O CLUB DA CALCETA, MARÍA REIMÓNDEZ

O pasado martes, na Biblioteca, os maiores de Balbordo "calcetamos" con María Reimóndez. Ningún levaba agullas nin la pero coas nosas palabras fomos enganchando puntos, soltando puntos, tecendo durante máis dunha hora a nosa visión deste libro; unimos a nosa calceta coa da autora e coa das sete mulleres presentes nesa historia. No espacio íntimo da Biblioteca e do Club, en certo modo similar ó da calceta, compartindo en voz alta os nosos pensamentos sobre o libro fomos enredando e mesturando as problemáticas individuais de cada personaxe coa súa experiencia colectiva nun club de calceta. María comentou que non se explicaría ese libro sen ter en conta a súa concienciación sobre a necesidade de buscar solucións nunha loita colectiva. Neste sentido, podedes ver que foi fundadora da ONG Implicadas/os no desenvolvemento.


Falamos da adaptación da novela ó teatro e tamén da estrea, ó día seguinte, da versión cinematográfica do texto. Quizais as vivencias e pensamentos das seis mulleres protagonistas do Club da calceta foron as que máis centraron a nosa conversa. Especialmente mencionamos a Fernanda, Luz ou a Tía Davinia; comentamos temas como a prostitución, a discapacidade, a discriminación ou a violencia, ás veces invisible, á que se ven sometidas moitas mulleres diariamente. Salientamos o feito de que ó compartir palabras e problemas as mulleres poden mellorar a súa situación se se apoian conxuntamente.


Este libro, que M. Reimóndez adicou "A todas as mulleres que, ante tanta violencia, non reaccionan con violencia", fai reflexionar sobre as dificultades de lograr a igualdade entre homes e mulleres pero co optimismo da autora tamén defende que pequenas accións poden levar a grandes cambios.


Queremos agradecerlle a María a oportunidade de "facer puntos" con ela no noso Club e desexámoslle moita sorte na nova etapa que vai comezar.

USHA, MARÍA REIMÓNDEZ

Os rapaces de Balbordo contaron este mes cunha visita moi especial: María Reimóndez, autora do libro elixido para maio.
Con ela comentaron as súas impresións sobre a protagonista de Usha, a relación coa súa nai, os distintos comportamentos sociais e da vida cotián da India... falaron dese lugar e tamén formularon inquietudes:

Un preguntou pola alusión á serpe coa que comeza a historia, a outro interesoulle si era habitual na India algunha situación concreta de violencia que se narraba no texto; outro quixo saber de que zoa de Galicia sería Usha e tamén houbo quen lle pediu á nosa invitada que contase si as dúas amigas ían conseguir ou non o seu soño. Como adoita pasar nas nosas reunións, unha vez máis comprobamos que os personaxes, aínda que saídos da imaxinación, adquiren vida propia na mente de cada lector!! Por iso, a curiosidade por saber mais desa historia que non remata (como esas que tanto lle gustaban a Usha cando as escoitaba da súa nai) tamén nos fixo rir e imaxinar o martes.
Creo que con Usha (obra que, en palabras dos rapaces, se resume en "amizade" ou "a convivencia do distinto") María transmíte que é posible o entendemento entre culturas moi distintas, as aportacións mutuas sen imposicións duns ós outros... que é posible, e necesario, obter unha visión da vida máis complexa e rica cando se abandonan pensamentos restrinxidos; tamén penso que afonda na idea de que é preciso comprender que o diferente ó que un coñece non é menos importante do que un posee.

Usha é moi nova pero tén o privilexio de experimentar vivencias non comúns en nenos da súa idade; entrelaza a súa historia da India e Galicia resumindo como a amizade, a confianza e a aprendizaxe de vivir asimilando como normal o distinto é un achegamento á convivencia diaria.

Novela xuvenil excepcional é esta creación dalguén tan comprometido como María Reimóndez, que onte abriu camiños de reflexión a estes rapaces para os que a India agora será un pouco menos descoñecida. Estou segura de que entre estes grandes lectores varios van querer saber máis. Realmente foi unha reunión que todos quereriamos repetir!

BALBORDO MAIO



ALUMNOS:VENRES 24 NA BIBLIOTECA ÁS 13:25.
PROFES, PAIS E P.A.S. MARTES 19 ÁS 16:00 NA BIBLIOTECA.

EL SEÑOR PIP, LLOYD JONES

Este é un deses libros que algunha vez hai que ler, ou reler, por varias razóns:

Porque nel a oralidade, a literatura e a lectura se presentan como unha necesidade á que se chegará seguramente si alguén ou algo consigue fascinarnos ou, simplemente, espertar a nosa curiosidade.
Porque nel irrumpe o medo e a violencia dun xeito tan sobrecolledor que non admitirá a indiferencia dos lectores.
Porque o ambiente que recrea entrelaza a realidade do que se describe co non vivido ou "cos silencios" da vida de moitos personaxes da historia.
Porque os protagonistas son tan complexos e profundos que resulta difícil non reparar na súa forza.
Porque nesta novela se abordan numerosos temas (resaltamos este aspecto na nosa reunión) que poden ser obxecto de reflexión: a educación, a familia, a lectura, a covardía, a crueldade, a infancia-adolescencia, a supervivencia...
Esta lectura de Lloyd Jones conmoveume porque me fixo trasladar a un mundo de evocacións e melancolía; a un mundo no que algo aínda pode ser salvado co poder da palabra e da imaxinación.

Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds