LECTURAS DECEMBRO


ALUMNOS GRUPO 1: VENRES 11 na Biblioteca ás 11:10.

ALUMNOS GRUPO 2: XOVES 10 na Biblioteca ás 11:10.

PROFES, PAIS E P.A.S. MARTES 15 ás 16:00 e ás 17:30 na Biblioteca.

EL QUINTO HIJO, D. LESSING

Hoxe foi un deses días nos que nos evadimos apaixoadamente na Biblioteca cunha boa e moi recomendable lectura de Doris Lessing. Poderíamos resumir o que significou para nós esta obra cunha palabra utilizada por Serafín: IMPACTANTE.
Certamente, a lectura deste texto fixo que houbese un BALBORDO de voces que hai tempo non provocaba ningún libro nunha reunión. Non sei si o feito de que a maioría foramos pais fixo que nos identificásemos máis cunha hipotética situación plantexada; pode tamén que nos enriquecésemos coa visión dos que non o eran..., que en principio nos escoitaban en silencio. O discurrir tan lineal dun libro que non se detén en capítulos e incita a seguir lendo e lendo ata a última liña... contribuiu paralelamente a que tampouco nós deixásemos de falar nin un momento. Tiven a sensación de que moitos querían opinar tan pronto como alguén lanzaba unha nova suxestión, unha nova ollada sobre ese mesmo texto.
Esta vez non desvelarei nada da temática do libro; só me permito opinar que D. Lessing tratou e suxeriu maxistralmente moitos temas dos que ás veces evitamos falar, deses que posiblemente necesitarían máis reflexións e resolucións diferentes ás que a sociedade adoita.
A continuación deste libro (Ben en el mundo), que rodou de man en man polas mesas, deixou no aire da nosa Biblioteca onte o desexo de polo menos sete lectores que "están en lista de espera".
Podedes ver en Bibliocabe unha selección de Paramio de lecturas sobre a Discapacidade.

FUTUROS PELIGROSOS, de E. Barceló

Este libro de relatos de E. Barceló penso que "desconcertou" un pouco ós rapaces "veteranos" do Club. Comezaron lendo o cómic "Mil Euros por tu vida" (Jordi Farga e Luis Miguez) baseado nun dos relatos de Futuros peligrosos; cando devolvían o libriño o comentario máis xeralizado foi: que raro, non o entendín ben.... etc. Pedinlles que non se impacientasen, que leran as 7 historias posto que unha vez rematada a que leva o mesmo título do cómic lles sería máis doada a comprensión deste.

Reaccións moi diversas son as que provocou este texto... polo que antes de escomezar a nosa habitual charla, pedireilles que voluntariamente redacten no blog algo do que lles suxeriu o libro, o que non entenderon... Non saben que van realizar esta actividade polo que agardo sorpresas!!! Lerémolo nos comentarios...

Creo que é un libro que aborda futuros tan utópicos e á vez tan cercanos que crea certo desacougo: a inmortalidade, a manipulación xenética, a vellez, a realidade virtual, as prohibicións, o medo a morte e á soidade... Son temas ós que estamos afeitos pero o enfoque destas historias non pode deixar indiferente ó lector dun século caracterizado por continuos avances e cambios na percepción da realidade. Un lector atento debe reflexionar sobre as diversas propostas que o libro contén e de certo sei que estes excelentes lectores maquinaron; estou desexando escoitalos...
Tamén está publicada unha novela gráfica (guión de J. Farga e debuxos de L. Míguez) baseada en tres relatos da mesma autora

EL RELOJ MECÁNICO, de P. PULLMAN

Elixín esta obra de P. Pullman para comezar co novo grupo de alumnos de Balbordo porque considerei que a súa brevidade e o derroche de fantasía podería ser un modo idóneo de introducirnos na "primeira práctica" de falar con outros da experiencia da previa lectura individual. Vinme sorprendida gratamente por novos alumnos que durante este mes me foron comentando polos pasillos, ou na Biblioteca, algúns detalles do libro; tamén percibín algún que outro entusiasmo nos comentarios e que a obra lles gustara! (Aínda que Cristian non opinou o mesmo na reunión!) Por sorte, non sempre todos coincidimos nos gustos!
Neste primeiro encontro repartimos libretas, pins, camisetas, estrenamos pasaporte e falamos, falamos... Foi novidade para todos nós por non saber o que ía dar de si o libro e este primeiro encontro na Biblioteca!
Referíronse a algún aspecto da temática e de como acontece a historia. O personaxe do que máis se falou foi do príncipe Florian e dos sucesos que lle acontecen. Unha alumna comentou que pasou algo de medo nun momento da lectura. Tamén tratamos o comportamento doutros protagonistas deste texto (o novelista, Gretl...). Sinalaron que a historia podería continuarse perfectamente; de feito, algún lamentou que ó final queden interrogantes por resolver.
Penso que é un libro moi ameno, de lectura fácil e tan imaxinativo como a engranaxe dun vello reloxio, que cando se pon en marcha arrrastra canda el unha chea de pequenas pezas. Nesta novela hai sucesos estraños: realidade que se torna ficción, imaxinación que se volve real, historia narrada que se convirte en pesadelo... e unha certa dose de maxia!
Esperemos que neste novo grupo poidamos compartir moitas conversas e unha chea de lecturas. Benvidos!

O NOSO CLUB MÓVESE E O LOGO TAMÉN

Hoxe xa se puxo en marcha o novo club de rapaces de Balbordo. Os outros tres grupos comezamos en Outubro.
O deseño (de hai dous anos) de Manuel Sánchez para Balbordo móvese agora, igual que nós!!!

LECTURAS NOVEMBRO

ALUMNOS "VETERANOS": XOVES 19 na Biblioteca ás 11:10.

ALUMNOS "NOVATOS": MÉRCORES 18 na Biblioteca ás 11:10.

PROFES, PAIS E P.A.S. MARTES 24 ás 16:00 e ás 17:30 na Biblioteca.

Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds