AMIGO/A INVISIBLE EN BALBORDO

O xoves 16 chegounos, de mans dun mensaxeiro, un agasallo para os adultos do Club. Non dabamos crédito ó que estaba acontecendo! Comezamos a abrir o paquete: unha preciosa caixa vermella cunha felicitación de Nadal. Dentro, outra caixa que contiña moitos sobres (A-Z) estupendamente decorados (cunha paciencia inmensa) e con frases en cada un deles. Por suposto que lemos absolutamente todos os textos!
A mensaxe xeral que acompañaba esta estupenda sorpresa era a seguinte:
"Algunos libros son probados, otros devorados, poquísimos masticados y digeridos"
(Francis Bac
on).
Supoño que esa frase que elixiu a nosa amiga invisible (logo descubrimos quen foi a nai responsable!) resume perfectamente o que facemos no Club: ademáis de devorar libros, mastigámolos e por suposto dixerímolos (e de cando en vez tamén os comemos:! recordade a tarta-libro de fin de curso).


Pois con esta entrada, e con estas tarxetas cheas de palabras e de cariño, vou despedir o ano.
Sabedes que xa levamos
3 anos xuntos no Club de lectura?
Que teñades unhas boas vacacións. E tomade nota si os reis vos traen algún libro que poda servir para que leamos en Balbordo...

Qué blanca más bonita soy, de D. Verroen, tivo varios Premios de Literatura Infantil. Por iso, discutimos na nosa reunión dos adultos si nos parecía ou non un libro adecuado para nenos e si llo leríamos ós nosos fillos pequenos.

Estes días atrás, todos os que se acercaban á Biblioteca a devolver o libro comentaban que o atoparan extremadamente duro, moi forte.

Está contando dende o punto de vista dunha nena de 12 anos á que lle regalan un escravo no día do seu aniversario.
É un texto sinxelo, crudo e directo, violento en moitas páxinas e triste noutras.
Polos ollos de María vemos o mundo da escravitude, o comportamento da súa familia, a súa conduta ante unha realidade que se presenta ante nós dun modo descarnado.
Moito deu para falar este curto texto.

ESKORIA, A. GÓMEZ CERDÁ

No grupo dos rapaces maiores de Balbordo tivemos a oportunidade de comentar esta obra, de A. Gómez Cerdá, que calou fondo.
Describe o pesadelo diario que sofren algúns rapaces cando deben enfrontarse ós abusos irracionais doutros compañeiros, ós insultos, ameazas e provocacións que poden converter unha vida completamente normal nun inferno no que, ás veces, os que o viven non son capaces de denunciar.
Un texto duro, unha temática forte (como a imaxe que dá entrada ó texto) e bastantes personaxes que non nos deixaron indiferentes.
Posiblemente conveña falar máis desa violencia agochada que tamén ás veces pode ser arroupada polo silencio dos que a coñecen (sen participar nela) pero que están de costas a ela.

O CARTEIRO DE BAGDAD, M. CALVEIRO

O libro elixido para o grupo dos pequenos de Balbordo (para este mes que adicamos ós Dereitos Humanos) foi O carteiro de Bagdad de Marcos S. Calveiro. Xa fora utilizado no noso Club con outro grupo de rapaces.
Penso que é unha lectura sinxela, directa e adecuada para compartir impresións sobre ela; aínda que a preocupación primaria dos protagonistas desta historia (sobrevivir nun mundo moi adverso) é moi distinta á dos nosos rapaces.
Falamos dos problemas do neno, figura que enche as páxinas deste texto, da súa familia (especialmente do seu pai, carteiro entregado ó seu traballo), das dificultades da vida diaria en Bagdad, de amizade e tamén da nostalxia.
As ilustracións, de Miguel Ángel Díez son estupendas. A seguinte resúltame moi suxestiva:

TARDES CON MARGUERITTE NA BIBLIOTECA

Ás 8 da tarde dun venres algúns pais, profes e persoal non docente saboreamos na Biblio un delicioso chocolate con churros mentres viamos unha película que nos gustou (como xa nos encantara o libro). Aplausos ó finalizar e máis dun comentario sobre o que nos parecera, tamén aproveitamos para recordar algúns detalles daquel texto.

LECTURAS DECEMBRO


O MUIÑEIRO OUVEADOR, Arto Paasilinna

Delicioso libro de Arto Paasilinna do que falamos onte (moi polo miúdo) os pais, profes e persoal non docente de Balbordo.
Un home idealista, impulsivo, traballador... que, por comportarse de modo distinto, recibe o calificativo de tolo por parte da veciñanza. Un home incomprendido que terá que pasar polo illamento, a soidade e a persecución aínda que posiblemente o que máis o caracterizase sería a súa ansia de liberdade.
Quedarán na nosa memoria personaxes inolvidables como o da asesora ou o carteiro, que demostran o seu amor e a súa amizade ata o final. E tamén odiosos "opoñentes" como o médico que é o responsable máis directo da traxedia do protagonista.
Un marabilloso libro que nos fixo pasar unha boa tarde en Balbordo.
Recordade que o venres proxectaremos na BIBLIOTECA a película "Mis Tardes con Margueritte". Está baseada en Tardes con Margueritte de Marie Sabine Roger, que nos gustou moito o curso pasado en Balbordo.

Este libro é un éxito entre o alumnado de 1º ciclo no noso centro polo que decidín este curso que o leramos en Balbordo. Tamén estes rapaces do segundo grupo comentaron que lles gustara moito, aínda que algún confesou que lle fixo chorar algunha parte do texto.
Na reunión de hoxe incorporáronse tres alumnos novos, unha delas é invidente polo que tivemos todos a oportunidade de palpar en braille La vida en la puerta de la nevera no exemplar que nos fixo chegar a ONCE.
Unha nai e a súa filla adolescente comunícanse mediante notas breves que sintetizan os agobios de cada unha, as inquedanzas, os reproches, a rutina diaria e a incomunicación.
Cando o tono das notas cambia (pola enfermidade da nai) todo se vai precipitando: asumir a dor dunha posible perda, recuperar o tempo perdido, disfrutar do pracer de compartir... son algunhas das reflexións que nos pode aportar este recomendable texto
Penso que deixa unha sensación de optimismo e tamén de desasosego que nos acompaña en todo o relato. Unha historia que chega a todos porque é entretida, breve e (fundamentalmente) trata un tema duro, que fai pensar.
"Cuando te miro/ veo a la mujer que quiero ser:/ fuerte y valiente,/ hermosa y libre".

OUTRA VOLTA Á TORNIQUETA, Henry James

Esta novela de H. James creo que produce unha sensación de intranquilidade, terror psicolóxico, dúbidas e misterio difíciles de igualar. Por iso quixen acercarlle este autor ó grupo de rapaces maiores de Balbordo.
Falamos do ambiente abafante da mansión na que suceden os feitos, das presenzas/ausencias fantasmagóricas que se lle aparecen á nova institutriz de dous nenos pequenos ós que deberá coidar sin ter que rendir contas a ninguén. Comentamos a minuciosa presentación psicolóxica de dita muller e o seu desexo de protexer ás dúas criaturas (sobre os que parece se extende a sombra dun antigo criado e unha institutriz mortos en estrañas circunstancias).
O texto provoca continuos interrogantes sobre a presenza dos "outros", que exercen influencia sobre os rapaces. A película Los Otros de Amenábar parece deberlle moito a esta obra, polo que procuraremos vela en Balbordo para comparar algún aspecto.
Un terror intenso, sen sangue, sen violencia só presidido pola creación dunha atmósfera de incertidume e medo psicolóxico no que dous inocentes nenos e unha nova institutriz son os protagonistas.
Unha novela para releer.

NoiteBiblio III

Un ano máis, de novo, sacos de durmir, relatos, xogos na Biblioteca... A sorpresa deste curso foi o grupo de alumnos (de 1º e 2º de BAC) e un profe que encheron de música o comezo da noite. Silencio absoluto nos pasillos e nas aulas mentres nós ocupabamos a nosa Biblioteca. Un ano máis profes e alumnos compartimos soños entre libros.

LECTURAS NOVEMBRO


É a primeira vez que en Balbordo eliximos unha novela de Ruiz Zafón; foi un libro que gustou e penso os animará a seguir lendo obras del, polos comentarios que fixeron (algún xa coñecía todos os seus libros).
Aínda que foi un pouco difícil onte comezar a primeira reunión do curso, co "balbordo" que tiñan os rapaces "veteranos", conseguimos falar de varios temas e detalles da obra:
as estatuas do xardín, o pallaso, o gato, o barco, os reloxos, a casa na que vive a familia...
Penso que é unha boa novela que fai se manteña a intriga ata o final. Nela hai momentos que verdadeiramente provocan arrepío; unha sensación constante de desacougo preside moitas páxinas do texto.
Déixovos un "librotrailer" do libro. E tamén unhas palabras que escribiu Ruiz Zafón sobre este texto:
"En el caso de El Príncipe de la niebla (...) decidí escribir la novela que a mí me hubiese gustado leer con trece o catorce años, pero también una que me siguiera interesando con veintitrés, cuarenta y tres u ochenta y tres años" (Páx. 8).


Contra el viento del norte, de D. Glattauer fíxonos pasar un rato máis que agradable na primeira reunión do curso .
Pasaba e pasaba o tempo e os comentarios continuaban ofrecéndonos moitos matices nos que cada un de nós repararamos.
Novos medios de comunicación, novas relacións persoais, novas costumes... e logo as preguntas que cadaquén se formulou sobre o libro, as impresións persoais, as críticas.
Un intercambio de e-mails entre dous descoñecidos desencadena unha historia de amor na que as palabras escritas que intercambian por internet provocan indecisións confesións, dúbidas... e especialmente fan saír da súa rutina diaria a dúas personas que se lanzan diariamente ó mundo virtual; un mundo no que a bandexa de entrada se convertirá nunha vía de escape, nun xogo para eles. Pero os xogos teñen as súas regras e neste haberá que xogar especialmente contra o medo á decepción.
O autor anuncia unha continuación: Cada siete olas, do que aventuramos de que podería tratar. Moitos lerémolo.

Comezamos a primeira reunión do curso, con varias ausencias, no grupo 2. Pola mesa circulaban os pasaportes e algún que outro libro do texto de P. Pullman elixido para comezar o curso.
O primeiro comentario foi que lles gustara.
Moito falamos da confianza que os pais depositan (ou non) nos fillos, das aventuras que pasa Lila para conseguir o que buscaba, do seu carácter, do valor da amizade, das costumes expostas no texto...
É un libro curto, sinxelo e moi fácil de ler. Penso que agocha moitos temas interesantes que xurden cando un comeza a medrar e quere tomar as súas propias decisións. A curta aventura que vive a protagonista permítelle descubrir que algunhas cousas non se logran sen contar coa axuda dos outros e que hai que loitar polo que un desexa.

Un libro moi entretido.

24 de Outubro, domingo, Día das Bibliotecas Escolares.
Recordas o que pasou no noso centro outros anos para celebrar esta data? A NoiteBiblio I e A NoiteBiblio II ?
Xa estamos preparando a NoiteBiblio III, que trasladaremos ó día 2 de Novembro.
Que acontecerá este ano? Unha dúbida preside as portas da biblioteca. Xa estamos inquietos... Haberá sorpresas.

Unha xoia (para ler, ver e reler) editada por Bárbara Fiore este álbum de Shaun Tan, autor do maravilloso Emigrantes ou El árbol rojo.
O corto de animación baseado no seu libro, dirixido por A. Ruhemmanal, recibiu Óscar ó mellor corto de animación no 2011 La cosa perdida é un libro divertido, de espazos cheos de palabras e imaxes nas que hai que pararse; un libro que recorda os manuscritos antigos, os xeroglíficos, os recortes, as matemáticas, as instrucciones técnicas, engranaxes, os selos...
Un libro para perderse... Unha amistade entre un rapaz e un obxecto desamparado e abandonado

LECTURAS OUTUBRO

PASAPORTES PARA LER

Parece que foi onte o fin de curso e xa estamos de novo de volta!

En outubro emprendemos nova viaxe en Balbordo e aquí está o noso pasaporte, que recolleredes na Biblioteca.

Pronto teremos organizados os grupos, as lecturas, as actividades... Preguntades cando comezamos a ler, que imos ler este curso, que faremos... Só espero que con ilusión podamos compartir xuntos (os de sempre e os novos) moitos momentos grazas á lectura.

E para que empecen a voar as palabras e a vosa imaxinación déixovos este video de YouTube:


BALBORDO CURSO 2009/2010


Dende hai tres anos xa, no mes de xuño hai reunión con sorpresa. Este curso unha delas foi a TARTA-LIBRO que Susana (unha nai de Balbordo) nos trouxo para o postre. Unha deliciosa tarta moi literaria e personalizada.
Ademais, Jorge Marcos (que leva tres anos en Balbordo e o próximo ano se traslada de centro), preparou as palabras que van a continuación e unha agradable sorpresa na que todos tivemos que ler, un conxuro moi especial en galego e inglés... Moi divertido!


GRAZAS A TODOS.

E estas foron as palabras de Jorge Marcos:
"Cando se me propuxo participar activamente nesta cea pensei: por min perfecto, encántame comer, pero claro, a invitación tiña trampa. Eu que son de cándida naturaza, notaba que ela, a muller de longa melena e que sempre anda a correr, me quería decir algo e non se atrevía, ata que, armándose de valor me di: tes que facer comentarios no blog!! Ui, esto non era, pensa en algo para facer nesta noite.
E xa me vedes a min preparando este discurso que nin pretendo que sexa sermón, nin estamos nun monte( referencia inevitable…)
Mirade, na miña infancia, como na de case todos, ser o segundo de varios irmáns nunca trae nada bo e se, por riba, o primeiro che sae listo case sempre é de noite, pois todos os focos apuntan sempre hacia él. Encima a él dáballe por ler, que farda moito convertíndote nun ser moito mais interesante, se cabe. A min o que me gustaba era xogar ao fútbol e adentrarme o mais pronto posible no misterioso mundo femenino, non fora ser que me pasara o sol pola porta.. tiña eu, 14 anos.
Que te manden para o Seminario a esa idade é para pensar se realmente os teus pais queren para ti o mellor, ou, simplemente, sacarte de en medio, pero co tempo entendín o acertado daquela decisión..
Alá coñecín ao meu tutor que, paradoxas do destino, sempre me levaba a un despacho cheo de libros e me comentaba o último que lera…e pensaba, o día que me atreva a abrir un que non sexa de lectura obrigada nos estudios, fago festa!!!!!
Ler parecíame aburrido, lento e mais ben, inútil.
Encima cando unha vez ao mes ia á casa, aparecía o lumbreras/literato, é dicir, o primoxénito, non deixándome dormir xa que me lia os seus bocetos de futuras novelas mundialmente famosas; a min sinceramente o único que me gustaba era cando nelas se falaba dalgún persoaxe que coñecía.
Mais cando me fixen maior de idade e observei que o meu éxito co xénero femenino era, cando menos, bastante discreto, ao contrario do Cervantes familiar, empecei a ler e un mundo novo se abriu en min. Foi cando tiven por compañeiro a Xerardo Quintiá que me leu moitos dos seus poemas e comentamos lecturas do mais variado… de fútbol non falabamos xa que él se nega a comentar algo que conteña un balón por medio..
E descubrín, entón, que un libro é un depósito de momentos felices, un sitio onde a vida é xusta, un refuxio. A emoción é refuxio, a memoria, tamén. E iso é un libro, emoción e refuxio. Sempre me gustou mirar para aquelas persoas que gastan o seu tempo cun libro entre as mans, mais non penso xa no libro, senón no recordo que ese libro deixa en nós.
Acaso ese refuxio que supón un libro, non se converte nos peores días, no recordo de tempos felices? E é que cando lemos, nunca estamos sos.
Pero, por qué ler, ao fin e ao cabo? Porque nos fai libres, libres para saber que a nosa vida é nosa, para saber que ao noso redor hai persoas que non tiveron unha existencia doada, para saber que esa nosa sorte non nos fai mellares; nin complexos nin orgullo, instrucción para porse na pel do outro. Se ler non nos aporta nada para a vida cotiá, serve de pouco. Tiven profesores que leron moreas de libros, pero estaban aillados do mundanal ruido; eran sabios, mais agora penso que sabio é aquel que o que le lle serve para trasfomar a realidade. Por iso, toda biblioteca é antes un taller que un almacén, mais viña que adega. Pero queridos amigos, non creo que todo libro teña que ser leido; eu tamén desprecio os libros xa que ante eles hai que ser exixentes,lelos sen concesións,criticalos sen piedade, será así como den froito e o den en abundanza…sóavos a frase?...

O clube de lectura dende que botou a andar deu froito abundante. Fermoso é nestes tempos xuntarse coa excusa de ler un libro, pero o que alá xurdeu, foi mais que simples comentarios de textos. En cada reunión, admirabamos a capacidade de cadaquén para saber mirar o mundo dese libro dende o seu modo de pensar, ideas encontradas, persoas encontradas, páxinas que se revelan a nós de xeito dispar.. pero qué gratificante é conversar, ler en compañía, disfrutar dos outros, desos xestos que nos fan familiares…ler une, o clube une.. Fomos invitados a bailes, tivemos un quinto fillo, cruzamos fronteiras de noite entre o amor e a morte, pagamos nos peaxes con letras en vez de euros. E todo, todo, por obra e gracia da divina providencia.
Pero, por qué ler? Sigo a preguntarme e preguntarvos; porque nos fai mais humanos, mais libres, compasivos e ás veces , mais felices e por moito que me pese recoñecelo, teño que agradecer ao primoxénito do meu clan e a todos vos, especialmente a Bea e Mariluz, ausente, os momentos compartidos á beira dun libro.
Temos o epílogo por escribir…esa será a nosa tarefa,compartida".





En BalbordoBis remataremos o curso o mércores 16 falando, vendo e escoitando parte deste libro do que fixeron un vídeo de animación os seus autores!

Pero antes dese día no que nos reuniremos, pensa: E ti que soños tés?



Tamén pode verse a presentación en ISSUU neste blog dos autores do libro.

J. Cortázar é un dos escritores que me levaron (hai moitos anos xa) a fantasear coa literatura, a poñerlle imaxes a realidades inexistentes ás que me acercou coas súas palabras e a súa tremenda forza imaxinativa. Cada relectura dos seus relatos me descubre algo novo no que non reparara. Por iso elixín algún relato corto de Cortázar para lermos, o grupo de alumnos maiores de Balbordo, no parque do lado do instituto na última reunión do curso.
Estas son algunhas imaxes dos momentos que compartimos no Parque, no que houbo tempo para ler, recomendar lecturas e coñecer un novo autor do que nunca oíran falar.


Comezamos coas poucas liñas de Página asesina:
"En un pueblo de Escocia venden libros con una página en blanco perdida en algún lugar del volumen. Si un lector desemboca en esa página al dar las tres de la tarde, muere".
E tamén lemos:







O seguinte debuxo (unha parte dos tres que fixeran) elaborárono, hai varios anos, dúas alumnas de 3ºESO (Uxía e Mar) da súa interpretación de "Continuidad de los parques" (Final de Juego). Foi outro dos relatos que lemos.

Tamén podedes escoitar algunha das historia de Cortázar, coa súa inconfundible voz "Continuidad de los parques" (Final del juego)

Continuamos en Balbordo o noso lema deste ano do Día do libro: "en Monforte Lemos" e agora (na última reunión) concretamos máis: "Lemos no Cabe "(o noso Río e tamén o noso Instituto).




Fomos, pois, dende o Río Cabe (o noso Instituto) ata o Río Cabe (o que pasa por Monforte) a ler este álbum ilustrado e falar das recomendacións dos rapaces (mellor dito, foron as rapazas as únicas que recomendaron!) para o verán!
Este Álbum de
Laetitia Bourget e Emmanuelle Houdart é un libro con ilustracións dun espectacular colorido e con palabras que non teñen desperdicio!

Como os rapaces me pediron que para a última reunión lésemos algo divertido, pareceume que este conto (moi, moi recomendable e divertido) podería ser unha lectura adecuada...
Cando os namorados baixan da súa nube (príncipe e princesa feitos o un para o outro) que sucede na convivencia diaria?
Estas son algunhas das preguntas plantexadas:
"¿Cómo eligieron el color del palacio sin discutir?"(...)
"¿Cómo podía el príncipe seguir siendo azul si roncaba en la noche?" (...)
"¿Y cuando a la princesa se le escapaba un ruidoso aroma a pesar de todos los esfuerzos por contenerlo?" (...)
"¿Y cuando él no advertía que ella se había puesto guapa sólo para él?" (...)
Estas e moitas outras cuestións, que quedan abertas nos contos, teñen unha hipotética resposta na última páxina. Foi o texto que lemos e miraron.
Logo tamén houbo lectura e risas e poucas ganas de volver ó outro "Río" coa calor que ía!!!

LECTURAS XUÑO



ALUMNOS GRUPO 1 MARTES 8 lectura sorpresa no Parque ás 9:35
ALUMNOS GRUPO 2: XOVES 3 "Lemos no Río Cabe; no Río Cabe Lemos" ás 11:15.


PROFES,PAIS E P.A.S. VENRES 11 ás 21:30 Cea e sorpresa

Esperabamos a visita de Xaquín López (reporteiro da tve) para poder escoitar a súa experiencia, relatada no libro, pero teremos que aprazar dito encontro para máis adiante...

Despois de ver o vídeo que vai a continuación, falamos en Balbordo, nos grupos de pais e profesores, das nosas impresións sobre este duro libro: tráfico de nenos, corrupción, miseria, diferentes modos de vida e costumes, posibles solucións...
É a primeira vez que non temos como lectura unha obra literaria polo que o tono das nosas reflexións foi moi distinto ó que adoitamos a cotío... Interesante experiencia. Moi diferente ás lecturas virtuais propostas para os alumnos no mesmo mes: literatura fantástica e de ciencia ficción.
Reproduzo unha entrevista que lle fixo Ana Guantes a Xaquín López, na "Ventana" da Ser, e o seguinte vídeo de youtube dunha entrevista de Teledonisti. O periodista explica algúns interesantes aspectos abordados neste texto:



LECTURAS VIRTUAIS NO GRUPO 2

As lecturas virtuais de maio no GRUPO 2, dos máis novos, foron obras de ciencia ficción:
Unha historia de Bradbury: La Sabana
Outra de J
Verne: Un expreso del futuro

Ós rapaces non lles gustou o breve texto de J. Verne, só comentaron que lles parecera aburrido... Deixo entón outro enlace a páxinas nas que poderán ler virtualmente outras historias deste importante autor (algún xa lera: A volta ó mundo en oitenta días) para ver si hai máis sorte esta vez!

O conto de Bradbury da Sabana encantoulles. Explicaron minuciosamente o que ocurría na habitación desa casa na que os nenos poden manipular a realidade, contan con todo tipo de modernidades... O que máis lles sorprendeu foi o final do texto, que algún non entendera ben.

Tamén se referiron ó que elixirían para a súa habitación no caso da hipotética posibilidade de que nun futuro houbese unha realidade semellante á que aí se plantexa.
Deixo tamén outro enlace virtual a varias obras máis deste autor que acaban de descubrir e que, penso, lles sorprendeu.

CIERRA LOS OJOS, en BalbordoBis

Este Álbum da editorial Thule foi ilustrado por Claudia Ranucci sobre un sinxelo texto de Victoria Pérez Escrivá.
É unha incitación a ver o mundo doutro xeito, non só cos ollos senón con todos os sentidos.
A conversa entre dous irmáns (un deles invidente) leva a reflexionar sobre as diferenzas, sobre as variadas formas de ver a realidade que nos rodea; tamén incita a pensar sobre o respeto e a comprensión.
"-Papá es alto y lleva sombrero."

"-¡Qué va!, papá es un beso que pica

y huele a pipa -dice alzando los brazos."

Un fantástico álbum que veremos nunha presentación (que nos preparou Paramio) para falar de cada ilustración en BalbordoBis.
Pecha os ollos e toca as letras, en veludo, antes de comezar o libro...

Hoxe, na Biblio, entre os agobios típicos de fin de curso, falamos da novela que está a rematar Lois (o noso escritor de 3ºB ESO, que pertence a Balbordo dende o 2007). Falounos de cando empezou a escribila, de como pensaba os capítulos, de canto tempo hai que ten na cabeza a historia...
Preguntáronlle, por exemplo, si tiña moita influencia de Tolkien; algún lle recordou que xa lle reprochara que tivese matado algún personaxe, tamén lle sinalaron algún que outro fallo... Outros viñan cos "deberes sin facer" e non lles dera tempo a ler o texto.
Xa nos anunciou que haberá segunda parte.
Un pracer podar contar en Balbordo con un gran lector que iniciou moi pronto a súa andaina literaria.
Moi boa sorte!

LECTURAS MAIO




No GRUPO 2, dos máis novos, lerán:

Unha historia de Bradbury: La Sabana
Outra de Julio Verne: Un expreso del futuro

A PERLA, J. STEINBECK

O libro elixido para o grupo dos máis novos de Balbordo foi: A perla de J. Steinbeck.
É un texto breve e duro, que incita á reflexión cando remata a lectura.
Falamos do argumento, do que non entenderan no final da historia, da violencia, da crueldade, da miseria, do comportamento dalgúns personaxes...
Moi acertada e sinteticamente indicou na reunión Sabela que do texto se poderían extraer varias ensinanzas; penso que a principal é a de que a felicidade non se atopa ás veces nas cousas que pensamos a van proporcionar (no caso do libro conseguir unha perfecta perla que supostamente sacará ós protagonistas da miseria) porque a avaricia e a deshumanización poden tamén coa maior das ilusións.
A perla pode que simbolice os soños irrealizables, os desexos, as promesas... o que de súpeto é arrebatado pola fatalidade.

Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds