Algunhas fotos da Noite BiblioII

Unha noite da pasada semana, algúns de nós de novo soñamos na Biblioteca... Os 20 mellores lectores do curso pasado (entre os que, por suposto, se atopaban moitos de Balbordo!) participaron nesta actividade na que houbo unha divertidísima caza do tesouro preparada por Paramio, relato de misterio de G. Maupassant (narrado polo pai dunha alumna e preparado por Xurxo), propostas para un cómic... Podedes ver en Bibliocabe un vídeo. A continuación está á vosa disposición o Audioconto.
Que disfrutedes escoitándoo.



Supoño que moitas outras bibliotecas estarán esperando abrir as súas portas para acoller calquera noite a un grupo de persoas dispostas a disfrutar dunha noite de letras, susurros, penumbra e sensación de atoparse nun lugar simplemente hospitalario e acolledor.

Grazas a todos os que facedes posible que sigamos tendo soños e ilusións!!!!




SANTIAGO LOPO, PEAXES

Cando rematei este libro de Santiago Lopo, que me recomendou hai uns meses Gracia, pensei inmediatamente en que podería ser un texto adecuado para comezar o curso.
É unha novela áxil, orixinal e moi entretida. No grupo de pais comentamos que mesmo podería chegar a ser unha boa curtametraxe.
Dende a visión atenta dun home que traballa nunha cabina de peaxe percibimos instantes, palabras soltas, música... dos conductores que pasan con fugacidade por estas páxinas. Tamén acompañamos a quietude do empregado e o seu escape da rutina cando maxina con detalle a vida de varios clientes habituais da autoestrada, que coa súa aparición cotián fan máis doado o traballo diario. Nun espazo tan pechado tamén hai liberdade para traspasar fronteiras, para a sensualidade e a liberdade de soñar.

Hai un ano os dous grupos de maiores de Balbordo comentabamos este mesmo libro. Este curso comezamos a primeira reunión dun dos grupos de rapaces (o veterano!) con esta lectura.

Sempre me resulta gratificante a experiencia de reler e reflexionar sobre un texto visto dende os ollos dun adolescente e os dos adultos. Neste caso, os alumnos fixáronse en cuestións nas que eu non lembro que nós repararamos o ano pasado: unha alumna mencionou a inverosimilitude das distancias percorridas pola boneca e deu pé a reflexionar sobre o xogo na infancia, recordos persoais e sobre a idade da protagonista desta historia. Tampouco creo que os maiores fixeramos unha reflexión tan profunda sobre a infancia de Kafka (e a posible relación con imaxinarse unha historia como a que se recrea no libro de J. Sierra) como a que outro dos membros de Balbordo interpretou tras documentarse sobre a vida de Kafka!
Falamos do valor esquecido de recibir unha carta, do comportamento do "carteiro", da metáfora sobre facerse adultos e deixar atrás a inocencia. Chamoume a atención que os rapaces, coma nós fixeramos, se fixaran en que a relación descrita no libro entre o home e a nena podería levar nos tempos de hoxe a desconfianzas entre os adultos; debido ós continuos abusos a menores que adoitamos atopar como noticia nos medios de comunicación.
A algún non lle gustou como remata a historia polo que, como propuxen hai un ano no comentario deste texto, anímovos a modificar o final.

II NOITE NA BIBLIOTECA

Por segundo ano consecutivo, esperamos que a do mércores sexa unha noite máxica.

Con estas imaxes pode que recordedes algún libro en concreto, algunha emoción, un pensamento que veu de súpeto nas nosas conversas...



Xa hai pasaportes para o novo curso ¡e cambios! Seguimos sendo moitos: dous grupos de maiores (pais, profes e persoal non docente) e outro de rapaces. En novembro comezará a andar un novo grupo de alumnos de 1º ESO anotados á experiencia de compartir lecturas Tamén BalbordoBis retomará a súa andaina!



Con este vídeo de YouTube douvos a benvida a todos e anímovos a compartir amizade e lecturas.

Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds