IRÈNE NÉMIROVSKY, EL BAILE

A lectura deste texto de I. Némirovsky pareceume unha boa ocasión para acercar a obra dunha autora que recentemente viña de descubrir despois de ler o seu magnífico libro Suite francesa, publicado tras azarosas vicisitudes.

Esta breve pero intensa historia xira en torno a un baile que ocupa os pensamentos e os comportamentos duns personaxes que quedan perfectamente caracterizados (en toda a súa complexidade ou a súa superficialidade, segundo as distintas opinións que expresamos). Actúan guiados polo recoñecemento social, a hipocrisía ou o egoísmo; aínda que a protagonista da historia se impón como figura clave polo seu arrouto de adolescente insatisfeita que sae do mundo da infancia para afirmarse tal vez como muller. Coa súa conduta provocará consecuencias imprevisibles para os que a rodean.
Destacamos deste texto a sinxeleza da súa linguaxe, o tratamento do paso do tempo (que precede á celebración do famoso baile) e tamén a forza de Antoinette, que desexa medrar e quizais tamén, nun futuro, repetir comportamentos que parece que reproba.

Espero contar coa oportunidade de "escoitar" as opinións dos máis novos cando lles propoñamos a lectura deste texto. "Os maiores" do Club comentamos que posiblemente a visión que eles nos ofrezan pode ser moi diferente á sensación coa que nós quedamos despois da lectura.

A obra deste importante escritor de literatura xuvenil ten como eixe o misterio. Gisbert trata de achegarse a ámbitos ocultos e inquietantes que sempre desacougan. Como afirmou no coloquio cos alumnos de primeiro ciclo, o campo temático común dos catro relatos que compoñen Los caminos del miedo son: "El miedo, la muerte, el miedo a la muerte y la muerte por miedo". A maioría das preguntas que lle fixeron os alumnos foron sobre o primeiro dos relatos: "La obsesión de Amberes" (do que explicou o proceso de creación). Na charla posterior do Club de lectura comentaron outros textos: especialmente o misterioso relato "Pupilas de obsidiana" no que nos centramos na curiosidade que suscita a caixa que lle confía a unha muller un raro e misterioso veciño. Chegamos á conclusión de que tampouco nós deixariamos de abrila! Do conto "El mensajero de la muerte" trataron o tema das obsesións encarnadas no estraño comportamento do protagonista cando pensa que é vítima dunha maldición. Por último, "En la llanura blanca" suscitou que algúns alumnos propuxeran unha interpretación simbólica sobre o final deste texto.

Para La mansión de los abismos Gisbert indicou que partira do coñecido tema de Barbazul, asasino de mulleres. Moitos alumnos preguntáronlle ó autor sobre algún personaxe do texto (Gundula, a criada muda...) e algún foi máis aló formulando as súas dúbidas sobre o "espacio vivo", a outra dimensión que introduce un ambiente de irrealidade na historia. Tamén no Club se referiron a algún destes aspectos e fixeron consideracións sobre o raro protagonista da historia e o enigma que o rodea. Precisamente foi dita temática misteriosa a que motivou a escolla deste mes, porque é un tema do agrado de gran parte do alumnado. Ademais, a intención era tamén que os socios do Club comentasen as súas impresións sobre o encontro cun escritor do que viñan de ler unha obra. Era a primeira vez que moitos contaran con esa oportunidade e, en xeral, comentaron que fora unha boa experiencia.

VISITA DE J.M.GISBERT

O 3 de marzo este coñecido escritor de novela xuvenil de misterio estivo na nosa Biblioteca. Falou cos alumnos de 1º e 2ª da ESO e a continuación cos de 3º e 4º.
Algúns alumnos de 3ºA debuxárano previamente sen ter coñecemento do seu aspecto. Os de 4ºA fixeron a súa hipotética descrición. O resultado, que tamén viu e leu o autor, foi o seguinte:
"Hombre de mediana edad -40 ó 50 años- estatura mediana, de pelo ni corto ni largo y de color negro o canoso, casi calvo; la cara con forma alargada y con barba, los ojos saltones y brillantes, y con gafas, de mirada atenta; esbelto y no muy delgado.

Va vestido de manera informal, acorde con su edad.

Es independiente, ha tenido pocas relaciones amorosas; no tiene ni mujer ni hijos. Vive solo en un chalet de la costa catalana. En su tiempo libre se dedica a la jardinería, a viajar y a conocer sitios nuevos.
Hombre interesante, culto, alegre, juvenil, sociable con sentido del humor y un poco extravagante al que le gusta la diversión y el ocio; enigmático, como sus historias. Es fanático de los libros y las películas de misterio; fascinado por la geometría -por lo que es posible que sea matemático- y que tiene una gran imaginación, así como gran facilidad de palabra, por lo que no le da vergüenza hablar en público.
En definitiva, un hombre que no piensa igual que los demás". (Alumnos de 4ºA ESO)



LECTURAS MARZO

Os libros para este mes son: El baile (I. Némirovsky), La mansión de los abismos e Los caminos del miedo (J.M. Gisbert)



O 14 de febreiro reunímonos os dous grupos de profesores, pais e PAS para falar desta obra de A. Skármeta. Previamente, proxectouse na Biblioteca a película correspondente (dirixida en 1994 por Michael Radford e protagonizada por Massimo Troisi). Comentamos deste modo a sempre frutífera relación literatura/cine, actividade que aínda non levaramos a cabo no centro.


Charlamos distendidamente sobre as diferenzas entre o libro e a película: especialmente dos distintos finais, do diferente país no que se ambientan as escenas dun e doutra, das variantes na presentación da relación de Neruda e Mario, do tratamento do desexo amoroso nas obras...


A amizade, a admiración, a melancolía, o amor, a ilusión, a literatura e a política mestúranse neste magnífico texto. Penso que esta emotiva obra entusiasma pola súa capacidade de descubrir o poder de namorar da palabra.

Podes ler a obra traducida ó galego na páxina bivir.

Fran Alonso, Cartas de amor

Este libro de F. Alonso supera as expectativas de atopar unha recompilación de cartas de temática amorosa. É moito máis ca iso. As mulleres que escriben estas cartas (loitadoras, marxinadas, valentes, soñadoras...) falan das súas circunstancias vitais e recrean coa súa voz moitos problemas do mundo actual: violencia, guerras, explotación, marxinación social... As historias ambiéntanse en lugares moi diversos e penso que isto contribúe a facer o libro máis enriquecedor, aínda que debido a iso algunhas referencias culturais resultáronlles difíciles ós rapaces e requiriron maior explicación (por exemplo, no cuarto relato as referencias á situación do Sáhara).
Os alumnos comentaron a súa sorpresa inicial por non encontrar no libro o que esperaban polo título e pasaron seguidamente a dar a súa opinión sobre cada un dos textos lidos. Falaron da dor que se percibía nalgunha das historias, do valor da amizade presente noutras, das dificultades económicas e de integración social dalgúns dos personaxes... Os relatos máis comentados foron "Confesión" e "Lonxe". Relacionado co último (que trata o tema da emigración dende a visión nostálxica dunha moza que vive lonxe do seu pais) quero salientar as reflexións dunha alumna que chegou doutro país o pasado curso; comentou que se sentira conmovida coa historia e que sempre agradecería a axuda que tivo por parte de varias alumnas.
O obxectivo perseguido cando se propuxo este libro viuse cumprido: falar doutras vidas que perseguen día a día a defensa dos seus dereitos humanos, das súas ilusións e frustracións ou tamén da dignidade persoal.

Lecturas febreiro

A elección destes libros estivo relacionada coas actividades levadas a cabo dende a Biblioteca na semana do 14 de febreiro: II Concurso de microcartas de amor ou a exposición "Tender o/ó amor" que recolleu no vestíbulo do centro unha selección de cancións de amor, as cancións que namoraron a profes, alumnos...

Balbordo sae á rúa

Dende xaneiro, os nove exemplares do Neno co pixama a raias, que temos na Biblioteca, prestáronse continuamente no centro. Por iso, decidiuse liberar un dos libros para que tamén puidese chegar a persoas alleas ó Instituto. Esperemos que teña unha boa andaina!

Documental 30 de xaneiro

Para continuar a reflexión sobre a temática do libro de J. Boyne, o día da non violencia e a paz proxectouse na Biblioteca un documental sobre o racismo (dirixido por Tim Robbins e emitido en Odisea).

John Boyne, O neno do pixama a raias

Foi este o primeiro libro elixido para os tres grupos de socios do club:

Esta obra de J. Boyne da que falaron os alumnos na primeira reunión, penso que foi o mellor inicio posible para converter a nosa Biblioteca nun recuncho de voces moi atentas, respectuosas e sensibles cara á aventura que viñan de ler.

Mostraron grande sensibilidade ó tratar distintos temas que aparecen no libro (a amizade, a ansia de exploración, o xogo...) e todos reflexionamos sobre os distintos personaxes e a súa peculiar situación.
Antes da lectura, entregueilles uns libriños plastificados nos que se vían as portadas das edicións en galego e castelán. Neles deixaron debuxos e diversos comentarios:



A reunión cos outros dous grupos (profesores, pais e PAS) levounos a varias horas de conversación na que se salientou a tenrura que o libro esperta, a aparente sinxeleza da historia, a temática. E así evocamos distintas situacións e personaxes desta conmovedora historia


Logo


Logo chegou o LOGO que fixo Manuel Sánchez, o profesor de plástica. E logo a tarxeta de socio, máis adiante as libretas, camisetas...


Nome do Club

En novembro, a palabra elixida para o noso club foi Balbordo porque alude ás nocións de bulicio, algarabía e especialmente ó ruído de moitas voces xuntas. Para presentarmos o nome, colocamos un anuncio no que fomos engadindo información en días sucesivos: primeiro as dúas letras dunha palabra que "daría moito que falar no centro" acompañada das súas acepcións. Ó día seguinte puxemos os sinónimos para dar máis pistas. Por último, revelouse a adiviña.

Entradas más recientes Página principal

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds