos a unha busca: a dun tesouro que, como todo xogo, implica riscos, aventuras e dificultades. Nese camiño, os protagonistas percorren moitos ambientes da xeografía galega do Século XIX e crúzanse con grande variedade de personaxes. Cambian interiormente e fanse "outros" deixando atrás (ou recuperando) o pasado.
Na obra están presentes a aventura, o amor, as gavelas, os piratas, a crueldade, a morte, a amizade, a tenrura... Penso que as palabras de Miranda no Apéndice do libro ilustran a esencia do texto: "Pretendín neste libro rescatar dos arquivos non a nosa Historia senón, polo contrario, a nosa aventura, pois xulgo que o século XIX galego ben vale uns relatos e que é hora de reivindicar a nosa memoria, e todas as historias están aínda por contar" (Morning Star, Ed. Xerais, 1998, p. 268).
Grazas Miranda por aceptar esta charla autor/ lector, que poucas veces temos a oportunidade de disfrutar os que somos amantes da Literatura.

PIRATERÍA

Cromos A Illa do tesouro

Nestes nove cromos antigos (Canadá, anos 50) resúmense moitos episodios importantes da obra que estás a ler. Observarás que están mesturados. O día da reunión do Club procura traelos recortados e ordenados seguindo a orde da historia; asocia cada imaxe ó texto que lle corresponda (está en francés e inglés!)



21/4/08

A continuación podedes "ler en imaxes" o libro do que falaremos dentro de tres días (picade na frecha):

video

Entradas más recientes Entradas antiguas Página principal

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds