LECTURAS DECEMBRO




OREJAS DE MARIPOSA. en BALBORDOBIS


Canto falaron hoxe os rapaces de BalbordoBis deste Álbum que lles encantou!
Mara é especial, nalgunhas cousas distinta, polo que debe reaccionar ante as ameazas que ás veces recibe dos que a rodean... Pero sabe facelo.


ESKORIA, GÓMEZ CERDÁ

No grupo dos rapaces pequenos de Balbordo comentamos esta obra de A. Gómez Cerdá. Como sucedeu con Nada, a lectura deste mes dos maiores, o texto fíxolles reflexionar sobre a violencia no ámbito escolar.
Falamos do que lles acontece a algúns dos rapaces da historia, do pesadelo diario que sofren cando se enfrontan ós abusos irracionais, ós insultos, ameazas e provocacións que poden converter unha vida completamente normal nun inferno no que, ás veces, os que o viven non son capaces de denunciar (como lles sucede ós dous rapaces que sofren a violencia dos outros nesta historia).
Un texto duro, unha temática forte (como a imaxe desagradable que dá entrada ó libro) e moitos temas para tratar.
Esa violencia agochada tamén ás veces pode ser arroupada polo silencio dos que a coñecen (sen participar nela) pero que están de costas a ela. As solucións ante situacións similares? Tamén as comentamos en Balbordo...

Maggie O`Farrell amosa nesta obra unha extrema sensibilidade e a difícil capacidade de combinar voces narrativas moi diversas e saltos temporais que poden facer algo complicada a lectura nalgunhas páxinas pero que a enriquecen considerablemente.
Penso que case todos os maiores de Balbordo nos "enganchamos" ó misterio proposto, ós impresionantes personaxes de Iris, Kitty e Esme. Falamos, falamos, alterámonos... metémonos na historia con paixón (coma case sempre!).
A novela vai provocando certo desacougo cando imos descubrindo detalles que se van dosificando sabiamente. Os pensamientos entrecortados de Kitty e Iris, os lugares evocados e o pasado, a trama que destapa segredos ocultos de familia, privacións de liberdade, sentimentos profundos e agochados... todo mesturado coa situación persoal de Iris que, de súpeto, ve alterado o seu mundo cando atopa  a unha tía avoa que reaparece para non deixar nada igual...

Creo é un libro para recomendar encarecidamente. Posiblemente non o esqueceremos en Balbordo.

NADA, JANNE TELLER

Cando me deixaron esta polémica novela de Janne Teller dicíndome que me ía impresionar, non se confundiron; inmediatamente pensei en que deberían lela os rapaces maiores de Balbordo (a maioría está agora en Bacharelato).
Non é doado sintetizar este libro sen desvelar parte do seu impacto, posto que iso é o que provoca cando avanzamos nas súas páxinas: unha forte gradación de sensacións e sentimentos que van medrando en intensidade e dureza.
Un rapaz adolescente (Pierre Anthon) deixa os estudos, sube a unha árbore e dende alí filosofa e increpa ós seus compañeiros dicíndolles que nada na vida ten sentido. Todos reaccionan intentando convencelo de que a vida está chea de significados e cavilan un plan cheo de consecuencias para todos.
Falamos de todo isto hoxe na reunión.
Impactante.
Unha profunda reflexión, unha realidade sobre a que hai que meditar... Éste é o vídeo de Seix Barral, Biblioteca Furtiva, no que a autora comenta a obra:

Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds