K. MANSFIELD, TRES CONTOS

A experiencia deste mes confirmou que os rapaces teñen tan asimilado o uso das novas tecnoloxías que a lectura do conto de Poe foi doada. Nos grupos dos maiores foron máis as voces que reclamaron o valor do libro, do seu olor, da páxina… e maioritariamente circularon as “fotocopias” dos textos. Penso que a lectura virtual nunca poderá sustituir á tradicional pero tamén considero que é preciso aproveitar as indudables posibilidades que nos brinda este novo modo de acercarse ó libro.

Por casualidade descubrín na rede varios contos de K. Mansfield e durante varias horas a súa lectura espertou o meu desexo de saber máis da autora e de coñecer outras das súas historias. Foi tarea moi rápida (impensable logralo cun método máis convencional), que me convertiu en certo modo nun detective de literatura na rede. ¿Cambio a experiencia pola lectura tradicional? Non son incompatibles e, por suposto, mercarei algunha obra desta escritora.

“A lección de canto” é un sinxelo conto dunha profesora que imparte unha lección de música mentres recorda aspectos que a preocupan na súa vida persoal. O ambiente das clases, a relación cos alumnos ou o comportamento da protagonista provocaron máis dun sorriso entre nós (maioría profesores). Cos escasos datos que a historia proporciona, o lector pode supoñer como é a visión da vida desa muller e a súa relación co mundo.

“A vida de Ma Parker” é á vez un conto tenro e duro. Penso que resume con gran forza a dor e a soidade que pode agochar calquera persoa que pasa desapercibida pola vida diaria; dalguén que vive sen decatarse verdadeiramente do difícil que é atopar un lugar onde chuvia e choros se mesturen cando domina a tristeza e as lembranzas se tornan insoportables.

“Felicidade” provocou un acalorado debate; as diversas interpretacións que suscitaron varias alusións deste texto fixeron que nos meteramos de cheo nesta historia . A palabra do título resume un estado de ánimo, unha sensación desbordante… que enche a vida dunha muller sobre a que fixemos recaer moitos interrogantes: que sabe do seu marido? é feliz verdadeiramente? que relación ten con Pearl, que sente por ela? Creo que a forza do texto reside en que suxire máis que di, conta outras historias non por caladas menos importantes. A última pregunta que preside o texto: "que vai pasar agora?" deixa a sensación de chegar a un punto descoñecido; ademais, a esvelta pereira en flor, o gato negro e o gris... encerran moitas posibles interpretacións. No Nº 12 desta revista podedes ler o que outros interpretaron.

Outro relato curto: "Festa no xardín" pode consultarse na mesma páxina de bibliotecas virtuais (bivir). Tamén me pareceu interesante "La casa de muñecas" e especialmente "Veneno" porque recorda enormemente ó último conto, obxecto de máis comentarios.

2 comentarios:

Dos tres contos o que máis me gustou foi "A vida de Ma Parker". Ma Parker tivo unha vida complicada. Traballadora, viúva, con varios fillos mortos... Agora mórrelle un neto. Porén ela nunca chorara. Pero con esta morte, sente a necesidade de chorar. A calquera de nós seguramente nos chegaría un pequeno recuncho da cociña do literato que estaba a limpar para derramar unhas cantas bágoas. Pero a ela non. Nunca antes chorara. Por iso é tanto o que ten que chorar... E non atopa lugar. O mundo estréitase e a súa dor ensancha cada vez máis. E todo é tan traxicamente inxusto que nin sequera é dona dun lugar no que poder chorar. Por certo, non sei por que dende o principio do conto me imaxinei a Ma Parker como unha muller robusta e de cor negra.
Respecto do conto "A felicidade" sigo a pensar que a protagonista non coñecía o romance do seu home coa súa mellor amiga -por moito que algunha integrante do club de lectura se empeñe en intentar convencerme-. Bertha séntese feliz porque na súa vida, tan simple e tan baleira- non necesita nada máis. Cando o seu home chama para dicir que vai chegar tarde á cea, eu empezo a desconfiar da súa relación con Pearl. Por algo a narradora insiste tanto na precoupación que Bertha ten polo desprezo que o seu home lle ten. Penso que a intención da narradora é precisamente esta: todos sabemos o que pasa agás Bertha. E preguntámonos como vai reaccionar. Naturalmente non podía ser doutra maneira: unha muller que se resigna a non poder coller nin sequera a súa filla, que é feliz cun home ó que antes nin desexara, non podía actuar doutra maneira. E aí estaba a pareira para recordarllo. A árbore, fermosa, froiteira, seguía igual. Todo seguiría igual. Porque a vida sempre segue. Porque o tempo non se detén e as árbores non caen. E Bertha poderá seguir sendo feliz, ou tal vez triste, pero a pereira seguirá, indiferente, coa mesma fermosura de sempre.

3 de junio de 2008, 20:41  

Os recomiendo también la lectura de "Fiesta en el jardín", es un relato precioso. K Mansfield es, injustamente, una gran desconocida

17 de junio de 2008, 23:33  

Entrada más reciente Entrada antigua Página principal

Related Posts with Thumbnails

Blogger Template by Blogcrowds